"Pasaron de non crer que puidésemos estar na alcaldía a vernos como o inimigo a bater"

Ferreiro, alcalde da Coruña © Concello da Coruña

Xulio Ferreiro fai balance do seu primeiro ano como alcalde da Coruña, recoñécese "satisfeito" pero advirte de que este traballo nos últimos doce meses dará lugar a "cambios máis profundos e de maior transformación social no futuro". "Fixemos moito máis que retirar placas ou abolir as touradas, pero o foco das críticas estivo aí", di o rexedor, que asegura que se sentiu "traizoado" polo PSOE con quen, sinala, "as pontes non están reconstruídas". Malia o paso do tempo, asume que non entende que haxa políticos que actúen publicamente de forma diferente á que lle manifestan en privado. "Resúltame duro e estraño; para o PP agora somos o inimigo e se non chega a acordo ningún é porque non lle interesa dar vitorias políticas ao adversario", conta. 

Que balance fai deste primeiro ano de goberno?

Estamos razoablemente satisfeitos do feito até agora. O primeiro ano de calquera goberno non é doado e nós afrontabamos desafíos aínda maiores que tiñan que ver coa composición do goberno municipal e con esa ausencia de experiencia anterior. Tivemos que entender como funcionan as cousas e manexar as expectativas. Vimos de aprobar o programa estrela deste mandato, a Renda Social Municipal, que vai ser un cambio na vida de moita xente e tamén na dignidade desas persoas. Temos un nivel de cumprimento dun programa a catro anos superior ao 30%, con outro 50% en marcha e previsiblemente cumprido no futuro. Xa que logo, o balance é para estar satisfeitos, máis cando os cidadáns estamos afeitos a que os programas non se cumpran, sexan só declaracións de intencións ou cartas aos Reis Magos. 

"Estamos razoablemente satisfeitos do primeiro ano; cumprimos o 30% dun programa a catro anos e temos outro 50% en marcha"

Ao cumprir o primeiro ano, o goberno local aproba a Renda Social Municipal e case ao tempo a xunta electoral ordena cancelar os encontros coa veciñanza (Dillo Ti). É isto un síntoma das dúas caras da moeda no que vai de mandato?

Cando se intentan introducir cuestións que na cultura política actual son novas, créanse distorsións. As políticas de participación non as inventamos nós pero estamos introducindo elementos novos que teñen que ver cunha relación directa co cidadán e co goberno, sen deixar de lado os interlocutores habituais que son o tecido asociativo da cidade. Desde hai semanas estase intentando distorsionar a imaxe do Dillo Ti, que non é para nada un programa de autobombo nin de propaganda do Concello. Ao revés, é moi esixente e algo inédito: nunca nunha gran cidade o goberno local senta ante os veciños e responde a calquera cousa que se lle pregunte. A xunta electoral interpretou que nos últimos encontros se fixeran algúns anuncios, pero é inevitable que se digan cousas que se poden ou van facer. De todos os xeitos, a xunta electoral resolveu coas alegacións dunha soa parte e iso, como ben sabemos os xuristas, é algo complicado. 

O BNG reclama incluír o Dillo Ti como unha ordenanza dentro dun Regulamento de Participación Cidadá como solución...

Os encontros coa veciñanza teñen encaixe legal, non hai ningún problema de legalidade. A decisión foi de oportunidade política e dunha versión distorsionada do que é o Dillo Ti. A decisión non tería cambiado.

"Estamos dando visibilidade a outra cidade diferente; o traballo deste ano dará lugar a cambios máis profundos e de maior transformación social no futuro"

Como lle explicaría brevemente a unha persoa que non viva na Coruña en que cambiou para ben a cidade no último ano?

Hai unha nova relación entre o Concello e a cidade: máis aberta, máis transparente, con máis escoita... As formas cambiáronse e estáselle dando visibilidade a outra cidade diferente. Había unha visitón institucional da Coruña que tiña que ver con certos actos cívicos-relixiosos e co tradicional que agora incorpora outros elementos á iconografía da cidade. Tal vez iso foi o que máis cambiou neste primeiro ano, pero agardamos que o traballo asentado nestes primeiros doce meses dea lugar a outros cambios nos anos sucesivos, de máis profundidade, de máis transformación social, de máis benestar e tamén na configuración urbana na cidade. 

Semella que faltan medidas máis apreciables no día a día da cidade...

Se cadra a xente bota de menos medidas de goberno que teñan un maior impacto visual. Esas costan moito máis e ter aprobado os orzamentos tarde tamén impediu que se iniciasen obras antes, pero xa estamos comezando. Ademais, houbo outros investimentos sen impacto visual, como os feitos na rede de saneamento ou medidas para reducir a contaminación, que tamén son importantes. Agardo que o traballo máis silencioso deste primeiro ano se acabe visualizando nos vindeiros meses. 

