Feijóo carga contra os "dedazos" da esquerda a tres días de ser aclamado no congreso do PPdeG

Feijóo, tras o Consello © Conchi Paz

A precampaña, lanzada. O Consello da Xunta tivo este mércores sobre a mesa ata 10 informes, os documentos sen valor xurídico empregados polo Goberno para colocar na axenda pública asuntos xa aprobados ou que serán realizados no futuro e que proliferan en San Caetano dende o inicio deste ano electoral. Na primeira xuntanza do Executivo dende que ratificou a súa renuncia a adiantar as eleccións para facelas cadrar coas xerais do 26 de xuño, Alberto Núñez Feijóo lanzouse dende o atril presidencial contra as formacións da esquerda e, a tres días de ser aclamado no congreso do PPdeG que os delegados o ratificarán en Ourense como líder e candidato -el é o único aspirante-, non aforrou críticas contra o que denomina como "dedazos" do resto de formacións.

Mentres no seo do PP estatal medran as voces que apostan polas primarias para a renovación de liderados -na última semana pronunciáronse publicamente ao respecto Javier Maroto e Cristina Cifuentes- Feijóo foi cuestionado pola conveniencia de incorporar aos estatutos conservadores vías "máis participativas". "Modelos máis participativos que os do PSOE e os das mareas de Podemos é ben doado conseguilos", respondeu nun ton irado antes de glosar os procesos internos do resto de partidos e comparalos co seu congreso que, subliña, "todo o mundo sabe dende hai un ano que o íamos facer".

"Modelos máis participativos que os do PSOE e os das mareas de Podemos é ben doado conseguilos"

"Os sistemas de participación acreditan que canto máis se fala de democracia interna, menos democracia interna hai", sentencia Feijóo no que afirma non ser "unha opinión persoal", senón simple compartición de "declaracións de deputados do PSOE que neste momento están sufrindo a democracia interna do PSOE". Remítese tamén, "por suposto, ás desconexións do WhatsApp do noso amigo Breogán Riobóo [exsecretario xeral de Podemos Galicia], ao que aproveito para saudar" e "entender con el que non sabemos que foi o que pasou nos círculos de Podemos" máis alá de que "xa non está no círculo de amizades do señor Pablo Iglesias". "Será Pablo Iglesias -remata- quen dirixa as mareas de Podemos, como fixo na anterior lexislatura".

Feijóo será ratificado no cargo polos delegados do congreso do PPdeG esta fin de semana, no que é o único aspirante

Fronte a este panorama da oposición en "descomposición" Feijóo sitúa o cónclave do PPdeG. "Lle podo asegurar que o presidente do PPdeG non se vai a elixir en Madrid, se vai elixir en Galicia, como se fixo sempre", di, e "no reconto do congreso non imos tardar dous días e non nos van a dicir dende Zaragoza cal é o resultado", ironiza: "Iso llo deixamos ás mareas de Podemos". Ademais, gábase, "o reconto vai ser en termos automáticos e imos ter a notiica en Ourense, un lugar moi galego". Todo isto, acrecenta, despois de que "o número de avais que se necesitan para presentarse é o mínimo de todos os partidos galegos", afirma, se ben para optar á presidencia e candidatura do PPdeG cómpre o apoio de 90 militantes, segundo o Regulamento do congreso, e na recente elección da candidatura do BNG os avais requiridos eran 50.

Este é o escenario no que o líder popular lanza unha precampaña durante a que, asegura, "vamos a manter a estabilidade" e "blindar Galicia das incertezas" dende o Goberno da Xunta. Neste período, asegurou noutro treito da comparecencia, o Goberno galego seguirá sendo "aliado das persoas que teñen dificultades" en eidos como o da vivenda -un dos informes foi relativo ao bono de alugueiro social-. Neste ámbito, advirte, "se os concellos queren sumar, nós por suposto imos colaborar", pero "se os concellos non queren axudar aos seus veciños ou queren distraelos, espero que os veciños se dean conta", advertiu.

Feijóo, tras o Consello © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.