Unha axenda galega para a lexislatura estatal dos vetos

Pleno do Congreso © Congreso dos Deputados

Desbloqueada pola anunciada abstención do PSOE -ou polo menos de parte dos seus deputados- á investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno de España, fica desbloqueado tamén o traballo efectivo da XII Lexislatura das Cortes Xerais. Iniciada formalmente o pasado 19 de xullo, na práctica os membros de Congreso e Senado apenas pasaron de debater para a galería logo da experiencia da lexislatura anterior, rematada aos poucos meses de iniciarse pola segunda convocatoria de eleccións, co que decaeron a inmensa maioría das iniciativas que se estaban a tramitar. Agora segue existindo a dúbida de canto de longa será esta lexislatura, cun Rajoy en clara minoría que terá nas súas mans volver convocar eleccións anticipadas cando mellor lle veña. Pero a sensación de interinidade xa non é tanta.

Os mecanismos parlamentarios non permitirán que a oposición 'goberne' desde o Congreso, pero si pode vetar e obrigar o goberno a negociar diversas medidas

Á vista do ocorrido nestes tres últimos meses, todo apunta a que esta lexislatura suporá unha loita constante entre a capacidade numérica da oposición para impor axendas políticas distintas á do PP fronte a capacidade de resistencia do Goberno para non aplicar esas medidas ou mesmo tentar vetar ou adiar o seu debate, como sucedeu a semana pasada, mesmo coa colaboración da presidencia da Cámara que ostenta Ana Pastor. Os mecanismos parlamentarios non permitirán que a oposición goberne desde o Congreso, pero si pode vetar e obrigar ao goberno a negociar moitas das súas iniciativas se quere sacalas adiante. Estas serían algunhas das máis relevantes para a axenda galega en Madrid.

Traspaso da AP-9

A manobra do gabinete de Rajoy para bloquear o traspaso é un exemplo da capacidade do Goberno en minoría para torpedear iniciativas

O sucedido a semana pasada é un exemplo da capacidade do Goberno para atopar recunchos legais cos que boicotear iniciativas da oposición. A proposición de lei remitida polo Parlamento de Galicia de xeito unánime ao Congreso para reclamar a titularidade da autoestrada atopouse co a pretensión de veto do Goberno a través dun artigo da Constitución que lle permite parar mesmo o debate de calquera iniciativa parlamentaria semellante que implique un incremento do gasto nas contas estatais. Para facelo Moncloa apóiase nun informe do Ministerio de Fomento que formula un escenario hipotético, o eventual rescate da autoestrada, e faino ademais cun cálculo erróneo. Aínda que pode haber xeitos de erguer ese veto, ese argumento pode ser esgrimido polo Goberno en moitas outras iniciativas da oposición para tumbalas ou, cando menos, adialas e obstaculizalas.

Orzamentos Xerais do Estado

Á vista do ocorrido co veto ao debate da AP-9, e vista a relevancia que para ese tipo de casos adquiren os Orzamentos Xerais do Estado, a súa será a primeira gran negociación parlamentaria. Debe propolos o Goberno de Rajoy, que cando gobernou con maioría absoluta tombou a inmensa maioría das emendas que tentou introducir a oposición na súa tramitación parlamentaria. Das contas do Estado dependen non só os investimentos estatais concretos en Galicia -hai licitacións de obras paralizadas á espera de contar con fondos- senón tamén as propias contas da Xunta, que espera coñecer as transferencias coas que contará para poder concretar os Orzamentos galegos de 2017.

Investigación de Angrois 

O PP considerou "absurda e miserable" a petición de investigación e se os grupos manteñen as posicións da lexislatura fallida, non sairá adiante

A negativa do PP a constituír unha comisión de investigación política sobre o sinistro contou ata o de agora coa complicidade do PSOE. Porén, a medida que se foron coñecendo novos datos tanto sobre o propio accidente como sobre a súa xestión por parte de Fomento, o PSdeG foise amosando máis favorable á posibilidade de cambiar de postura. Ciudadanos di apoiar esa investigación e En Marea xa anunciou que insistirá con ela as veces que poida, mentres que no debate máis recente no Congreso o PP considerou a petición como "absurda e miserable". Se todos os grupos manteñen as súas posicións da lexislatura fallida, a investigación non sairá adiante.

