O pasado xaneiro o PP aceptaba no Parlamento a toma en consideración da iniciativa lexislativa popular promovida pola CIG para combater a pobreza enerxética que inclúe entre os seus preceptos a reclamación dunha tarifa eléctrica galega. A iniciativa, que aínda se tramita a través dun relatorio conxunto que inclúe comparecencias de persoas expertas, entre outros pasos, iniciaba a súa andaina apenas dous meses despois de que os populares volvesen botar abaixo unha iniciativa que, formulada polo BNG e apoiada por toda a oposición, reclamaba a devandita tarifa como medida de apoio ás factorías de Alcoa no país. No entanto, os conservadores déronlle este martes na Deputación de Lugo o seu voto favorable a unha proposta practicamente idéntica.
O pleno da institución lucense abordou este martes, a iniciativa do goberno, unha declaración institucional -adoptou esta forma para facilitar a súa aprobación- "en defensa" do persoal de Alcoa ante a posibilidade de que a factoría que a multinacional ten en San Cibrao sexa vendida, poñendo así en risco uns 1.300 postos de traballo. "O impacto social e económico que supón tal planta e na provincia convértea nun dos principais sectores económicos" da zona, resalta o texto.
Neste escenario, a unanimidade do pleno avalou o texto que transmite "apoio" ao persoal e insta a "todas" as Administracións a "traballar co obxectivo" de que se manteña o emprego nas mesmas condicións que as actuais. Xunto a esta reclamación, no seu punto número catro a declaración insta a Xunta e o Goberno central a "realizar todas cantas xestións sexan necesarias para a permanencia" da planta na vila mariñá, "entre outras, pór en funcionamento unha tarifa eléctrica galega que permita ás industrias e familias abaratar os custes de abastecemento en Galicia, comunidade excedentaria de produción enerxética", di o texto.
O pasado outubro o PP considerou no Parlamento que apoiar a tarifa galega supuña avogar por unha "Galicia illada, que busque a confrontación"
O apoio dos populares a esta petición contrasta coa posición que mantiveron ao respecto o pasado outubro, no devandito debate parlamentario, que o Bloque ligara igualmente a Alcoa. Naquela ocasión o PP reclamou a votación por puntos separados para poder manifestar apoio ao persoal das factorías galegas da metalúrxica pero rexeitar a proposta tarifaria. Segundo manifestara daquela o deputado Gonzalo Trenor, os populares consideran que o sistema eléctrico debe ser "único e equitativo", engadindo ademais que "pagamos o mesmo prezo que calquera consumidor do resot do Estado". Apoiar unha tarifa galega, agregaba, sería estar a prol dunha "Galicia illada, que rache cos acordos" e que "busque a confrontación".
Recepción na Xunta
O conselleiro de Industria afirma que apoiará "calquera decisión" que implique a "continuidade" das factorías
Case de xeito simultáneo ao debate en Lugo unha representación dos comités de empresa de Alcoa en San Cibrao e na Coruña eran recibidos na sede central da Xunta, en San Caetano, polo conselleiro de Industria, Francisco Conde. Nesa xuntanza o responsable gobernamental afirmou que o Executivo mantén "contacto continuo" coa empresa co obxectivo, dixo, de apoiar "calquera decisión" que implique a "continuidade das plantas" e un "plan industrial" que garanta o seu futuro.
Asemade, Conde asegurou estar disposto a mediar ante o Goberno central para que nas vindeira poxa eléctrica se poidan realizar adxudicacións "plurianuais" que acheguen certeza a industrias que consumen electricidade de xeito intensivo, como Alcoa. Dende a representación do persoal, pola súa banda, maniféstase "preocupación moi grande" xa que, lembran, hai apenas dous anos a compañía ameazou cun "despido colectivo" ao verse ante "problemas" co prezo da electricidade.