Inmediatamente despois das eleccións galegas do pasado setembro o PPdeG puxo en marcha a súa maquinaria cara aos comicios municipais de 2019, tanto dende a Xunta como no aparello do propio partido. Os conservadores presentan as cidades galegas como "vítimas" dos seus gobernos, un "caos" de "apóstolos do sectarismo" entre o que distinguen unha "honrosa excepción", Ourense, a única cidade con goberno do PP, un "exemplo" no que o "bloqueo" non é atribuíble ao goberno, sustentado por 10 dos 27 edís da corporación, senón a unha "oposición irresponsable". Neste argumentario afondou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que comezou unha rolda de recepcións a alcaldes urbanos precisamente polo ourensán, Jesús Vázquez, a quen presentou dende San Caetano como paradigma de "estabilidade" malia encabezar a única cidade na que permanecen prorrogados os orzamentos dende 2014, xa aprobados en precario daquela polo goberno socialista.
Feijóo defende que o de Ourense é un goberno estable porque o dirixe "os que gañaron as eleccións"
Como xa fixera no pasado mandato municipal tras designar o tamén ex-conselleiro Agustín Hernández como alcalde de Santiago, Feijóo anuncia dende a Presidencia da Xunta investimentos en Ourense por parte dun amplo número de departamentos autonómicos entre eloxios á figura do alcalde e o seu goberno. Así, malia á ausencia de orzamentos e mentres paira sobre o consistorio a sombra da moción de censura o xefe do Goberno galego insta a centrarse "no importante". E "o importante" é "que goberne o que gañe as eleccións", di, en referencia á forza máis votada. "E en Ourense o PP gañou as eleccións" e por iso o seu goberno é estable. "Noutras cidades están gobernando os que perderon as eleccións", reflexiona o presidente. "E os que perden as eleccións é moi difícil que dean estabilidade", conclúe, sen estenderse na cuestión por non ter a "honra de ser o alcalde de Ourense".
Jesús Vázquez asegura que a "estabilidade" vai "máis alá do xogo político", porque é unha "sensación" que en Ourense está "máis que confirmada"
Tamén o propio alcalde considera que a "estabilidade" do seu goberno está "máis que confirmada", porque este é un factor que vai "máis alá do xogo político". "A estabilidade a dá o cidadán", sinala o antigo titular de educación, e "probablemente, en calquera rúa de calquera dos barrios da cidade" existe esa "sensación" fóra "dos grandes titulares ou dos grandes circos". "A cidade neste momento ten normalidade, ten proxecto" e practica "o diálogo e a cercanía, é algo que estamos cumprindo". Neste escenario, mantén, "podemos dicir" que Ourense "respira futuro, iso o decide o cidadán, e o cidadán o volverá decidir nas urnas en dous anos e medio".
Sen prazo para os orzamentos
Alén das sensacións o alcalde de Ourense evita, como xa fixera en decembro, fixar un prazo concreto para tentar sacar adiante os orzamentos de 2017. Tras prorrogar os de 2014 o rexedor ourensán admite que "evidentemente" lle "encantaría resolver canto antes" tanto o proxecto orzamentario como o Plan Xeral de Ordenación Municipal -a xustiza anulou o PXOM de 2003, aprobado con Feijóo como conselleiro de Política Territorial, e o pasado ano tombou tamén as normas provisionais de 2011-. Pero, advirte, cumpriría ter en conta "que a situación" do seu Concello é "moi distinta" da de "Santiago, A Coruña ou Ferrol".
O alcalde ourensán insta a non avaliar a súa ausencia de orzamentos como en "Santiago, A Coruña ou Ferrol" porque a situación é "moi distinta"
"Non esquezamos de onde vimos, cal era o punto de partida", indica Vázquez, que lembra que as finanzas locais están condicionadas por un plan económico-financeiro derivado do incumprimento do teito de gasto por parte do anterior goberno -esta circunstancia tamén se dera no Concello compostelán-. "Estamos dispostos a negocialos e queremos negocialos, non habería maior agrado para unha persoa que ten a responsabilidade de gobernar que obter o apoio para sacalos adiante", asegura. En calquera caso, asegura, se chega a aprobalos serán "uns orzamentos sociais".
Promesas da Xunta
Feijóo promete un centro de persoas con discapacidade que siga os criterios das familias en vésperas da manifestación que o reclamará
Alén de instar a avaliar a xestión municipal ourensá dun xeito "distinto" ao das urbes gobernadas pola esquerda o encontro entre Feijóo e Vázquez serviu para que o presidente debullase todo un catálogo de promesas para lograr "un Ourense máis competitivo e con novas oportunidades". Así, por exemplo, Feijóo garante o remate da primeira fase da ampliación do hospital da cidade para "este cuadrimestre" e, en vésperas dunha manifestación das familias afectadas apoiada por toda a oposición local, asegura ter tomado a "decisión de facer un novo proxecto para un centro de atención ás persoas con discapacidade, baseado no plantexamento solicitado polas familias". "Temos o compromiso de seguir fielmente as demandas dos pais para executar o centro", asegura, esgrimindo como compromiso os Orzamentos da Xunta de 2017 que, segundo reiterou a oposición parlamentaria este mesmo venres, non garanten esa construción.
Un "plan integral para modernizar as infraestruturas" do parque empresarial do Vinteún, un albergue de peregrinos ou rehabilitacións no centro histórico foron outras das promesas dunha xuntanza na que Feijóo asegurou que priorizará as demandas do goberno de Ourense na súa vindeira xuntanza co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Neste sentido, mantén, defenderá como un "compromiso inaprazable" a variante do AVE, que o propio ministro desdeñou considerando que "non paga a pena" para, horas despois, recuar na súa afirmación.