A mocidade galega, de grupo electoral máis numeroso ao menos relevante en dez anos

Sobres de votación nas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

O vindeiro 26 de xuño poderán votar por primeira vez 10.070 persoas residentes en Galicia que chegaron aos 18 anos de idade dende que se pechou o censo para as xerais de decembro. Atópanse na mesma situación 21.528 mozas e mozos a respecto das municipais do pasado ano, e 92.645 que non puideran votar nas xerais do 2011 por seren aínda menores de idade. Estas mozas e mozos, como o resto da xente nova en xeral, acudirá ás urnas nun contexto no que o seu voto ten cada vez menos peso a respecto do conxunto da poboación. Tal é o decrecemento que, en apenas unha década, a mocidade pasou de ser o grupo de idade con máis peso no electorado galego a ser o menos relevante.

10.070 persoas incorpóranase ao censo en Galicia por cumpriren os 18 anos dende as xerais de decembro

O INE vén de facer públicos os datos do censo electoral que rexerá nas novas xerais do 26-X. Nel están anotadas apenas 40.000 persoas de entre 18 e 19 anos, un colectivo residual entre os 2,3 millóns de galegas e galegos con dereito ao voto. Tamén o é, comparativamente, o sector máis mozo do electorado en termos máis amplos, a poboación de 18 a 34 anos. Hai unha década, nas eleccións galegas de 2005, este colectivo estaba formado por algo máis de 642.000 persoas que o convertían no máis numeroso do censo galego.

As eleccións galegas de 2005 foron as derradeiras nas que a xente nova foi o grupo de idade con máis peso

Aqueles comicios, nos que a perda da maioría absoluta do PP de Manuel Fraga lle deu paso ao bipartito de PSdeG e BNG, foron os derradeiros nos que a xente nova foi o grupo de idade máis relevante. Na seguinte cita coas urnas -non se inclúen na comparativa as municipais de 2007 por un erro nos datos do INE-, as xerais de 2008, xa foi superado polas maiores de 65 anos. Nas inmediatamente posteriores, as galegas de 2009 -, o sector máis mozo do electorado estaba formado por 580.000 persoas, que xa eran menos das de entre 35 e 49 anos. O peso da mocidade seguiu decaendo ata chegar ás xerais de 2011, cando a poboación de entre 18 e 34 ficou tamén por baixo da de entre 50 e 64 anos.

A tendencia á baixa non se detivo ata chegar ao censo do 26-X, con apenas 425.000 persoas de 18 a 34 anos con dereito ao voto. O seguinte grupo de idade con máis peso, o de 50 a 64 anos, supera a mocidade en máis de 100.000 persoas o de entre 35 e 49, en case 200.000. Como vén sucedendo dende 2008, o sector da poboación con máis peso no electorado galego é o das persoas maiores de 65, que con 664.000 mulleres e homes son xa practicamente un terzo do corpo electoral do país. 

Unha ollada un chisco máis polo miúdo ao censo das circunscricións galegas para o 26-X permite observar que a pirámide electoral está tan invertida como a da poboación en xeral. As mozas e mozos son poucos, cada vez menos, e a 'base' da pirámide ascende ata as galegas e galegos de 40 a 44 anos. Esta radiografía das persoas con dereito ao voto amosa tamén que en Galicia poden votar case 100.000 mulleres máis ca homes e que a preponderancia feminina medra a medida que sobe a idade. Este factor, unido ao envellecemento da poboación, dá lugar, por exemplo, a que en Galicia xa poidan votar máis mulleres maiores de 85 anos que as que teñen entre 30 e 34 anos.

Á luz destes datos unha das principais preguntas que xorden é se existe ou non relación entre a idade do electorado e a opción política que elixe. Os últimos datos públicos ao respecto a nivel galego, os do estudo postelectoral realizado polo CIS tras os comicios ao Parlamento de Galicia de outubro de 2012, revelan que si. Segundo ese inquérito de recordo de voto o PP foi a primeira forza en todos os grupos de idade, pero con moita maior diferenza a respecto dos seus competidores canto maior é o electorado.

En 2012 o PP fora primeira forza en todas as franxas de idade, pero con notables diferenzas entre elas

Así, máis da metade da poboación maior de 65 declarou que escollera aos populares naqueles comicios, mentres que entre o electorado de 55 a 64 anos o apoio ao PP non chegou ao 40% e no resto de franxas de idade roldou o 30%. Naquela cita coas urnas a franxa de idade na que o PP tivo máis preto outra forza política foi a de 25 a 34 anos, onde obtivo algo menos do 27% e AGE, case o 24%. A coalición fora tamén segunda forza entre o electorado de 35 a 44 anos, mentres que nas persoas maiores desa idade o PSdeG conservara esa condición e entre a xente máis nova, a de 18 a 24 anos, o segundo posto fora para o BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.