O PP forza repetir o pleno da Deputación de Lugo tras bloquear toda a orde do día

Un intre das votacións no pleno da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Meses antes de que a política estatal comezase a estar marcada pola palabra "bloqueo", na Deputación de Lugo o termo comezara a empregarse con asiduidade. Pouco despois da moción de censura para desaloxar o PP do poder ao que chegara meses antes co apoio do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, o agora ex-militante do PSdeG rachou de vez co seu partido e teceu diversos pactos cos populares. Eses acordos derivaron na súa expulsión do partido pero tamén no devandito bloqueo: a correlación de forzas na institución impide que se poida producir legalmente unha moción de censura contra o goberno do socialista Darío Campos, pero o PP de Elena Candia ten, xunto a Martínez, unha amplísima capacidade de bloqueo que volveu exercer no último pleno, este martes, que agora pide repetir.

Menos de medio ano despois de que o BNG abandonase o goberno da entidade provincial polo pacto acadado por Campos con Candia e Martínez para "desbloquear" os orzamentos -unha emenda da líder popular e do rexedor de Becerreá abocara o presidente a ese escenario-, os acordos dos conservadores con quen o PSdeG definiu como tránsfugas foron diversos. O último chegou, pola vía dos feitos, este martes, cando Campos optou por converter en rogo unha moción coa que o PP reclamaba que a sociedade provincial Suplusa "asumise a encomenda de xestión" para construír tres residencias de maiores, entre elas a de Becerreá, reclamada por Martínez.

Como "sinal de protesta" o PP e Martínez non debateron en ningunha das iniciativas e votaron en contra de todas

A modificación ditaminada polo presidente -os populares acúsano de realizala para "evitar" debater ao respecto- foi retrucada polo grupo do PP cun "sinal de protesta" consistente en non participar en ningún dos debates, retirar todas as súas iniciativas e votar en contra de todas as do resto de grupos. Martínez secundou a medida e, daquela, todas decaeron. Entre elas figuraban os fondos para adxudicar o Premio Otero Pedrayo -que organizan conxuntamente as catro deputacións coa USC e a RAG- ou unha subvención para o Club Kayak de Foz, ambas promovidas dende o goberno.

Entre as propostas vetadas figura a concesión do premio Otero Pedrayo e unha sobre as condicións laborais dos bombeiros, que protestaron pola actitude do PP

Tamén decaeu a proposta socialista "para o impulso da modernización e mellora dos servizos ferroviarios na provincia" ou a do BNG "para eliminar a precariedade laboral nos parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo, así como conseguir a equiparación salarial cos outros parques existentes en Galicia". Este debate foi, precisamente, o que suscitou máis tensión na sesión, toda vez que parte dos bombeiros afectados seguían o debate dende o propio salón de plenos. O bloqueo do PP e Martínez derivou nunha sonora protesta e reproches dos traballadores cara ás bancadas populares.

Unha vez vetadas todas as iniciativas, Candia anunciou que tras a proptesta procedería a forzar a convocatoria dun novo pleno, neste caso extraordinario, coa mesma orde do día, ao tempo que cualifican a Campos de "provocador" e o Bloque, pola súa banda, lamenta "a postura pouco seria e falta de rigor" dos de Candia. Mentres segue a ameaza de Bloqueo, o PP advirte: non desbota tentar impoñer os seus propios orzamentos na institución para o ano vindeiro.

Este mércores o goberno da institución anunciou, a través do seu vicepresidente, Álvaro Santos, e dos deputados de Cultura e Deportes, a "revogación dos acordos plenarios" para poderen pagar o premio Otero Pedrayo e mais a subvención ao club deportivo mariñao. Trátase, di, Santos, de "arranxar a desfeita do PP", provocada, acusa, polo "capricho de Elena Candia, atacada pola síndrome presidencialista". "O que fixo foi unha gran irresponsabilidade" e a solicitude de pleno extraordinario "nada resolve", afirma.

Os bombeiros protestan tras o veto á iniciativa sobre as súas condicións laborais © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.