Comeza unha tempada de lumes que a Xunta prevé tardía

Mapa do risco de incendios forestais deste primeiro domingo de xullo Dominio Público Xunta de Galicia

Este venres día 1 de xullo a Xunta deu por iniciada a tempada de perigo alto de incendios forestais, que durará ata o 30 de setembro. Porén, o dispositivo autonómico de prevención e extinción aínda tardará en funcionar ao cento por cento, xa que o Goberno galego prevé que este ano o momento máis conflitivo se demore.

O Goberno galego asegura que a meteoroloxía da primavera demorará os lumes deste ano

O propio presidente Feijóo indicou o pasado xoves, tras a reunión semanal do seu Goberno que, segundo lle trasladan desde a Consellería de Medio Rural, a climatoloxía da pasada primavera fai prever aos técnicos que este ano tardarán en darse as condicións máis favorables para os lumes. Por ese motivo, Feijóo xustifica que aínda non corre presa contar con todos os medios aéreos de extinción previstos inicialmente, logo de que quedara deserto o concurso convocado pola Xunta para dispor de hidroavións que complementen aos que despregará o Goberno central. O Goberno galego convocou no seu lugar un novo concurso para a contratación de máis helicópteros dos previstos, pero este proceso tardará en concretarse, polo que Feijóo indicou que, se é necesario, recorrerá a contratacións de emerxencia, aínda que amosou a súa esperanza en que non sexa necesario. Tampouco está aínda contratado o persoal das brigadas da empresa pública Seaga.

O ano pasado os lumes queimaron en Galicia preto de 12.000 hectáreas (7.300 rasas e 4.500 de arborado), catro veces máis que o 2014, que foi o mellor ano da última década.  Para este ano o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) márcase como obxectivo non superar os 678 lumes de máis de media hectárea arborada ou de unha hectárea entre arborado e raso, cifra superior á dos lumes similares rexistrados o ano pasado pero inferior á media da última década. Tamén prevé non superar a media de 3 hectáreas por lume (de 1 hectárea cando sexa superficie arborada), que o 70% dos lumes non supere a hectárea e que non pasen do 2% os de máis de 25 hectáreas.

O risco xa é extremo no Ribeiro e nas Rías Baixas, con temperaturas superiores aos 30 graos

Polo pronto, este domingo o mapa de risco diario de lumes que elabora a Xunta amosa un risco extremo ao longo do río Miño, nas Rías Baixas e no leste da provincia de Ourense, mentres que o terzo norte de Galicia presenta un nivel moderado. O antedito nivel extremo nas Rías Baixas, onde as predicións meteorolóxicas prevén temperaturas por riba dos 30 graos para os próximos días, xa se puido comprobar o pasado xoves en Cangas, onde se produciron dous lumes en dous puntos distintos do concello.

Total de lumes de máis dunha hectárea (ou de media se é arborada) e obxectivos anuais do Pladiga durante a última década Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.