Prórroga de ENCE

O pasado 6 de abril En Marea presentou unha proposición non de lei para revisar a prórroga da concesión de ENCE ata 2063 que, logo dunha negociación, saíu adiante co apoio de PSOE e outros grupos minoritarios e malia o voto en contra do PP e a abstención de Ciudadanos. Todos manteñen as mesmas posturas, polo que é previsible que a iniciativa volva ser presentada e aprobada. No entanto, as proposicións non de lei non son vinculantes de seu, polo que, alén da presión política, non cabe agardar que o Goberno de Mariano Rajoy aplique medidas para revogar a concesión que lle permite á pasteira permanecer na ría de Pontevedra.

Freo á LOMCE  

A Xunta é dos poucos gobernos autonómicos que acata a 'lei Wert' sen condicións. A tramitación da derrogación segue adiante malia ao intento de veto

A Xunta é unha das poucas administracións autonómicas que está a acatar sen condicións o cumprimento da lei educativa estatal que a oposición coincide maioritariamente en querer parar, co freo ás reválidas como reclamación máis inmediata. A parálise da LOMCE é unha das leis, neste caso impulsada polo PSOE, que o Goberno de Rajoy tentou paralizar na última semana, se ben neste caso a Mesa do Congreso optou por continuar a tramitación. Esta circunstancia, así como o feito de que os socialistas e mesmo Ciudadanos digan estar dispostos a frear a 'Lei Wert' para despois modificala, abre a porta a que a normativa poida ser paralizada. Cómpre agardar, no entanto, para saber cando se producirá esa parálise de xeito efectivo, se Moncloa optará pola batalla lega e, sobre todo, cando a operación terá efectos prácticos nas aulas.

Outras materias pendentes

Xunto a estas tarefas máis inmediatas non son poucas as materias pendentes para o país que dependen, en boa medida, do xogo de maiorías nas Cortes e do seu reflexo na acción do Goberno central. Así, por exemplo, nos vindeiros meses coñecerase o impacto real dos recortes que o gabinete de Rajoy terá que aplicar para cumprir cos obxectivos de déficit marcados dende a UE e o seu reparto entre as autonomías, nas que residen competencias esenciais como sanidade ou educación. Aínda non é coñecido, tampouco, se os grupos prevén impulsar o novo modelo de financiamento autonómico -o actual está caducado dende 2014- nin como se traducirá na política estatal o avance do proceso soberanista catalán -calquera reforma constitucional, por exemplo, depende do Senado, onde o PP conserva a maioría absoluta-.

O novo Executivo de Rajoy vaise ver obrigado a admitir que a conclusión do AVE á Meseta en 2018 xa é materialmente imposible

Xunto ás cuestións políticas estruturas estarán, novamente, asuntos sectorais tamén pendentes de resolución. É o caso, por exemplo, do seguimento do acordo lácteo, cuxa posta en marcha hai un ano non impediu que o prezo do leite galego continuase o seu devalo, ou o reparto de cotas pesqueiras. Do mesmo xeito, se a lexislatura estatal chegase a completarse -ou mesmo se chega ao seu ecuador- o Ministerio de Fomento verase obrigado a admitir que a finalización da conexión por AVE coa Meseta no ano 2018 é materialmente imposible. Esta data, que en campaña só mantiveron o PP e Ciudadanos, non poderá poder ser cumprida en ningún caso fundamentalmente porque aínda non se moveu a primeira pedra das obras do treito de 17 quilómetros entre Ourense e Taboadela, e aínda que o novo Executivo de Rajoy acelere a licitación non será posible concluír os traballos en prazo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.