Se os grupos con representación no Congreso dos Deputados non chegan a un acordo nas vindeiras semanas, o 3 de maio convocaranse eleccións xerais para o 26 de xuño. Ese é exactamente o mesmo límite que o PP e, en última instancia, Alberto Núñez Feijóo, ten para determinar se hai un adianto electoral en Galicia, facendo cadrar os comicios ao Parlamento galego con esas eventuais novas eleccións xerais. Así o fixa a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia dende que foi modificada en 1992, cando se introduciu a obriga de que a persoa titular da Presidencia da Xunta convoque as eleccións entre 54 e 60 días antes da data elixida para celebralas.
Resta, polo tanto, apenas un mes para que se despexe a incógnita que atenaza a práctica totalidade das forzas políticas galegas e que, na práctica, ten os poderes lexislativo e executivo traballando a medio gas dende finais do pasado ano. A lei confírelle ao presidente a facultade de manexar os tempos nun escenario no que o principal interrogante segue a ser el mesmo, a súa continuidade á fronte do PPdeG como presidente e candidato, se ben este semella que ficará despexado a vindeira fin de semana, cando a xunta directiva dos conservadores galegos fixe as datas para o seu congreso autonómico, do que xa se sabe que terá como sede a cidade de Ourense.
A lei establece que o presidente da Xunta debe convocar as eleccións entre 54 e 60 días antes da súa celebración
Aínda que o ruxerruxe en torno ao adianto electoral é constante dende o partido do Goberno esfórzanse en restarlle importancia. O último en facelo foi vicepresidente da Xunta, presidente do PP de Pontevedra e aínda secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda. Nunha entrevista en RNE o número dous de Feijóo reiterou que a intención da formación é "esgotar a lexislatura" para así seguir facendo bandeira da "estabilidade". "Aquí temos estabilidade, podemos seguir culminando proxectos coa tranquilidade de non estar pendentes do que pasa ao redor", afirma, nun contexto no que, asegura, o único criterio para fixar a cita coas urnas será "o que lle convén a Galicia", non o que lle convén "ao Partido Popular".
Nesta liña, Rueda asegura que o resto de formacións políticas e, nomeadamente, o PSdeG, "teñen tempo dabondo" para decidir a quen sitúan nos seus carteis electorais para dar a batalla pola Xunta. No que atinxe ao PP, asegura, xa hai algo "claro" a respecto do que fará Feijóo. "Ou segue en política en Galicia ou deixa a política", di, unha vez evidenciadas as escasas posibilidades do actual presidente para emprender unha aventura na escena política estatal como remuda de Mariano Rajoy.
Xestora socialista, "refundación" do BNG e Mareas en Común
A elección da candidatura socialista estará rexida polo calendario que lle toca decidir á xestora que tomou as rendas do partido dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro. Esa xestora mantén a súa primeira xuntanza na tarde deste luns baixo a presidencia de Pilar Cancela, secretaria de organización na Executiva de Besteiro cuxo nome vén figurando recorrentemente nas cábalas para a candidatura á Xunta xunto a outros como o da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva -a quen Abel Caballero desbotou para o posto a pasada fin de semana-, o da exconselleira e edil en Vigo María José Caride ou o exministro e exdeputado Francisco Caamaño, que recentemente se incorporou a un bufete de avogados e cuxa próxima intervención pública se producirá o vindeiro día 1, nunha conferencia sobre memoria histórica na Universidade de Santiago.
Este luns comeza a traballar a xestora do PSdeG e o BNG presenta o seu proceso de refundación
De xeito paralelo aos avatares socialistas transcorre o procedemento interno inmediatamente posterior á Asemblea do BNG cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, explica este luns o "calendario, lema e metodoloxía" da "refundación" da organización. Este proceso, como a propia Pontón detallou nunha recente entrevista en Praza.gal, desenvolverase simultaneamente aos contactos e decisións para a elaboración do programa electoral e a elección de candidaturas para os comicios galegos. Na liña do aprobado na Asemblea o Bloque manterá encontros con outras formacións do eido nacionalista e soberanista para pechar a fórmula de concorrencia.
As forzas de En Marea teñen ante si o interrogante de como encaixar no proceso das Mareas en Común
O terceiro piar da actual oposición galega, o espazo político das mareas, afronta o incerto calendario electoral ollando ao mesmo tempo ás Cortes e ao que acontece no interior do país. Unha repetición das xerais obrigaría as forzas que conformaron En Marea a decidir de vez se apostan ou non pola fórmula do partido instrumental -a utilizada, por exemplo, pola Marea Atlántica nas municipais de 2015- para garantir a formación de grupo parlamentario propio no caso de repetir resultado electoral. Esta decisión estaría intimamente ligada a outra das grandes preguntas que seguen sobre a mesa: o xeito en que encaixarán Anova, Podemos ou Esquerda Unida no proceso das Mareas en Común, que diversas mareas municipais desenvolven dende xaneiro co obxectivo de artellaren as bases para a confluencia nas galegas.