Hai dez días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou nunha entrevista radiofónica aos médicos que levaron ante a Fiscalía os casos de mortos por hepatite que tardaron en recibir o seu tratamento por parte do Sergas. Este martes, no Parlamento de Galicia, Feijóo ratificouse nas súa postura e cualificou de “indigna” a denuncia, que conta co aval da Fiscalía e que está a ser investigada por un xulgado por posible prevaricación, e de “indignos” os médicos que a formularon. “Sei perfectamente os intereses que hai detrás”, dixo, lamentando que a denuncia a formulen “médicos que están facendo transplantes a 100.000 euros” cada un. Referíase, de xeito velado, a Evaristo Varo, o xefe de transplante abdominal do Hospital Clínico de Santiago, do que no PP critican que actúa por non ter logrado un ascenso na súa carreira profesional. Segundo dixo o presidente, a maioría dos médicos galegos pensan como el mesmo.
AGE lémbralle ao presidente que é a Fiscalía a que relaciona as demoras nos tratamentos con motivos económicos e que "a Xunta é a única administración do Estado encausada por este asunto.
Foi o vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, quen preguntou pola cuestión na sesión de control ao Goberno deste mércores, na que acusou a Feijóo de “calumniar” e “atacar a un traballador público”, en referencia aos médicos que denunciaron as mortes, “nunha actitude propia dun matón”. Esa expresión valeulle a Sánchez que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o chamase dúas veces á orde e retirase as súas verbas do diario de sesións. Feijóo contestoulle criticando a súa “catadura moral” e asegurando que “a vida dunha persoa non ten prezo”. O presidente amosou o seu “respaldo aos profesionais” pero criticou aos “políticos, xornalistas e médicos que tentan estender unha imaxe falsa da sanidade pública”. Segundo dixo, non ten sentido acusar á Xunta de deixar morrer aos pacientes por motivos económicos cando gastou máis de cen millón de euros nos tratamentos.
Feijóo e Antón Sánchez critícanse as súas respectivas "cataduras morais" e bótanse en cara mutuamente empregar os mortos para facer política
“O amigo de Marcial Dorado, de Pachi de Lucas, o que mantén a Baltar, vaime dar a min leccións de catadura moral”, replicoulle o deputado de AGE, quen lembrou que a denuncia que investiga a Xustiza “é unha denuncia da Fiscalía, non é dos médicos”. “Está vostede criticando á Xustiza?”, preguntou Sánchez, quen engadiu que “a Xunta é a única administración do Estado encausada por este asunto”. Feijóo replicou pedindo que se espere a que actúe o xuíz instrutor do caso, lembrando que este non admitiu a investigación por homicidio que pedía a Fiscalía, pero obviando que a de prevaricación que si está aberta estuda as demoras nos tratamentos que acabaron na morte dos enfermos.