"Non agardaba ese acordo exprés entre PSOE e PP para os orzamentos; sentino como unha traizón do Partido Socialista"

O pleno da aprobación dos orzamentos sacou á luz un Xulio Ferreiro moi anoxado. Foi o seu peor momento desde que é alcalde?

Dentro do pleno, si; dentro do Concello non foi o peor. Non agardaba esa operación de última hora, ese acordo exprés entre o PSOE e o PP. Sentino como unha traizón por parte do Partido Socialista porque aquilo botaba por terra e derrubaba moitas pontes que estaban fráxiles pero que cría que aínda existían. 

"As pontes entre o goberno local e o PSOE non están reconstruídas"

Como están esas pontes?

Non están reconstruídas. O PSOE, en determinado momento, decidiu levantar dunha mesa de negociación dos orzamentos e nunca máis volveu sentar, nin tan sequera dun xeito simbólico. Supoño que estarán a resolver os seus problemas internos antes de pensar cal é a relación que queren ter co goberno municipal da Coruña. 

Cre que pesan moito os problemas internos ou as diferentes almas que conviven no PSOE? 

Ten diferentes almas, están buscando a súa alma e en cada decisión que toman a alma é diferente. Iso pesa e velo falando cos propios militantes socialistas, versións diferntes, ganas de ir por camiños diferentes. Dixémolo en campaña e igual non pensamos que esa afirmación ía ser tan certa: o PSOE ten que decidir se quere ser parte do problema ou parte da solución. A sociedade, ou parte da sociedade que sente os valores progresistas, está cambiando e indo por un lado e creo que dentro desta parte hai moita xente do Partido Socialista e o PSOE ten que facilitarlle seguir crendo nesa vía. 

"O PSOE ten diferentes almas, están buscando a súa alma e en cada decisión que toman a alma é diferente"

Que lle parece a actitude do PP co goberno da Marea Atlántica?

Non veño do ámbito da política partidaria, senón da Universidade, e alí puiden comprobar como sempre había posibilidade de acordo e consenso mesmo con aqueles que estaban situados no espazo ideolóxico diametralmente oposto. Sempre había esa posibilidade porque había ese interese pola institución como punto de encontro e sempre había un espazo para atoparse, pero aquí non existe. Aínda que un busque atopalo e charlando privadamente con membros do PP o atope, nunca hai posibilidade de reflectilo no pleno. Aquí houbo exemplos moi concretos, pactados co PP antes e que logo viraron en contra no pleno porque alguén dentro do Partido Popular entendeu que non era rendible votar coa Marea Atlántica. 

Cre que ten solución ese desacordo constante?

Non o sei. O PP di moitas veces que está illado pero o que fai é situarse no illamento. Entendo que para eles agora somos o inimigo e iso de "al enemigo ni agua" aplícano. Eu non o fago e mesmo tiven discusións internas sobre se era bo ou non chegar a acordos; e é obvio que é bo facelo coas institucións aínda que estean dirixidas polo PP. Con Fomento e con algunhas consellerías da Xunta é posible entenderse e hai outras administracións coas que é imposible. Non lles interesa dar ningunha vitoria política ao adversario. 

"Para o PP agora somos o inimigo; se non chega a acordo ningún é porque non lle interesa dar vitoria política ningunha ao adversario"

Ningunha?

Atópaste con xente que en privado diche cousas diferentes ás que defende publicamente e isto a min resúltame duro e estraño. Non é raro que os cidadáns vexan de maneira negativa a actividade política cando un ve comportamentos así. 

Cre que aínda non toman en serio aos denominados "alcaldes do cambio"?

Creo que nos toman demasiado en serio. Aquilo xa pasou; as primeiras semanas ou meses si que nos miraban como se non cresen ou visen posible que fosemos alcaldes... Pero agora vennos como o inimigo a bater. E estase vendo coa hostilidade coa que moitas veces nos tratan, tirando de tópicos que nos son alleos. Criticóusenos moito dicíndonos que eramos incapaces de aprobar uns orzamentos e logo miras a única cidade de Galicia que non os ten aprobados e resulta que é a única que está gobernada polo PP. Problemas de xestión neste Concello houbo miles durante os últimos anos e parece que chegasen con nós. 

Acúsanos de basear o seu labor en cuestións máis simbólicas que prácticas, pero hai críticas que parecen tamén máis simbólicas que de fondo. 

