O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo decidiu o sobreseemento provisional da imputación que pesaba sobre Manuel Martínez por unha obra executada pola Deputación de Lugo en Portomarín cando era deputado responsable da área de Vías e Obras. A imputación foi a orixe da crise vivida na Deputación de Lugo nos últimos meses, despois de que o BNG o vetase como candidato á Presidencia do ente provincial e de que Martínez se rebelase contra o PSdeG-PSOE, negándose a votar o candidato proposto, entregándolle finalmente o Goberno -de forma provisional- á popular Elena Candia.
O auto sinala que a actuación podería dar lugar como moito a unha "irregularidade administrativa" e "en ningún caso" constituiría "un delito de prevaricación"
Unha vez que os socialistas recuperaron o Goberno da institución, tras unha moción de censura que situou a Darío Campos na Presidencia, Martínez, mantivo o enfrontamento co seu partido, negándose en varias ocasións a votar no mesmo sentido que os seus antigos compañeiros. Martínez ten a condición de deputado non adscrito e o PSdeG-PSOE iniciou o procedemento para expulsalo, despois de revelarse que se reunira con Candia antes de votar co PP no pleno da Deputación.
"Demóstrase que o PP é capaz ata de recorrer á mentiras e anónimos para calumniar ao Goberno da Deputación, entorpecendo así a importante labor da xustiza", denuncia o PSdeG
A causa abrírase en 2013 despois de que o alcalde de Portomarín, Juan Serrano López (PP), denunciase que o ente provincial adxudicara actuacións na CP-4902 por un importe de 183.455 euros cando a obra levaba rematada dous anos. O auto sinala que aínda que a adxudicación se tramitase polo procedemento negociado, o que podería dar lugar a unha "irregularidade administrativa", isto "en ningún caso" constituiría "un delito de prevaricación".
O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, manifestou este domingo a súa alegría polo arquivo provisional da causa "e por todas as persoas afectadas, ás que sempre defendemos e confiamos na súa inocencia", destacando que na Deputación "os socialistas sempre actuamos conforme á lei, primando os intereses dos veciños da provincia". Santos Ramos engadiu que a resolución "desenmascara, unha vez máis, ao Partido Popular de Elena Candia, que era quen estaba detrás desta falsa acusación". "Demóstrase que o PP é capaz ata de recorrer á mentiras e anónimos para calumniar ao Goberno da Deputación, entorpecendo así a importante labor da xustiza", dixo.
"No pleno provincial de marzo, o deputado non adscrito amosou novamente e de xeito público o seu apoio ao PP de Candia", di Santos Ramos
En relación a Manuel Martínez, o voceiro socialista afirmou que o auto "non muda a situación do deputado non adscrito, que optou por tirarse aos brazos de, precisamente quen o denunciou, é dicir, aos do Partido Popular, negándose a defender ao que era o seu partido e a todos os seus compañeiros". Santos Ramos destaca que "antes do 24 de xuño, antes de que Manuel Martínez lle dese o goberno da Deputación ao PP, Darío Campos, nun acto de máxima xenerosidade, ata lle ofreceu a cesión da Presidencia da Deputación unha vez resolta a súa imputación". "Martínez rexeitou este ofrecemento, e optou por pactar co Partido Popular, como fixo en reiteradas ocasións. No pleno provincial de marzo, o deputado non adscrito amosou novamente e de xeito público o seu apoio ao PP de Candia", engadiu.