Beiras insta a EU e Podemos a non "traizoar" o acordo fundacional de En Marea

Beiras, durante a entrevista na SER CC-BY-SA Anova

Tensión á alza antes da crucial asemblea que En Marea celebrará o vindeiro día 15. O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, admite o risco de que a plataforma que tirou seis escanos nas xerais do 20-D poida chegar a rachar. "Confía" en que non suceda, pero podería acontecer porque, ao seu xuízo, as outras dúas patas partidarias do acordo, Esquerda Unida e Podemos, están a "mudar, conculcar, violar" os "documentos asinados" que implicaban, entre outros aspectos, pular pola consecución dun grupo parlamentario propio. Se ambas forzas se afastan desa liña "estarán traizoando" o pacto e "por aí, non paso", resume.

Nunha entrevista na Cadena SER o histórico nacionalista amosouse especialmente molesto coas "distorsións" que, afirma, veu sufrindo a coordinadora de En Marea, a dirección política da coalición, provocadas ao seu xuízo polos "membros de EU e Podemos" presenten na mesma. As disfuncións, entre outros aspectos, di, concrétanse na súa oposición a empregar a fórmula do partido instrumental para procurar un grupo propio, como acordaran o pasado outono. "Na medida en que estas forzas dean marcha atrás apuntaranse á imposición das razóns de Estado españolas sobre as clases populares galegas". "A fraternidade e a solidariedade ou son recíprocas ou non funcionan", ilustra.

O líder de Anova cre que se as outras dúas forzas dan "marcha atrás" co grupo propio "apuntaranse á imposición das razóns de Estado españolas"

Neste complexo escenario Beiras agarda, non obstante, que a asemblea do día 15 poida reconducir a situación. "Confío en que o cerebro colectivo sobrancee sobre os cerebros individuais que non dan entendido as cousas e que, ao mellor, están a outro asunto". Ese "outro asunto" pode ser, dende o seu punto de vista, que "hai persoas" dos "grupos dirixentes" dos outros dous partidos que poderían estar "xogando a intereses persoais", unha actitude "propia da vella casta". "Eu non acuso, estou analizando unha situación" na que, se "alguén utiliza as pautas de actuación da vella cultura política, estará na nova, pero non será de verdade, estará enganando.

Esixencia de explicacións a Yolanda Díaz

Beiras, a Díaz: "Se quere sacarme do medio, que explique por que"

A reclamación de que as decisións no seo de En Marea "sexan asemblearias" para evitar "defraudar os cidadáns" prodúcense nun contexto no que, vén admitir Beiras, o que aconteza coa plataforma para o 26-X pode ser determinante cara ás eleccións galegas, proceso en torno ao que o líder de Anova se amosa especialmente molesto coa coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz. Despois de que tamén deputada de En Marea no Congreso considerase pertinente que Beiras non fose candidato das mareas á Xunta o histórico nacionalista diríxese a ela con dureza: "Se quere sacarme do medio, que explique por que", nun contexto no que "seica imita a Paco Rodríguez, porque iso xa o dixo Paco Rodríguez hai quince anos". "Estas cousas -agrega- danme noxo".

Díaz aposta por que quen se poña á fronte desa posible candidatura sexa unha persoa "independente" pero, sexa quen for, resalta Beiras, "quen ten que decidir iso non é ela, son os cidadáns". Alén da discrepancia con procurar para a candidatura "unha estrela rutilante que despois non teña obriga de militancia", o tamén voceiro de AGE empraza a que "cadaquén se contemple no espello e saiba se está" poñendo "a ética por riba da política" ou, pola contra "está falseando as cousas". Díaz, pola súa banda, "xa deixou o grupo da AGE para ir ás Cortes", o que non lle semella "moi leal cos electores". "Eu trabúcome en moitas cousas, pero ninguén me puido pillar en ningunha fraude aos principios da ética da esquerda democrática".

Beiras, durante a entrevista na SER CC-BY-SA Anova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.