Portos nega trato de favor a ENCE tras modificar unha lei só para ela

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal

“A Xunta rebaixou nun 60% as taxas que ten que abonar a empresa [ENCE] polo uso do peirao de Ribadeo”. Así o recoñeceu este xoves o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, no Parlamento ante preguntas do BNG sobre o convenio asinado en 2011 entre a pasteira e o su departamento cuxas cláusulas desvelou en exclusiva Praza Pública. Durán negou a acusación nacionalista de estarlle dando “trato de favor” a ENCE e salientou que con ese convenio “a Xunta de Galicia cumpre a legalidade” xa que a lei “permite axustar as taxas portuarias para captar estes tráficos”. Porén, Durán obviou que esa lei foi precisamente cambiada polo PP en decembro de 2010 para permitir ese tipo de convenios. Tampouco dixo que tras esa modificación legal Portos só asinou un convenio de rebaixa de taxas a mercadorías, o de ENCE.

O acordo asinado entre Portos de Galicia e ENCE en 2011 rebaixoulle á pasteira ata un 60% a taxa por usar o peirao de Ribadeo para mover por el a produción da súa factoría asturiana de Navia, baixo a ameaza de que senón cambiaría o porto galego polo de Xixón. A sinatura daquel convenio foi pública, pero non así as súas cláusulas, que foron publicadas por vez primeira hai un mes en Praza.gal. Nelas constátase que o Goberno galego lle perdoou a ENCE cartos a cambio de manter en Ribadeo unha produción mínima, que superou xa en 2012. Desde entón, na práctica o convenio rebáixalle a ENCE as taxas ata 2019 de xeito unilateral faga o que faga coa súa produción, aínda que leve toda ou parte dela a Xixón. O convenio mesmo parece redactado pola propia ENCE e non pola Xunta cando fala en primeira persoa da “nosa factoría de Navia”.

Para poder asinar o convenio o PP mudou a lei en decembro de 2010, pero Portos nega "trato de favor" á pasteira

Para poder asinar ese convenio con ENCE en 2011, o PP cambiou a lei en decembro de 2010 e introduciu a seguinte redacción, ata entón inexistente, no apartado da taxa portuarias sobre mercadorías: “Para potenciar a captación e consolidación de tráficos en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a cota líquida desta tarifa a aqueles tráficos que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos”. E engadiu que “só terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes aprobados no correspondente convenio con Portos de Galicia”. Máis de cinco anos despois, Portos só asinou un único convenio para a bonificación de tráficos relevantes en toda Galicia: o de ENCE en Ribadeo.

Cinco anos despois Portos só asinou un único convenio para a bonificación de tráficos relevantes: o de ENCE

Na súa intervención no Parlamento, o presidente de Portos obviou esa modificación legal impulsada polo PP da que ata o momento só se beneficiou ENCE. Tampouco contestou Durán á pregunta que lle formulou a deputada nacionalista Montse Prado sobre a cantidade que deixou de ingresar Portos desde 2011 por esa rebaixa. O presidente de Portos esforzouse en salientar que a rebaixa de taxas a ENCE foi reclamada polo propio alcalde de Ribadeo, do BNG. Porén, Prado insistiu en que a Xunta “publicitou o convenio agachando o seu contido” á medida da pasteira.

Na mesma comparecencia, a Durán preguntóuselle polo volume de auga fluvial que consome a factoría de ENCE en Pontevedra. O presidente de Portos contestou que a empresa ten unha concesión para captar 1.500 litros por segundo, “pero non hai a obriga de especificar canto se consome dentro da mesma”, dixo.

Noutra pregunta sobre ENCE dentro da mesma comisión parlamentaria, neste caso do PSdeG, o secretario xeral de Calidade Ambiental, Justo de Benito, eludiu informar sobre que estudos realizou a Xunta sobre un posible traslado da factoría, como comprometeu o PP nos seus programas electorais de 2009 e 2012.

Prado (BNG), amosando o convenio revelado por Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.