O PP apoia o traspaso da AP-9 no Parlamento mentres o mantén bloqueado no Congreso

Fileiras de vehículos na peaxe da AP-9 en Teo CC-BY-SA Praza Pública

"Os informes do Executivo español non bloquean o debate, o que fan é amplialo e condicionalo a informes máis amplos". "A titularidade da AP-9 é un obxectivo do PP de Galicia e así se vai defender, con rigor e seriedade". Quen fala é Martín Fernández Prado, deputado popular no Parlamento que exerceu de voceiro do seu grupo no debate en pleno de senllas iniciativas de En Marea e BNG a prol do levantamento do veto no Congreso á lei da transferencia de competencias sobre a autoestrada, aprobada por unanimidade na Cámara galega e freada polo Goberno de España nas Cortes a partir dun informe baseado en cálculos erróneos. Case ao mesmo tempo que Fernández Prado anunciaba en Galicia o voto a prol do traspaso, na Mesa do Congreso os representantes de PP e Ciudadanos mantiñan intacto o bloqueo cos seus votos.

A operación para frear a iniciativa galega, aprobada a partir dunha proposta do Bloque a pasada primavera, comezou cando o Goberno de Mariano Rajoy aínda estaba en funcións. Ás portas dunha lexislatura en minoría os conservadores presentaron ante a Mesa do Congreso un informe baseado no artigo 134.6 da Constitución, o que permite ao Goberno de España frear calquera lei que implique máis gastos ou menos ingresos. Para facelo o gabinete de Rajoy afirmou, a través do Ministerio de Fomento, que a transferencia de competencias a Galicia implicaría o rescate da autoestrada e un impacto nas arcas públicas duns 4.300 millóns de euros. No entanto, a lei galega non implica necesariamente o rescate e ademais, o custo desa hipotética operación non se calcularía como indica Fomento, senón a partir das normas fixadas na lei de contratos públicos.

O PP mantivo o veto en Madrid mentres anunciaba o apoio ás iniciativas a prol do traspaso formuladas por En Marea e BNG

Ante este primeiro veto a Mesa do Congreso deu en pedir máis informes e, mentres, o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, celebrou a súa primeira xuntanza co presidente da Xunta, na que ambos dirixentes substituíron a transferencia por unha comisión conxunta para supervisar a autoestrada, pero deixando as competencias no Goberno central. Apenas unha semana despois dese encontro, este martes, a Mesa do Congreso volveuse reunir con este conflito -que afecta a case unha vintena de leis- sobre a mesa. Algunhas delas, como a modificación do calendario da LOMCE, poden seguir adiante porque Ciudadanos optou pola abstención. As restantes, que foron tratadas conxuntamente e entre as que se atopa a lei galega, segundo confirman fontes parlamentarias, seguiron vetadas grazas a que os de Rivera secundaron o grupo de Rajoy.

"Traizón" ao Parlamento

Antón Sánchez (En Marea) insta a Feijóo a "defender a dignidade do Parlamento galego" ante o informe "mentireiro e manipulador" do Goberno central

O sucedido no Congreso bate frontalmente, daquela, co sentido do voto do PP no Parlamento. Durante o debate das iniciativas de Bloque e En Marea os grupos da oposición, aínda sen saber o que estaba a suceder en Madrid, avanzaron xa un panorama de "agravio comparativo" ante o que o PPdeG e o presidente da Xunta, di o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, deberían "defender a dignidade" do lexislativo galego fronte a un veto "mentireiro, prepotente e manipulador", toda vez que o informe de Fomento é "unha burda manipulación" de cifras e sobre o rescate. A lei galega, subliña, "non vai de rescate, vai fundamentalmente de traspaso de competencias", pero "agárranse a esta mentira" ante "o risco de que se aprobe" se chega ao pleno do Congreso.

Bará (BNG) ve no bloqueo "unha estafa a Galiza e ao Parlamento"

Nun sentido semellante o voceiro do Bloque, no debate, Luís Bará, lamenta o que considera "unha traizón", unha "tomadura de pelo" que amosa a "obediencia servil ante o que mandan en Madrid". "A estafa a Galiza e ao Parlamento", acrecenta o nacionalista, supón unha "aldraxe" maior porque se produce "ao mesmo tempo que se anuncia o rescate das autoestradas quebradas" en Madrid, Murcia e Alacant. Nesa liña, tamén o representante do PSdeG no debate, Raúl Fernández, censurou o que define como "atitude virachaquetas" do PP galego, toda vez que non existen razóns "legais, técnicas nin económicas" para o veto.

Ante o marasmo de acusacións o representante popular teimou, no entanto, en que o PP "aposta" pola transferencia e por iso votará favorablemente -en Galicia- ás propostas de BNG e En Marea coa única excepción do punto no que o Bloque menciona o rescate das radiais madrileñas, por non ser casos "comparables". Ao tempo, Fernández Prado insta a valorar a comisión para supervisar a autoestrada pactada por Feijóo e De la Serna, un "acordo histórico". "Non existe ningunha traizón, ningunha aldraxe, non se cambia de chaqueta", asegura o tamén edil coruñés.

A iniciativa de En Marea volverá votarse no Congreso

Pilar Cancela (PSdeG): "Amordazan no Congreso a voz unánime de Galicia co consentimento de Feijóo"

Mentres os anuncios de Fomento, por unha banda, e a votación no Congreso, por outra, permiten albiscar que as competencias sobre a AP-9 seguirán en Madrid, dende o propio Congreso advírtese que existirá, cando menos, unha nova votación ao respecto. Será a da iniciativa de En Marea sobre a transferencia que o PP rexeitou a finais de novembro e que non puido saír adiante por un empate na comisión de Fomento. A súa autora, Alexandra Fernández, avanza que a redacción do texto será a pactada daquela co PSOE, isto é, en termos idénticos aos aprobados por unanimidade en Galicia "en aras da nosa vontade de que saia adiante". No entanto, advirte, será tramitada mentres o PP "amplía a súa marxe de impunidade", agora esgrimindo para os seus bloqueos os orzamentos de 2017, que polo momento "só existen na cabeza do señor Rajoy".

Cando se produza esa votación a transferencia semella que volterá ter o apoio, cando menos, do Grupo Socialista. Non en van a súa deputada e presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, consideraba este martes que o mantemento do veto supón "amordazar no Congreso a voz unánime de Galicia" e facelo, ademais, co "consentimento" de Feijóo.

Feijóo, este martes no pleno do Parlamento © Xunta
Sánchez (En Marea) e Bará (BNG), durante o debate sobre a AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.