As críticas están no simbólico porque non poden estar noutro sitio, porque non atoparon unha soa medida de goberno e de xestión que sexa criticable. Non se pode criticar ter amañados os problemas de saneamento na Coruña, non se pode criticar a Renda Social Municipal, non se pode criticar ter habilitado as bolsas comedor... Obviamente, claro que houbo erros de xestión, pero non tan importantes como para facer deles un cabalo de batalla. De que o poden facer? Das batallas culturais. E aínda así, fomos cautos abondo para só dar aquelas batallas culturais que estaban no imaxinario colectivo e que non pertencían a unha parte residual da sociedade senón a unha parte moi maioritaria. Falo da Lei de Memoria Histórica, de laicismo ou da abolición das touradas. Eran medidas que estaban gañadas desde un principio porque eran medidas que levabamos nós no programa, pero tamén o BNG e o PSOE. O apoio social era amplo e o foco das críticas estivo nestas medidas, o que provoca que moita xente poida dicirnos que só fixemos iso. Fixemos moitas máis cousas, pero a atención mediática ás veces provócana máis unha camisa de cadros que unha vertedura incontrolada. 

"Fixemos moito máis que retirar placas ou abolir as touradas, pero o foco das críticas estivo nesas medidas e a atención mediática, tamén"

Como cualificaría a relación co BNG no Concello?

Máis ou menos como se podía esperar. O BNG é o grupo que ten unha postura máis responsable. Non deixa de ser curioso que os dous grupos aos que nos cualifican de antisistema teñamos máis responsabilidade cós demais. É certo que hai cuestións nas que o Bloque non está de acordo e así o di pero non cae nunha crítica ridícula. O que si boto ás veces en falta é un pouco máis de empatía no BNG, unha forza que sabe o que é gobernar e o que é non poder levar a cabo o teu programa nun goberno por determinadas circunstancias, como así se deu no Concello da Coruña. Nós, no primeiro ano, fomos quen de facer cousas que o Bloque viña reclamando e que non puido facer cando estivo no goberno, aínda que fose a minoría dese goberno. Desde o uso do galego con normalidade, até a abolición das touradas ou o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. 

"O BNG é o grupo cunha postura máis responsable e non cae na crítica ridícula, pero boto en falta máis empatía"

O goberno vén de anunciar a municipalización da xestión das bibliotecas pero non foi quen de remunicipalizar a ORA. Quédalle esa espiña?

Non, non... O único que dixemos é que, tendo en conta o momento de adxudicación do contrato, estudariamos esa posibilidade como primeira das opcións de remunicipalización nun contexto difícil. Cando xa estaba a proposta da mesa de contratación, cando xa se fixera pública, cando a empresa prestara a súa fianza e só quedaba o último paso formal do contrato... Advertimos sempre que o fariamos con sentidiño e facelo con sentidiño é non poñer o Concello nunha situación comprometida por levar a cabo unha medida efectista no primeiro mes de goberno. Estudámolo, intentámolo e despois desbotámolo. Haberá tempo e haberá oportunidades para poder acometer a municipalización de servizos. 

Houbo moita xente que vén de descubrir que moitos dos terreos da fachada marítima son recuperables para o Concello...

Un dos logros deste ano foi poñer no debate público determinados elementos que non estaban, como o caso da fachada marítima da Coruña. Batería, Calvo Sotelo... A xente non sabía o que se ía facer e logramos meter iso no debate. Ben está porque a xente, na súa maior parte, púxose do lado do Concello e do sentido común. Todas estas medidas poderemos facelas se a xente está detrás e logo haberá que chegar a acordos con outras administracións. 

"Agora non vexo a moción de censura como unha ameaza real, pero si a posibilidade de acordos sistemáticos entre PP e PSOE para impedir a acción de goberno"

Viu perto a posibilidade da moción de censura?

É algo que sempre está aí. Vina máis de preto nas primerias semanas, como se quixeran deixar que batésemos para logo rescatarnos. Durante esas primeiras semanas non nos tomaron moi en serio pero agora ven que pola vía do caos será difícil que nos collan. Pero iso sempre estará aí, dependendo do papel que queira cumprir o PSOE. Se o PSOE se vai situar como comodín do PP noutras administracións, tal e como parece que tiña previsto un dos candidatos ás primarias no PSdeG, nunca hai que descartar que haxa ese acordo global, o dos partidos do réxime. É unha posibilidade que está no futuro pero neses momentos non o vexo como ameza real. O que si vexo é a posibilidade de acordos sistemáticos, que sistematicamente se vaian poñendo de acordo para gobernar desde a oposición e impedir a acción do goberno.

Leva un ano como alcalde e aínda lle quedan tres, pero dá a impresión que un cambio tan ambicioso como o que se propón precisaría cando menos outro mandato máis...

A sensación é que a todos nos gustaría ir máis rápido e que os propios tempos da xestión na administración che permitisen ir máis rápido. Seguramente, os catro anos poidan sentar as bases dun proxecto e un segundo mandato permita desenvolver ese proxecto pero, con toda sinceridade, non estou pensando agora nun segundo mandato.

Nesta serie de entrevistas conversamos con alcaldes e alcaldesas tras o primeiro ano de mandato. Próximas paradas, Pontevedra e Vigo.

Xulio Ferreiro © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.