Como era previsible, nada muda. Este luns as Audiencias Provinciais de Galicia acolleron o reconto do coñecido popularmente como voto emigrante, os sufraxios emitidos por persoas integradas no Censo de Residentes Ausentes (CERA). Fronte aos tensos escrutinios de outrora, cando a práctica ausencia de controis nesta votación derivaba en sufraxios tan masivos como opacos que chegaron a condicionar maiorías parlamentarias, a introdución do voto rogado provocou unha caída en picado da participación e con ela, o CERA instalouse na irrelevancia tamén nas recentes eleccións galegas, tras as que o PSdeG ficou a só 150 votos de arrebatarlle ao PP un escano por Ourense. Pero, tamén na emigración, os de Baltar impuxéronse.
No caso do CERA ourensán a vitoria baltarista foi un chisco máis esmagadora que entre o conxunto do electorado. Con apenas 2.000 votos emitidos, 1.059 foron para o PP fronte a só 344 para o PSdeG.
Os socialistas ficaron, por tanto, máis lonxe do que estaban dun escano que suporía que os conservadores pasasen en Ourense de 9 a 8 e os socialistas, de 2 a 3. Pero, sobre todo, implicaría desfacer o empate a 14 escanos entre En Marea e PSdeG co que, no conxunto de Galicia, rematou o 25S. De teren fortuna no sufraxio exterior, os socialistas recuperarían a súa condición de segunda forza parlamentaria en escanos, aínda que con menos votos nas urnas.
No sufraxio exterior de Ourense o PP tivo 1.059 votos fronte a 344 do PSdeG, 214 de En Marea e 58 para o BNG
Como noutras ocasións, os votos dos residentes ausentes á marxe de PP e PSOE foron aínda máis testemuñais. Neste caso, En Marea tivo 214 sufraxios e o BNG, 58. Unha vez despexada a incógnita da CERA ourensán cabe dar por pechado o resultado das eleccións galegas a efectos prácticos, tendo en conta que o reconto do voto emigrante nas outras tres circunscricións tampouco implicou movemento ningún e que é practicamente imposible que o fagan os recursos e impugnacións sobre mesas ou papeletas concretas.
No conxunto do CERA o PP obtivo o 49%, seguido polo PSdeG (17%), En Marea (16%) e BNG (4%)
Así, todo queda como estaba tras a noite electoral despois de que, como no interior, no conxunto do voto exterior o PP fose a primeira forza, cun total de 5.267 sufraxios (49%). Ao contrario do acontecido nas urnas, neste caso o PSdeG foi a segunda forza con 1.836 votos (17%), se ben os socialistas foron superados nas provincias atlánticas por En Marea, que no total do CERA recibiu 1.734 votos (16%). O cómputo das forzas parlamentarias péchase con 468 votos para o BNG (4%), mentres que os votos a outras opcións foron 1.321 e os votos en branco, 77.
Unha abstención do 98%
Este resultado prodúcese nun contexto no que, como en cada convocatoria electoral dende a instauración en 2011 da obrigatoriedade de solicitar formalmente a votación dende o estranxeiro, a participación das persoas inscritas no CERA está marcada por unha altísima abstención, que desta volta roldou o 98%. Das máis de 446.000 persoas inscritas como "residentes ausentes" apenas 19.700 completaron os trámites para rogar o voto. E delas, unicamente 10.777 remitiron o seu sufraxio en tempo e forma. Foron algo máis de 4.000 na Coruña, unhas 1.200 en Lugo, algo menos de 2.000 en Ourense e 3.500 en Pontevedra.
Co modelo anterior todas as persoas inscritas no CERA recibían a documentación sen pedila e non existían acreditacións de identidade ou de se cada votante era alguén con vida
Estas baixísimas cifras de participación contrastan coas rexistradas ata a aplicación dos novos controis. Así, por exemplo, nas últimas eleccións galegas sen voto rogado, as de 2009 -cando figuraban no CERA unhas 335.000 persoas-, chegaran a Galicia un total de 101.708 votos e a taxa de participación superara o 30%, chegando ao 35,2% en Lugo. Isto é, uns 30 puntos máis que na actualidade.
O sistema anterior implicaba que todas as persoas inscritas no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen necesidade de que ninguén comprobase a súa identidade e os votos incorporábanse ao resultado electoral do interior sen controis que permitisen acreditar, por exemplo, se o elector de que se tratase era unha persoa viva ou, pola contra, xa falecera e alguén votara no seu nome. No entanto, estes controis implicaron tamén notables obstáculos para votar ás persoas que residen temporalmente no exterior, malia ser a súa situación obviamente distinta.
Pactos obrigados na esquerda
Así as cousas, o Parlamento que se constituirá o vindeiro día 21 está marcado polo devandito empate a 14 escanos na segunda posición. Alén de que En Marea xa reivindicase que "exercerá" como "primeira forza" da oposición por teren máis votos, o certo é que, como detallou Praza.gal, esta nova distribución obrigará a múltiples pactos entre as forzas da esquerda durante a lexislatura. O primeiro terá que chegar, forzosamente nas vindeiras semanas para ditaminar a elección da vicepresidencia segunda e mais da vicesecretaría da Mesa do Parlamento, o órgano reitor da Cámara.