Vítimas de Angrois acusan a xuíz e fiscal de “actuar de avogados defensores de Adif e Renfe”

Vítimas de Angrois concentradas este mércores diante dos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

“Que un fiscal e un xuíz, con 80 mortos, actúen como están actuando... Estamos convencidos de que están actuando como avogados defensores de Adif e Renfe”. Quen así se pronuncia é Teresa Gómez-Limón, portavoz da plataforma de vítimas do accidente de Angrois e ex-deputada autonómica en Madrid do PP. A súa crítica lanzouna este mércores ás portas dos xulgados de Santiago, onde compareceu para cargar contra a falta de colaboración do Goberno coa xustiza logo de que Adif veña de entregar documentos que considera “relevantes” para a causa con tres anos de demora.

“Que un fiscal e un xuíz, con 80 mortos, actúen como están actuando... Estamos convencidos de que están actuando como avogados defensores de Adif e Renfe”

Este mércores estaba prevista a declaración de dous peritos que consideran que Adif non analizou correctamente o risco que tiña a curva de Angrois dun exceso de velocidade como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013, cando un maquinista dun tren Alvia non freou a tempo sen que houbera ningún sistema que evitase ou paliase o seu despiste. Porén, a declaración dos expertos foi adiada ata o 18 de outubro porque o pasado luns, dous días antes da súa comparecencia prevista, Adif decidiu entregar no xulgado 300 folios de documentos que cualifica de “relevantes” pero que segundo a súa versión “omitiu por erro” durante tres anos. Son documentos sobre a análise de riscos da liña de AVE Ourense-Santiago que en principio non responderían ás dúbidas polas que a Audiencia da Coruña reabriu en maio a investigación, xa que non analizan como pedía o tribunal “a situación de perigo concretamente existente na curva” senón en toda a liña de xeito xenérico. Pero aínda deben ser analizados polos peritos, de aí o adiamento da súa comparecencia.

Malia adiarse a declaración dos expertos, a portavoz da plataforma de vítimas desprazouse igualmente este mércores a Santiago para, nas portas do xulgado, criticar a actuación de Adif. “Vese que se lles caeu debaixo da alfombra”, dixo de xeito irónico sobre a documentación achegada agora con tres anos de demora. “É unha burla que se presente dous días antes [da declaración dos peritos] pero o que me parece máis grave é que o xuíz o admita”, criticou. E lembrou que “durante dous anos nós pedimos probas de todo tipo e non se nos admitiu nin unha, nin unha, e agora a Adif admíteselle isto”.

As vítimas insinúan que cos novos documentos achegados ao xulgado con tres anos de demora a empresa pública xestora das vías tenta desviar a responsabilidade ás construtoras do AVE

Gómez-Limón avanzou que o avogado da plataforma pedirá que se certifique a autenticidade dos documentos agora achegados, xa que amosou as súas dúbidas de que puideran ser falsificados ao longo destes tres anos. A portavoz das vítimas tamén dixo sospeitar que con estes novos documentos, elaborados supostamente no seu momento polas construtoras do AVE e previos á validación da seguridade realizada posteriormente por Adif e Fomento, a empresa pública “quere quitarse o marrón e botarllo a outro”, en referencia ás empresas privadas.

Nas súas críticas ao Goberno e á xustiza Gómez-Limón tamén revelou que hai meses tanto o fiscal do caso, Antonio Roma, como o presidente de Renfe, Pablo Vázquez Vega, pediron reunirse coa plataforma de vítimas o primeiro e con ela en solitario o segundo. Gómez-Limón contou que a principal preocupación de ambos era saber que necesidades materiais tiñan, fronte ao desexo, segundo o seu relato, de xustiza e non de cartos por parte dos familiares dos falecidos.

Escrito entregado este luns no xulgado que investiga Angrois pola Avogacía do Estado en representación de Adif CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.