Eran outros tempos e, sobre todo, a correlación de forzas políticas era ben diferente á actual. Na primavera de 2011 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero afrontaba os que serían derradeiros meses do seu mandato lastrado pola repercusión da primeira vaga de recortes e convivía coa certeza de que as inminentes eleccións municipais e autonómicas en varias comunidades, en maio dese ano, suporían un duro pau electoral para o PSOE. Foi naquel clima no que o PP galego deu en dinamitar as pontes que dende dous anos antes unían o presidente da Xunta co daquela ministro de Fomento socialista, José Blanco, en torno á promesa de finalización do AVE entre Galicia e Madrid para o ano 2015. Os conservadores iniciaron unha férrea marcaxe dos prazos con marxes de apenas dez días que contrastan notablemente co "deslizamento da finalización" ata, na práctica, o ano 2020, que o propio Alberto Núñez Feijóo vén de avalar xunto ao actual ministro.
Tras cargar con dureza contra os socialistas no período de oposición ao bipartito en Galicia -Feijóo cualificaba os prazos ofrecidos por Fomento como "contos da leiteira" e Ana Pastor chegara a "denunciar" que "o PSOE gasta máis no despacho e no coche de Touriño que no AVE"-, o 21 de marzo dese ano o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzou unha advertencia na súa calidade de secretario xeral do PPdeG. "A José Blanco quédanlle dez días para incluír a partida do AVE a Galicia no Boletín Oficial do Estado", retou, lembrando que no coñecido como Pacto do Obradoiro o limiar para as licitacións pendentes, que ascendían a uns 6.000 millóns de euros, era o remate dese mesmo mes. Se os traballos se retomaban fóra desa marxe, advertía, o Goberno de España regresaría á senda do "maltrato ao que o Goberno socialista veu sometendo a Galicia".
Rueda, a Blanco en 2011: "Quédanlle dez días para incluír a partida do AVE a Galicia no BOE"
As advertencias de Rueda foran retrucadas por Blanco horas despois admitindo que, efectivamente, o seu departamento manexaba unha demora "duns días" nos trámites, se ben "non pasa nada" se "en lugar de contratar o 31 de marzo, se contrata o 15 de abril". Finalmente en abril dese ano o Consello de Ministros deu luz verde ás contratacións, nas que se introducían fórmulas público-privadas por mor das restricións orzamentarias que xa impuña o Ministerio de Facenda por orde da Comisión Europea. Blanco, concluía o PP, xa só podía elixir entre dúas opcións: "Cumprir ou dimitir".
En vésperas das municipais de 2011 a Xunta rompeu co ministro do PSOE baseándose en que era "incumprible" rematar a tempo treitos como o de Taboadela, aínda sen prazo en 2017
Pero a marcaxe continuou. Mentres, por boca do seu voceiro de infraestruturas no Parlamento galego, Alejandro Gómez, os conservadores chegaban a denunciar demoras dunha semana nos trámites pendentes, o daquela conselleiro desta área, Agustín Hernández, escenificaba a ruptura total da Xunta con Blanco. A data de 2015 era, sinxelamente, imposible, concluíu o Goberno galego amparándose nun informe divulgado á prensa. Fomento, denunciaba o conselleiro, "mudara o esquema" comprometido. "Todo apunta a que asistimos, por desgraza, a unha repetición da famosa data do 2012 que repetiron ata a saciedade, cando eles mesmos sabían que esa data era incumprible", sinalaba. O AVE non ía estar, concluía, ata 2018.
Un elemento central daqueles informes, que Blanco retrucara nunha ampla comparecencia ante a prensa en Santiago, era a imposibilidade de concluír os treitos pendentes na provincia de Ourense, incluíndo neles a variante de Taboadela. Esta variante é a mesma á que o actual ministro, Íñigo de la Serna, restou importancia o pasado decembro e que nin el nin o propio Feijóo computan para ofrecer o novo prazo, o que resulta do "deslizamento". A "conclusión" das obras avalada agora polo presidente implica unha solución provisional na capital ourensá, sen a variante á que o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, asegura "non renunciar" malia non existir prazo ningún ao respecto.
