0 Gardados para despois

Bota a andar a ILP da CIG contra a 'pobreza enerxética'

Redacción | @prazapublica

Decenas de miles de familias galegas non poder facer fronte ás crecentes facturas da electricidade e calefacción, ou conségueno con grandes dificultades e renunciando a outros pagamentos tamén esenciais. A pobreza enerxética afecta a entre 65 mil (segundo a cifra achegada ha unhas semanas polo centro de investigación Economics for Energy) e 100 mil fogares galegos. Xa o pasado inverno distintas iniciativas políticas, coma a presentada polo BNG, buscaron impedir legalmente os cortes de subministro enerxético ás persoas que non a poidan pagar por carecer de cartos para facelo. O PP posicionouse en contra e ofreceu, como alternativa, unha reforma do seu tícket enerxético, que paga unha contía semellante ao custo dun recibo e medio de electricidade.

Para resolver esta grave situación que afecta a unha proporción tan significativa da poboación, a CIG impulsa unha ILP de Medidas para Garantir a Enerxía como Servizo Público e Contra a Pobreza Enerxética para ser debatida no Parlamento galego despois do verán. Necesita recoller ata o 30 de outubro dez mil sinaturas. O sindicato presentou este mércores na Coruña a campaña coa que apoiará esta recollida de apoios, que será acompañada de mocións nos concellos e encontros con representantes económicos e da sociedade civil, buscando "abrir un intenso debate social sobre un dereito fundamental como é o dereito á enerxía".

O secretario xeral do sindicato, Suso Seixo, lembrou que a iniciativa xa formaba parte das medidas contempladas na ILP para a creación de emprego en Galicia, tamén promovida pola CIG, e que foi rexeitada polo PP no seu trámite parlamentario. “Parecía absurdo que, sendo como é Galiza unha das principais zonas produtoras e exportadoras de electricidade do Estado, aquí puidera haber dificultades para continuar coa actividade produtiva de empresas polo feito de seren grandes consumidoras”, destacou.

A CIG fixo referencia á problemática que enfronta o noso medio rural, "onde hai moitos produtores que teñen dificultades para manter a súa explotación, pola precariedade das instalacións de electricidade"

Seixo defendeu "a relevancia económica que ten o sector enerxético polo seu carácter estratéxico para Galiza, o seu importante peso no noso PIB e o seu papel determinante á hora de facer as nosas empresas máis competitivas, favorecer a instalación de novas empresas no noso país e polo tanto favorecer a creación de emprego”. O secretario xeral da CIG fixo ademais referencia á problemática que enfronta o noso medio rural, "onde hai moitos produtores que teñen dificultades para manter a súa explotación, pola precariedade das instalacións de electricidade".  A este respecto, sinalou que "debería ser o propio goberno galego" quen tomara a iniciativa “á hora de regular o sector enerxético e mesmo á hora de promover empresas de carácter público que impidan que se converta nun sector no que se dediquen a especular cos prezos as grandes empresas monopolísticas que o controlan”. 

 

"Tarifa galega"

Seixo sinalou que "debería ser o propio goberno galego" quen tomara a iniciativa “á hora de regular o sector enerxético e mesmo á hora de promover empresas de carácter público"

Pola súa banda Fernando Blanco, membro da Executiva da CIG-Industria e experto en materia enerxética, explicou que no recibo eléctrico se paga algo máis que a propia xeración de electricidade: “Pagamos todas e todos as peaxes, que son custos asociados á produción eléctrica nos que hai conceptos como os de solidariedade entre territorios. Págase, por exemplo, o sobrecusto derivado do transporte de electricidade ao sistema extrapeninsular, como Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla que se cuantifica, nun ano, en 1.800 millóns de euros; a axuda ao carbón español, 500 mill de euros; o transporte a aqueles territorios que non producen nada, aos que hai que levar a enerxía, como é o caso de Madrid, que non produce máis do 1-2% do que consume e que recibe o subministro doutros territorios, entre eles Galiza; hai tamén axudas por peaxes ás novas tecnoloxías”, explicou.

Blanco reclamou o establecemento dunha "bonificación para territorios excedentarios como Galiza", unha "tarifa galega”, que a CIG cuantifica nun 30% das peaxes

Blanco cre que "debería haber tamén unha bonificación a aqueles territorios que son excedentarios e que, por iso, pagan as consecuencias sociais e medioambientais de producir electricidade". Consecuencias que, dixo, nunca son neutras: “Nin as centrais térmicas de carbón, nin as de gas, nin o asolagamento de vales para as hidráulicas, nin a ocupación de montes para as eólicas son actividades inocuas. Afectan ao territorio e afectan as poboacións deses territorios”. Blanco reclamou o establecemento dunha "bonificación para territorios excedentarios como Galiza", unha "tarifa galega”, que a CIG cuantifica nun 30% das peaxes. O representante da CIG-Industria concluíu afirmando que “termos unha tarifa eléctrica máis baixa sería un elemento para o desenvolvemento económico e industrial fundamental e sería de xustiza para unha poboación como a galega que ten as pensión e os salarios máis baixos do Estado”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.