Cristiáns de base advirten de que "non é bo nin ten sentido" que alcaldes presidan procesións

Agustín Hernández, concelleiro do PP en Santiago, nunha procesión © PP Santiago

"Non nos gusta que concelleiros ou alcaldes vaian encabezando procesións". Quen así o di non é membro de partido ningún, nin ateo. José María Barca é membro da Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas e representante en Galicia de Redes Cristiás, unha plataforma que agrupa máis de 200 colectivos católicos de todo o Estado e que está presente no país tamén con Comunidades Cristiás Populares ou a corrente Somos Igrexa. 

"Non nos gusta que concelleiros ou alcaldes vaian encabezando procesións", din desde Redes Cristiás, que agrupa grupos de cristiáns de base

Pasada a semana santa, mantense aínda acesa a polémica de cada ano, amplificada desta vez tras a chegada ao poder das mareas en varios e importantes concellos de Galicia. Os seus alcaldes uníronse ao que sucede desde hai xa lustros en municipios como o de Pontevedra e ratificaron a súa postura de non participar en actos relixiosos e, xa que logo, tampouco en procesión ningunha. Non o fixeran xa na Ofrenda do Antigo Reino ou a da Casa Real ao Apóstolo e, como daquela, recibiron as críticas do PP malia que a propia Igrexa lle quitara importancia. Mentres, os grupos de cristiáns de base aplauden e comparten a decisión. 

"Xa nos temos manifestado moitas veces, mesmo de maneira oficial, e insistimos en que cremos importante a separación da realidade da Igrexa da do Estado porque vimos duns tempos nos que todo estaba bastante mesturado", di Barca, que cre que a presenza aínda de alcaldes e concelleiros á fronte das procesións "non é máis ca un reflexo desa herdanza histórica" e que é algo que debería rematar de vez. 

Redes Cristiás cre que "non ten sentido nin é bo" a presenza de cargos públicos nas procesións

Para Redes Cristiás "non é bo" que rexedores e representantes de administracións públicas estean de maneira oficial nunha ofrenda ou nunha procesión. "Calquera persoa ten dereito a ir, pero de maneira individual e como crente e non como cargo público; nese caso non ten sentido ningún", insiste José María Barca, que lembra que "os representantes políticos sono de todos e non dos dunha crenza determinada". 

Porque para estes cristiáns de base, a ausencia dos alcaldes e rexedores das cabeceiras das procesións e do protagonismo destas non só é o "axeitado" senón "o máis positivo para a propia Igrexa e para as administracións públicas". "A súa presenza insiste nesa mestura da Igrexa cos grandes poderes e con grupos políticos determinados", di quen cre que esa é unha imaxe que prexudica un colectivo cristián que, en certo modo, "non pode exercer a súa actividade de forma totalmemte libre e autónoma". "Non nos gusta que participen e moito menos cando, como ocorre en moitos casos, estes representantes políticos fano por figurar e sen crer nin tan sequera no que están facendo", insiste. 

Os cristiáns de base defenden a postura das mareas ante as críticas: "É normal que os cambios custen, serán restos daquela sociedade da que vimos"

Preguntado polas críticas que alcaldes da mareas ou doutras formacións, caso do BNG en Pontevedra, reciben por non acudir ás procesións, Barca é claro: "Seguramente son restos daquela sociedade da que vimos; é normal que os cambios custen". 

Ademais, antes e despois da semana santa, o PP galego esixiu a través de mocións en varios municipios que se mantivesen as subvencións ás confrarías, malia que moitas delas -como as de Compostela- non lle deron demasiada importancia ao tema e apostaban por buscar vías de autofinanciamento. Ferrol reduciu a achega en 35.000 euros (de 75.000 a 40.000 e a diferenza achegouna a Xunta) e en Santiago o goberno local eliminou a subvención de 3.800 euros que xa non cobraran as congregacións relixiosas en 2015 por estar paralizada pola Intervención municipal. Na Coruña, pola súa banda, remataron tamén as axudas públicas e outras prácticas como aquela que concedía o pagamento de horas extras aos policías que desfilasen nas procesións co seu uniforme de gala. 

Desde Redes Cristiás aclaran que, en canto a subvencións, "a Igrexa debería particicpar como unha asociación máis" e "pode ter dereito a subvención por algunha das cousas que organiza, pero tamén polos centros de acollida que ten ou por outras iniciativas". "Pode acceder ás axudas daquelo que teña sentido, pero non con privilexios que outras organizacións ou colectivos non teñan", remata José María Barca, que insiste na "reivindicación" xa antiga desde os cristiáns de base para unha "clara separación entre a Igrexa, o resto de confesións e o Estado".

Membros da corporación municipal de Ourense, nunha procesión © Concello de Ourense
Agustín Hernández, concelleiro do PP en Santiago, nunha procesión © PP Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.