Feijóo cuestiona que a xuíza que investiga a Baltar actúe pola súa conta

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

A tradicional apelación do presidente Feijóo ao respecto polo traballo da xustiza cando un cargo popular está a ser investigado veu acompañada este xoves dun matiz sobre a actuación da xuíza de Ourense que está a investigar o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, por presuntamente ofrecer un emprego a cambio de sexo. Feijóo salientou que a xuíza está a analizar determinados aspectos do caso sen que llo teñan pedido nin as partes persoadas nin a fiscalía, unha iniciativa investigadora por parte dun xuíz instrutor que os populares teñen sinalado tamén nas causas abertas pola xuíza de Lugo Pilar de Lara ou mesmo no primeiro xuíz instrutor do accidente de Angrois.

Feijóo amosou o seu respecto pola decisión da xuíza de imputalo "aínda que as partes non o pediran ou o fiscal teña outro criterio"

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desde xoves, a Feijóo preguntóuselle se vai depurar responsabilidades políticas pola recente imputación do ex presidente da Deputación e pai do actual titular do ente, José Luis Baltar, pola implicación que puidera ter na investigación aberta contra o seu fillo. Feijóo obviou a pregunta polas responsabilidades políticas de quen liderou o PP de Ourense e a Diputación durante máis de dúas décadas e optou por amosar “todo o respecto” pola decisión da xuíza de imputalo. Pero engadiu algo máis sobre esa imputación: “Aínda que as partes non o pediran ou o fiscal teña outro criterio”.

Feijóo chegou dicir que a denunciante pretendía que Baltar delinquise e que non o conseguira

As verbas de Feijóo supoñen un novo paso no seu intento de non ter que tomar decisións contra o líder do PP ourensano e enfrontarse a un novo conflito político na provincia. Cando o caso saltou á luz pública Feijóo comezou pedindo que se agardase ata saber máis do que entón reducía a unha denuncia dunha persoa. Logo chegou a dicir que o que pretendía esa denunciante era que Baltar delinquise, e que o feito de que non chegase a obter o posto de traballo en cuestión demostraba que non se producira ese delito, obviando que a mera tentativa pode ser un delito. Xunto con eses argumentos, Feijóo tamén agarrouse, nunha fase inicial, ao feito de que Baltar aínda non estaba imputado. E, cando logo xa si foi imputado pola xuíza, relativizou o caso comparándoo co do ex líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, imputado tamén por suposta corrupción urbanística. Nesta segunda fase, con Baltar xa imputado, o respecto pola xustiza comezou a ser o argumento principal, un respecto que o presidente galego agora matiza.

Baltar pai terá que comparecer en calidade de investigado -antigo imputado- o vindeiro 8 de xuño. El era aínda presidente provincial cando presuntamente ocorreron os feitos agora investigados.

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.