O PP de Ourense promove a reprobación do voceiro do PSdeG na Deputación tras blindar a Baltar

Votación na Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

O pasado 3 de novembro a Deputación de Ourense vivía un episodio inédito. O abandono do pleno da institución por parte do PP, que o goberna con maioría absoluta, permitíalle á oposición sacar adiante a reprobación e petición de dimisión do presidente, José Manuel Baltar, polo escándalo do presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, que viña de estourar tras a súa publicación en exclusiva por eldiario.es e cuxo percorrido xudicial aínda continúa. Un mes despois de que os populares ourensáns blindasen a Baltar no seu liderado co apoio explícito de Alberto Núñez Feijóo a entidade provincial disponse a debater unha segunda reprobación. Pero non do presidente, senón do voceiro do grupo maioritario da oposición, o PSdeG.

A orixe da ira dos conservadores contra Ignacio Gómez, tamén alcalde de Ribadavia, está nas críticas e dúbidas que o socialista vén lanzando a respecto dun dos proxectos estrela de Baltar, a 'Misión comercial USA-Ourense', un evento anunciado pola Deputación durante unha visita do barón ourensán aos Estados Unidos o pasado febreiro. Segundo o PP, este proxecto fixado para o vindeiro xuño permitirá que empresas estadounidenses "coñezan as vantaxes de investir en Ourense" e a empresas ourensás, abrir "canles para exportar" aos EUA. 

A Deputación defende que a misión 'USA-Ourense' será unha oportunidade para empresas da provincia

No pleno provincial do pasado febreiro Gómez revelaba que para levar adiante a devandita "misión" a Deputación encargara, pola vía do contrato menor, un estudo de 21.780 euros encargado á Advanced Leadership Foundation, unha entidade norteamericana que conta cunha sede en Madrid e está presidida por Juan Verde, asesor do Partido Demócrata nado en Canarias pero vinculado a Ourense por vía familiar. Naquel pleno o voceiro do PSdeG considerou "escandaloso" o gasto realizado por un informe que, ao seu xuízo, non é máis ca un "corta e pega" de menos de 50 páxinas que mesmo erra na denominación de Ourense e na súa ubicación xeográfica.

O PSdeG e o resto da oposición cuestionan a achega de máis de 300.000 euros da Deputación a unha fundación estadounidense

As críticas socialistas e do resto da oposición -BNG e DO- aumentaron de ton no pleno de marzo, no que o PP sacou adiante unha modificación orzamentaria para achegar 300.000 euros máis ao proxecto. Ignacio Gómez considerou na sesión que Baltar se dispuña a "financiar amiguetes" para tentar chegar a ter "un selfie con Obama". Nos días seguintes o PSdeG afondou na súa "obriga" de controlar o destino dos fondos adxudicados a unha fundación de cuxa "solvencia" dubida e, ao tempo, de advertir as empresas ourensás que participen na misión de que poderían "acabar perdendo prestixio, máis que gañándoo", se finalmente este é un máis no "rosario de proxectos frustrados" do PP de Ourense, caso por exemplo da non nata fábrica de coches eléctricos en Melón

"Míster casta"

As críticas do socialista foron retrucadas con especial dureza dende o PP. O deputado popular Pablo Pérez sentencia que as críticas lanzadas converten a Gómez en "indigno" para "representar aos cidadáns". A súa "baixeza política non ten límites" porque "insulta gravemente os representantes do PP" e "ameaza aos nosos empresarios", asegura. O voceiro do PSdeG, acrecentaba o PP ourensán o pasado martes, "gaña a pulso o nomer de 'míster casta' non é un animal da política, é un político animal" e ademais, "ignorante", espetou.

Os populares acusan o socialista de "ameazar" os empresarios que participen no proxecto de Baltar

Mentres, dende Ribadavia, o PP local se unía á cruzada contra o socialista denunciando a existencia dun cableado que deteriora o castelo da localidade, este xoves a voceira do grupo de Baltar, Montserrat Lama, anunciaba como formalizarán a pouco habitual petición de dimisión dun voceiro da oposición por parte do goberno. Será cunha moción para condenar que Gómez "mentiu ata tres veces" no último pleno en varios asuntos e para formalizar o "cansanzo dos populares" por un "comportamento cheo de insultos, descualificacións e trato despectivo".

"Non me van amedrentar", di o voceiro do PSdeG

Así as cousas, os conservadores empregarán a súa maioría no vindeiro pleno para considerar "o voceiro da oposición" como "inhabilitado para calquera cargo" e reiterar que "ameaza" a quen participe no proxecto USA-Ourense. Unha vez aprobada a moción "trasladaremos o acordo ao Concello de Ribadavia, aos grupos políticos da corporación e ás entidades públicas e privadas de carácter cultural, social e económico deste municipio, advirte Lama. "Pódome trabucar, pero son honrado, nunca puideron dicir nada de min", retrucou o socialista en declaracións a La Región, nas que evidencia ademias que continuará no seu cargo con normalidade. "Non me van amedrentar", advirte.

Baltar, na súa viaxe aos Estados Unidos © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.