A culpa, de Pedro Sánchez
Mencións ao AVE nos programas electorais do PPdeG
Unha vez confirmada a demora e oficializado o que xa é o sexto prazo do AVE galego chegaron as súas lecturas políticas. Pola banda do PP o argumento é, esencialmente, un: "Hai que agradecer ao Ministerio que a demora non vaia máis alá dun ano que xa no se pode recuperar", di o vicepresidente Alfonso Rueda, que como xa avanzara o propio Feijóo atribúe o novo atraso ao "ano de bloqueo político" en España, isto é, ao período no que o gabinete de Mariano Rajoy permaneceu en funcións. A culpa, vénse dicir na contorna dos conservadores, é en última instancia do socialista Pedro Sánchez.
A Xunta atribúe a nova demora a que o Goberno de España estivo un ano en funcións, pero o PPdeG incluíu o prazo de 2018 no programa do 25S
"É coñecido" que ese ano "incidiu en moitas cousas importantes", afirma, "entre elas na execución do AVE e nos prazos de licitación que quedaban pendentes". Así e todo, este razoamento non se corresponde coas promesas plasmadas no programa electoral co que os populares concorreron ás eleccións galegas do pasado setembro. Daquela, cando o Executivo central levaba xa 9 meses coas competencias limitadas, o PPdeG teimou na promesa da "irrenunciable" data de 2018, malia ser xa imposible.
A interpretación do PP non é compartida pola oposición, que ve a Feijóo "cómplice" dun anuncio que non se vai cumprir. Esta é a "crónica dunha rendición anunciada", afirma dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares, xa que "non é verdade que o AVE vaia chegar a Galicia en 2019". De la Serna e Feijóo executan "unha manobra cosmética" para "deixar o treito de Taboadela ata 2022", unha "verdadeira chambonada" que impide aplicar "as mesmas condicións de seguridade" en toda a liña. "Sabemos que as solucións transitorias e parciais poden dar lugar a situacións de absoluta desconfianza a respecto do trazado, non son aceptables nin os prazos nin as condicións", conclúe.
En Marea, PSdeG e BNG ven a Feijóo "cómplice" do novo atraso e auguran que a liña non estará finalizada ata 2022
A 2022 apunta tamén, "como mínimo", o PSdeG como ano final dos traballos apelando igualmente á variatne de Taboadela. Para a vicevoceira socialista no Parlamento, Patricia Vilán, supón "un escándalo" que Feijóo "asuma" e "cale" ante unha demora que amosa, ao seu xuízo, que Feijóo non goza de especial "peso político" ante o PP estatal. Pola banda do BNG a súa voceira, Ana Pontón, coida que a reacción do presidente non debera ser de celebración, senón de "perdón" polas "súas mentiras ao longo dos últimos anos, incluídas as promesas electorais nas que aseguraba que se ganaba o PP, teríamos AVE en 2016, o que quedou reducido a unha gran mentira". "É lamentable -conclúe a nacionalista- que o papel da Xunta e do presidente sexa aplaudir os incumprimentos".
O que está construído e o que falta
Daquela que está e que falta no AVE galego? Se por algo se caracteriza a lenta evolución da conexión por alta velocidade ferroviaria de Galicia coa Meseta é pola súa construción e remate por anacos con tempos e características moi diferentes entre si. Así, por exemplo, a conexión de Madrid a Olmedo (Valladolid) está plenamente operativa con todas as características de alta velocidade dende o ano 2007. A liña chegou a Zamora en decembro de 2015, nun treito inaugurado, como avanzou Praza.gal, a escasos días das eleccións xerais.
É a partir de Zamora onde se sitúan as incógnitas. O treito ata Pedralba, preto de Sanabria, ía estar rematado a comezos de 2018 pero agora, segundo o ministro, non o estará ata finais dese ano. De aí cara a adiante os factores en xogo son máis: dende a adaptación do vello túnel do Padornelo ata o desbloqueo das obras no treito Portocamba-Cerdedelo por parte da construtora de Florentino Pérez. E tendo en conta, adicionalmente, os xa célebres 17 quilómetros de Taboadela a Ourense, aínda en fase de redacción e sen prazo coñecido de remate. Así está a liña sobre o mapa: