Feijóo inicia o mandato da súa sucesión con exactamente o mesmo goberno que ata agora

Goberno co que Feijóo inicia o seu terceiro e último mandato, idéntico ao que rematou o segundo CC-BY-SA Praza Pública

Previsible e estable son dous dos adxectivos que máis lle gusta empregar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para referirse a si mesmo e o seu goberno. Este domingo foi un paso máis alá e converteuse no primeiro presidente da Xunta que repite no cargo e non muda un só dos seus conselleiros con respecto á composición previa do seu executivo no mandato anterior. O Goberno galego seguirá formado por exactamente os mesmos dez conselleiros (seis homes e catro mulleres) que había ata o de agora.

Alfonso Rueda segue a ser o único vicepresidente nun executivo que mantén as mesmas catro mulleres e seis homes

A decisión de Feijóo de manter o mesmo goberno limita as pistas sobre o futuro do PP de Galicia neste terceiro mandato que o propio líder popular xa anunciou como o da súa retirada, xa que o único vicepresidente segue a ser Alfonso Rueda, man dereita de Feijóo desde 2006, tres anos antes de chegar á Xunta. Rueda era secretario xeral do PP galego ata marzo, cando deixou o cargo para asumir a presidencia do PP de Pontevedra, o que foi interpretado como un paso atrás na carreira sucesoria de Feijóo. 

A última vez que Feijóo renovou o seu goberno foi a comezos de outubro de 2015, hai pouco máis de 13 meses, e fíxoo imprimíndolle un carácter preelectoral de cara aos comicios autonómicos do pasado 25 de setembro. Desde 2009, os sucesivos cambios viñeran motivados principalmente pola marcha de conselleiros a outros postos, fundamentalmente ao Goberno central, ou polo desexo de transmitir unha imaxe de austeridade reducindo o seu executivo ata un mínimo de oito consellerías. Porén, na última crise de goberno as mudanzas foron máis alá. Feijóo volvera ampliar o goberno ata dez consellerías separando as anteriormente fusionadas de Medio Rural e Mar, por unha banda, e Medio Ambiente e Infraestruturas, por outra. Ademais, traspasara a área de Emprego á Consellería de Economía para potenciar o protagonismo da de Política Social, e introducira conselleiros e altos cargos de perfil máis político recolocando na Xunta a dirixentes do PP que fracasaran nas eleccións municipais previas.

O "goberno estable" non o é tanto: desde 2009 só permanecen nos seus postos 18 dos 62 altos cargos da Xunta

Este luns o novo Goberno galego celebrará a súa primeira reunión e comezará a coñecerse a composición do seu segundo nivel, o dos secretarios e directores xerais. Á espera dos cambios que se poidan introducir alí, o seu “goberno estable” ao que se vén referindo Feijóo como contraposición á suposta inestabilidade do resto de opcións políticas non o é tanto. Desde a súa chegada á Xunta en 2009 só permanecen nos seus postos un total de 18 dos 62 altos cargos: 3 conselleiros e 15 dos 52 secretarios ou directores xerais. As mudanzas foron especialmente significativas no segundo mandato.

Sen cambios nas consellerías a respecto do que había ata agora, o goberno que inicia este terceiro mandato de Feijóo é o seguinte:

-Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: Alfonso Rueda Valenzuela
-Conselleiro de Facenda: Valeriano Martínez García
-Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: Beatriz Mato Otero
-Conselleira de Infraestruturas e Vivenda: Ethel Vázquez Mourelle
-Conselleiro de Economía, Emprego e Industria: Francisco Conde López
-Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: Román Rodríguez González
-Conselleiro de Sanidade: Jesús Vázquez Almuiña
-Conselleiro de Política Social: José Manuel Rey Varela
-Conselleira do Medio Rural: Ángeles Vázquez Mejuto
-Conselleira do Mar: Rosa Quintana Carballo

Primeiro goberno nomeado por Feijóo en 2009 Dominio Público Xunta de Galicia
Goberno nomeado por Feijóo tras as autonómicas de 2012 Dominio Público Xunta de Galicia
Goberno de Feijóo ao remate do seu segundo mandato e que continúa igual ao inicio do terceiro Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.