Así é o 'programa de mínimos' das Mareas en Común

Xuntanza das Mareas en Común, en Marín © Marea Marín

As Mareas en Común xa teñen os seus principios básicos, o alicerce programático sobre o que se basearán o resto das propostas da que pretende ser a plataforma de "confluencia" das "forzas do cambio" e das candidaturas municipalistas de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Desvelado o método de participación neste espazo, que será de "adscrición individual" e cun "censo único e nacional", o quinto encontro celebrado a pasada fin de semana en Marín aprobou os postulados da que quere ser alternativa ao PP en Galicia e que serán asinados por todo o que se una ao espazo. 

Neles, as Mareas en Común defenden o "dereito a decidir e a soberanía dos pobos", definen Galicia como "suxeito político", apostan por un modelo económico alternativo e sustentable, un sistema fiscal "altamente progresivo", a "recuperación dos bens comúns", a participación cidadá continua e unha firme defensa do galego, apostando por un novo decreto do ensino e o apoio á inmersión lingüística. 

As Mareas en Común aprobaron xa os principios básicos que serán o alicerce dun futuro programa colaborativo

Estes principios básicos, aos que tivo acceso Praza, divídense en oito puntos fundamentais: garantía efectiva dos dereitos humanos, radicalidade democrática, transparencia e loita contra a corrupción, feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación, defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais, defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio, protección do medio ambiente, defensa do común e máis autogoberno e mellor vertebración territorial. 

Lonxe de maximalismos, pero con clareza nalgúns temas básicos, Mareas en Común define Galicia como "suxeito político" e aclara que "debe ter ferramentas que lle permitan exercer o seu autogoberno, garantir os elementos que a configuran como nación e defender o benestar das persoas que viven nela". Ademais, avoga por "incrementar as relacións con Portugal e o mundo lusófono" e por integrar "no debate público" á poboación emigrada. 

O espazo de confluencia define Galicia como "suxeito político" que debe "garantir os elementos que a configuran como nación"

Á súa aposta evidente polo municipalismo engaden tamén a "posta en valor da parroquia" e a "loita contra o desequilibrio territorial do país e o abandono do rural mediante a achega das infraestruturas e servizos sociais  indispensables". Aquí, propoñen a "cooperación intermunicipal", ben sexa a través das comarcas e das áreas metropolitanas, así como a "solidariedade interterritorial".

No documento, tamén se aposta claramente polo galego, pola "lingua como eixo vertebrador" da cultura. Así, defenden unha nova política lingüística "integradora e efectiva" e un novo decreto do galego que "garanta a aprendizaxe do noso idioma e fomente o seu uso", así como o seu "apoio a modelos de inmersión lingúística" na ensinanza e a "interacción co mundo cultural e lingüístico lusófono". A "conservación e difusión da memoria das vítimas do franquismo" é outro dos principios básicos no ámbito da cultura, da que cren que é básico o apoio aos creadores. 

Mareas en Común aposta por unha nova política lingüística, un novo decreto do galego e o apoio á inmersión lingúística

Mareas en Común defende a xestión eficaz dos recursos públicos e a "paralización das privatizacións de servizos, xunto coa recuperación dos bens comúns (como a auga e a enerxía) das mans dos especuladores". E aposta por unhas institucións financeiras "que non antepoñan o beneficio aos principios éticos", ao tempo que quere acabar coas "prácticas de empresas que explotan" recursos públicos fundamentais.

En canto ao modelo económico, rexeita o actual sistema "de ditadura dos mercados" e cre noutro "respectuoso co ambiente, equitativo, solidario,  sustentable e con ​total​ sentido da xustiza social" e fundamentado "no apoio mutuo e na solidariedade". Mentres, din, apostan por un "modelo fiscal altamente progresivo"​ para unha mellor redistribución da riqueza e recursos e unha "existencia material digna para todas". Ao tempo, defenden as prácticas "cooperativistas" e de "economía social" e inciden na "defensa do rural" e dos sectores agrario, gandeiro, forestal e pesqueiro con medios necesarios para "garantir a soberanía alimentaria". 

A plataforma avoga por un "modelo fiscal altamente progresivo" e a "economía social"

A defensa dos servizos públicos é tamén base duns principios que defenden estes como "universais, ​gratuítos e de calidade, con xestión pública, sen copagamentos nin recortes, en particular a sanidade e a educación.  Ademais, inciden no "dereito á conciliación da vida familiar e laboral​ , o réxime de pensións  públicas e a aplicación efectiva da Lei da Dependencia". O dereito á vivenda e a fin dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional son outros dos postulados de quen se sitúan "en contra das leis e os tratados internacionais que degradan os dereitos en beneficio dos intereses das multinacionais". 

 

Máis "participación cidadá"

Na garantía efectiva dos dereitos humanos, este "espazo de confluencia cidadá" inclúe todos os grupos, xeracións e comunidades, persoas migrantes, minorías  étnicas, colectivos LGTBI e persoas con diversidade funcional e cognitiva​ . E incide na procura da súa "inclusión social" e a erradicación de calquera tipo de discriminación. 

Alén disto, no seu principio de radicalidade democrática, as Mareas en Común rexeitan "un sistema meramente plebiscitario" e defenden un modelo de "democracia real" onde a sociedade "delibere conxuntamente cos seus representantes institucionais sobre os asuntos de cotío" para unha "participación cidadá directa e horizontal e en "institucións colaborativas e laicas, abertas e ao servizo da xente". Así, lembran que activarán unhas primarias "abertas e participativas" e que validarán "un programa electoral colaborativo e mecanismos de rendición de contas". Ademais, aclaran, defenden "o dereito a decidir e a soberanía dos pobos". 

Mareas en Común defínense como "feministas" e defenden a "feminización da política" como unha maneira "diferente" de levala a cabo

Ao tempo, a plataforma defende "a feminización da política" -unha maneira "diferente de intervir e facer  política, que respecte as diferenzas, a diversidade e pluralidade, o minoritario e fomente a colaboración e entendemento para acadar acordos"- e declárase "feminista" e "contraria ao modelo patriarcal". Aposta por plans específicos contra as violencias machistas, a protección das vítimas e a "defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos", recoñecendo "o dereito das  mulleres a decidir sobre o seu corpo, esixindo o aborto universal ​ e de balde​ con cargo ao gasto público".

Por último, as Mareas en Común guiaranse or un código étivo vinculante no que os cargos electos, de confianza e persoal directivo​ adquirirán, entre outros, os compromisos de declarar os seus bens, a súa revogación e ​censura​, a limitación de mandatos, a non acumulación ​ nin duplicidade  de postos e a rendición periódica de contas. ​

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.