O PPdeG proclama o "caos" nas cidades que non goberna mentres Ourense volve prorrogar o orzamento de 2014

Feijóo, co alcalde de Ourense e con Baltar na campaña das municipais CC-BY-SA PPdeG

Só dúas das sete cidades galegas comezan 2017 cos seus novos orzamentos en marcha: Vigo e Pontevedra. O goberno vigués deu luz verde definitiva ás súas contas no pleno do pasado día 27 e Pontevedra desbloqueou a situación catro días antes aprobándoos inicialmente tras a inclusión no proxecto do goberno do BNG de seis emendas da Marea, que anteriormente modificara o proxecto co resto de grupos da oposición. Os restantes gobernos urbanos comezan o ano coa vista posta en tentar aprobar o orzamento de 2017 e tres deles traballan coas contas prorrogadas de 2016; outro, o de Ferrol, xestiona sobre o último orzamento aprobado, o de 2015, e Ourense vén de prorrogar un ano máis as contas de 2014. Neste contexto o PP proclama a existencia dunha situación de "caos" na Galicia urbana pero exclúe dela precisamente a Ourense, a única cidade na que goberna.

O argumentario despregado polos populares galegos durante as últimas semanas tanto dende o atril da Presidencia da Xunta como dende a sede do partido diríxese fundamentalmente ás tres cidades gobernadas polas mareas -A Coruña, Santiago e Ferrol-, pero esténdese en xeral a todas as cidades sen alcaldía do PP, nas que impera "o bloqueo e o caos", en verbas do secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado. Nun sentido semellante expresábase tamén nos últimos días o presidente da Xunta, quen asegura que "como presidente dos galegos" está "preocupado" pola "parálise orzamentaria e dende o punto de vista das ordenanzas e da ordenación das cidades. "Levamos un ano e medio coas cidades galegas paralizadas", mantén, e iso é "moi prexudicial".

Feijóo e o secretario xeral do PP censuran a "parálise orzamentaria" das cidades pero exclúen dela a Ourense, cuxo alcalde prefire "non dar unha data nin dicir con rotundidade" cando terá o proxecto 

O certo é o único concello urbano do país no que as decisións plenarias dependen unicamente do grupo que sustenta o goberno é Vigo por mor da maioría absoluta da que dispón Abel Caballero. No resto o ritmo de aprobación das primeiras contas do mandato foi dispar e en dúas, Ferrol e Ourense, os gobernos deron en renunciar a sacalas adiante mentres marcaban o obxectivo de tentar aprobar as de 2017. 

No caso ferrolán durante o ano que vén de rematar o gabinete que encabeza Jorge Suárez sumou ao goberno en minoría unha dificultade: a ruptura do acordo de coalición co PSdeG, e na actualidade coida que un achegamento ao BNG podería ser o primeiro chanzo para sacar adiante o seu primeiro orzamento. En Ourense o equipo do PP navegou durante 2016 entre modificacións de crédito e, mentres paira sobre el a posibilidade dunha moción de censura, o alcalde, Jesús Vázquez, prefire "non dar unha data nin dicir con rotundidade" cando podería presentar un proxecto orzamentario que, en calquera caso, precisaría do apoio dos socialistas ou de Democracia Ourensana. Polo momento, non haberá avance ningún ata finais deste mes, cando os técnicos municipais presenten o peche do pasado exercicio, di. Cumprirá tamén sacar adiante a relación de postos de traballo (RPT), cuxo freo por parte da intervención municipal foi tamén un dos lastres para aprobar as contas do pasado ano.

Vigo xa ten as contas de 2017 e Pontevedra aprobounas inicialmente; os gobernos da Coruña, Santiago e Lugo procuran pactos para aprobalas

Os pactos tamén son necesarios para sacar adiante os orzamentos da Coruña, que xa pasaron polo pleno municipal para a súa aprobación inicial e foron rexeitados polos votos de PP e PSOE, o que motivou que o alcalde, Xulio Ferreiro, abrise un novo período de negociacións cos socialistas, dunhas dúas semanas. Se o pacto non chega, advirte, activará o mecanismo da cuestión de confianza. O horizonte semella un chisco algo máis despexado en Santiago, onde o goberno de Compostela Aberta xa presentou un proxecto de contas. A aritmética actual do pleno, cun edil socialista menos, permitiría ao equipo de Martiño Noriega aprobar o proxecto orzamentario só co apoio do Bloque, se ben o rexedor asegurou que, na medida do posible, tentará que os socialistas faciliten a súa aprobación.

Os populares manteñen que na Galicia urbana hai "dous modelos", o "serio e responsable de Feijóo" ou "o dos apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo"

Mentres, en Lugo, o goberno do PSdeG deu sacado adiante as ordenanzas fiscais o pasado novembro e traballa xa nun proxecto orzamentario que o pasado ano foi aprobado na primavera. Así e todo, a alcaldesa, Lara Méndez, vén advertindo de que os prazos das contas estarán supeditados á nova RPT, cuxo proxecto foi entregado aos sindicatos e á oposición municipal na última semana do ano. No caso da capital lucense a procura de acordos comeza por Lugonovo, que en 2016 votou a prol das contas tras unha negociación que, no caso do BNG, ACE e Ciudadanos derivou na abstención.

Malia a este mosaico de contas por aprobar e aínda que as dificultades non son menores no único concello con goberno popular, para os conservadores na Galicia urbana só hai "dous modelos": o "serio e responsable de Feijóo" ou o dos "apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo", di Tellado. "Sen orzamentos, sen proxecto de cidade e sen perspectivas de mellora nos próximos meses, os membros dos seus gobernos son coma os músicos da orquestra do Titanic, que mentres os seus barcos se funden seguen tocando a súa melodía". Mentres, en Ourense, o alcalde mantén que o goberno do PP pode afirmar que deu lugar a un "exemplo de cidade fronte a outras, paralizadas".

Pleno da Coruña no que se abordou a aprobación inicial do orzamento © Concello da Coruña
Os edís do goberno de Vigo votan a prol dos orzamentos de 2017 © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.