Concellos e deputacións galegas perderon o dobre de persoal que a Xunta durante a crise

Policía Local supervisando un evento deportivo © Concello de Santiago

Unha das principais controversias do anterior mandato de concellos e deputacións veu dado dende o Goberno de España e as súas repercusións aínda pairan sobre as corporacións locais xurdidas das eleccións de 2015. A reforma local impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy dentro do seu paquete de recortes para cumprir coas esixencias da UE atopouse con fortes resistencias de todas as cores políticas, tamén no PP, e moi especialmente nos pequenos concellos. As consecuencias daquela medida -levemente suavizada despois e declarada parcialmente inconstitucional- foron diversas e, combinadas coas restricións orzamentarias, impactaron directamente nos cadros de persoal da Administración local, que no caso galego perdeu nos últimos anos en torno ao dobre de persoal que a propia Xunta.

Segundo o último boletín de persoal editado pola Secretaría de Estado de Administracións Públicas, publicado recentemente, no inicio do segundo semestre de 2016 prestaban os seus servizos en Galicia para algunha das Administracións un total de 147.288 persoas, unhas 3.000 menos que medio ano antes. O groso desta redución vén das Administracións locais, que nos últimos anos, coas leves melloras da economía, veñen atopándose nunha paradoxal situación: coas contas razoablemente saneadas dispoñen de fondos para incorporar persoal, pero restricións gobernamentais como a imposibilidade de substituír todo o persoal que se xubila impídenllelo.

A reforma local do Goberno central limitou a capacidade dos concellos para incorporar e repoñer persoal

Foi así como das arredor de 32.000 persoas que traballaban para concellos e deputacións na contorna de 2009 e 2010 -anos nos que, alén de non teren os límites da reforma, os concellos recibiron inxeccións como os fondos do Plan E do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero- caeron ata preto das 25.200 en 2014 e, despois das alzas rexistradas en 2015, volveron descender ata chegar, no último dato dispoñible, a 25.256 traballadores e traballadoras. A caída foi, daquela, duns 6.000 efectivos.

Nos anos da crise o cadro de persoal da Xunta perdeu uns 3.000 empregos

Durante estes anos as restricións do Goberno central á substitución do persoal xubilado -as taxas de reposición- e tamén os recortes orzamentarios impactaron tamén de xeito moi relevante na Administración autonómica que, como informou este diario, perdeu durante a crise unhas 3.000 persoas empregadas, redución que tivo especial incidencia nos principais servizos públicos: sanidade e educación. No segundo semestre de 2016 o plantel da Xunta estaba conformado por 86.818 persoas, 319 máis que no inicio do mesmo ano.

Neses seis meses as consellerías e os seus organismos autónomos pasaron de 15.944 a 16.025 empregos, a educación non universitaria de 33.963 a 34.037 e o Sergas, de 34.057 a 34.200 efectivos. Mentres, os efectivos da Administración de Xustiza dependentes da Xunta son agora 2.556, 21 máis que seis meses antes. Estes leves incrementos deixan o cadro de persoal da Administración autonómica, non obstante, lonxe dos niveis previos á crise.

Persoal do corpo de bombeiros de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.