E ti, que farías na Coruña cun millón de euros?

Vista da Coruña © Concello da Coruña

Dende este luns pódense votar no portal de participación do Concello da Coruña as distintas propostas que se incorporarán ás contas municipais a través dos orzamentos participativos, aos que se destinan un millón de euros, a repartir entre todas as ideas finalmente aprobadas. Nas últimas semanas recibíronse un total de 516 ideas e suxestións, das que 121 foron descartadas, ben por referirse a cuestións sobre as que o Concello non ten competencia, ben por ser directamente irrealizables (por falta de espazo ou imposibilidade legal, por exemplo), ben porque as propostas non implicaban unha modificación orzamentaria, senón que se referían a accións políticas.

Ata o 15 de xullo poderán votarse as 395 propostas que si superaron este primeiro corte, e que se poden consultar na web. Os diferentes servizos do Concello implicados estudarán que cada unha das propostas cumpra os requisitos necesarios: que sexan propostas de investimento, viables e legais, e orzamentarán o custo de levalas a cabo. A votación final terá lugar despois do verán. As propostas con máis apoios, ata esgotar o orzamento total, serán as seleccionadas e incluiranse no proxecto inicial do Orzamento Xeral de 2017.­

Para Delso, as propostas recibidas “son, todas, relevantes para a cidade, responden na súa gran parte ao ben común e denotan que a cidadanía está ben informada e sabe perfectamente cales son as súas necesidades”

​A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, destacou que as propostas recibidas “son, todas, relevantes para a cidade, responden na súa gran parte ao ben común e denotan que a cidadanía está ben informada e sabe perfectamente cales son as súas necesidades”. “Podemos dicir que este proxecto piloto de orzamentos participativos, o primeiro que se fai neste Concello, xa é un éxito, porque estamos vendo que a cidadanía, cando se pon á súa disposición ferramentas de democracia directa, como é o caso, responde”, subliñou

Entre as ideas que están en fase de debate e votación atopamos un bo número de propostas urbanísticas e de mobilidade (sendas peonís, a creación dunha rede de vías circulables en bicicleta, a recuperación do carril-bus, mellorar a adaptación da cidade para as cadeiras de rodas, humanizacións de rúas, mellora do sistema BiciCoruña, aparcamentos disuasorios...). De feito, 24 das iniciativas teñen que ver co uso da bicicleta. Tamén hai numerosas suxestións de creación de novos servizos (zonas wifi gratuítas, un parque infantil cuberto, creación de hortos urbanos...) ou peticións coma a migración a software libre dos equipos informáticos municipais, a instalación de máis parques caninos ou a creación dunha plataforma de compra online e bicireparto nos mercados municipais.

24 das iniciativas teñen que ver co uso da bicicleta. E varias das propostas inciden na necesidade de que a cidade conte con máis zonas verdes

Varias das propostas inciden na necesidade de que a cidade conte con máis zonas verdes (creación do Gran Bosque da Coruña entre Elviña e Pocomaco, plantación de especies autóctonas entre o Monte das Moas e o Parque de Eirís, creación do Bosque de Galicia no parque de Bens, plantación de máis árbores nas rúas...). Tamén se propoñen novas instalacións municipais nos barrios (bibliotecas, centros cívicos...) que carecen delas e, igualmente, faise fincapé na conversión do antigo cárcere provincial nun centro cultural. 

 

As propostas declaradas como "non viables"

Unha parte das propostas definidas como "non viables" quedaron excluídas por non entrar na "categoría de investimento", tratándose de decisións políticas, que poden ser agora tidas en conta polo goberno municipal a través doutras canles. A varias destas suxestións contestóuselles, precisamente, que se destacaba o seu interese e que o Concello as podería incorporar e atender.

Unha parte das propostas definidas como "non viables" quedaron excluídas por non entrar na "categoría de investimento", tratándose de decisións políticas, que poden ser tidas en conta polo goberno municipal a través doutras canles

Entre estas peticións figuraban, por exemplo, a cesión de "espazos dignos" para asociacións e colectivos de barrio, a adecuación da Glorieta da Paz (nos Mallos) como un lugar de encontro e convivencia entre o estudantado universitario e os cidadáns da súa contorna, a recuperación da concesión da cafetería do Parque Europa para destinala a escola infantil, a organización de máis cursos nos centros cívicos, a eliminación dos contedores de lixo do casco histórico, a escolla dunha praia á que poidan acceder os cans no verán, a recuperación do tranvía turístico, a creación de buses-lanzadeira para días de eventos (fútbol, concertos, San Xoán...), a creación dunha Casa Picasso para a difusión dos artistas locais, a posta en marcha de novas liñas de autobús ou a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos.

Outras das ideas tiveron que ser rexeitadas por non referirse a cuestións sobre as que o Concello non ten competencia (ou non ten competencia exclusiva)

Outras das ideas tiveron que ser rexeitadas por referirse a cuestións sobre as que o Concello non ten competencia (ou non ten competencia exclusiva), indicando en ocasións o Goberno municipal que a proposta foi xa derivada cara á institución ou entidade responsable ou que se valora a posibilidade de estudala en cooperación coas demais partes implicadas. Entre as iniciativas destacan, por exemplo, a de cubrir as medianeiras das casas con murais de artistas locais, a creación dunha conexión regular por mar entre A Coruña e a costa de Oleiros ou a creación dunha pasarela peonil e de bicicletas entre As Xubias e Santa Cristina.

Entre as moitas propostas recibidas chaman a atención algunhas que tampouco superaron o corte (polo mesmo motivo de non levar aparellado unha modificación do investimento) pero que dende logo destacan en orixinalidade. Por exemplo, a creación dunha Escola Popular de Koruño, para a que se propoñía como localización o edificio da Casa do Sol, no Orzán. "Na cidade temos un tesouro do que non somos conscientes . Un feito que demostra a personalidade que os coruñeses e a súa forma de vivir posuímos en relación á súa contorna. Resulta concluínte á hora de definir a un pobo a posesión dun idioma propio que lle represente e co que se desenvolva con normalidade", destacábase na proposta desta "Academia do Koruño" para "facilitar clases deste dialecto a fin de preservar e potenciar a súa expresión no noso modo de vida".

Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática © Concello da Coruña
Captura de pantalla da web de debate e votación dos orzamentos participativos Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.