0 Gardados para despois

"É indignante, volvemos estar sen luz; é como cando os nosos pais eran pequenos"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Unión Fenosa Distribución agradece a sus clientes su comprensión ante la complicada situación tras el paso de temporales en Galicia". Con esta mensaxe en Twitter na mañá deste martes, a compañía daba por superada a crise que nos últimos cinco días, e desde que comezara o temporal, deixou uns 200.000 clientes sen servizo eléctrico no país nalgún momento. Na noite anterior, dicía ter recuperado o servizo de todos os clientes galegos. Pero non. María Jesús ergueuse hoxe sen luz outra vez en Trazo. E son varios os concellos que denuncian a existencia de núcleos sen subministro aínda desde que o xoves comezaran as inclemencias. 

Fenosa dá por superada a crise pero en varios concellos hai núcleos sen subministro, algúns deles desde a mañá deste martes

"Volvemos estar sen luz; chamei a avarías e volven dicir que non teñen previsión de cando poderán recuperala e que xa teñen xente traballando", di esta veciña de Viaño Pequeno, en Trazo. Na madrugada do xoves ao venres a casa quedou sen subministro e así estivo ata o sábado á noite. Máis de 42 horas que deron unha tregua o domingo e o luns. Ata este martes. A poucos quilómetros, un encoro, e ao lonxe, na mesma comarca, a central térmica de Meirama. E nunha pequena estrada que vai cara a Santiago, postes de subministro tirados na cuneta aínda a esta altura. 

"Sentes indignación; volvemos estar como cando meus pais eran pequenos, cando non se tiña nada", explica María Jesús, que conta como a familia tivo que mercar un xerador para salvar a comida almacenada en varios conxeladores. "Salvámola pero traballo nos custou", explica. En Ordes, no concello limítrofe, xa non quedaban aparellos cando o foron comprar. Conseguírono en Sigüeiro logo de esperar en ringleiras xunto a varios veciños máis da zona afectados. "Nas tendas contaban a xente para saber se tiñan exemplares para todos", di.

"Sentes indignación; estamos como cando meus pais eran pequenos", di unha veciña de Trazo, que quedou sen luz este martes tras 42 horas sen ela a fin de semana

Pagaron 600 euros por un dos modelos máis limitados -"non son nada baratos"- e aínda lles queda facer conta da gasolina gastada. Entre os veciños, varios deles con importantes explotacións de vacas, moitos tiraron de xeradores alquilados ou comprados dos que xa dispoñían en previsión. Porque neste concello non é estraño quedar sen subministro eléctrico. "Pasa mesmo cando non hai temporal, hai días de sol nos que a luz marcha sen sabermos por que; abonda con que lle sople algo á liña", di esta veciña, que ri cando se lle pregunta que mantemento se fai das instalacións na zona ou se operarios de Gas Natural Fenosa se interesaron pola situación. "Aquí, cero... Pero se levamos tempo agardando para que nos veñan cambiar o contador!". 

O temporal e os cortes de luz afectaron boa parte do territorio galego e as consecuencias fanse peores nos zonas rurais e máis afastadas. Mentres o foco mediático recaía nos partidos de fútbol suspendidos do Deportivo e, sobre todo, do Celta, unha muller xa falecera ao caer polas escaleiras e levar dous días sen luz. E outro home ao golpearlle unha árbore. 

O costume afai a todo, mesmo a considerar un privilexio que os danos non fosen os doutras veces. En Labrada, no concello de Abadín, o subministro eléctrico fallou na casa de Daniel desde as dez da noite do venres até o sábado á mañá. El, con máis de 90 anos, resígnase. "Aquí non foi moita cousa; o vento levantou unha uralita da cabana e a luz marchou unha noite e volveu ao día seguinte; salvamos a comida dos conxeladores", conta, tras advertir que o seu contrato eléctrico -como moitos naquela zona- non é con Fenosa. "Afectou máis aos desa compañía, pero aquí as instalacións están ben arreadas", aclara. 

"Aínda temos que escoitar que as empresas incrementan os prezos por falta de auga e vento", di María Jesús

En Trazo, mentres, María Jesús e a súa familia continúan sen electricidade. "E ao final, dependemos dela para todo; temos cociña de leña e está conectada á calefacción, pero se o pequeno motor instalado non funciona, non serve de nada", explica quen repara no paradoxo de que o prezo da luz se incremente pola falta de chuvias pero o subministro caia cando chove a cachón. Xa ten pensado presentar reclamación e espera que na vindeira factura se noten os descontos polos prexuízos sufridos. "E aínda hai que escoitar que as empreas incrementan os prezos por falta de auga e vento", engade entre unha risa irónica. "É mellor tomalo así, a cachondeo". 

 

"Abren expediente para calmar os ánimos"

Mentres, a Xunta abríalle expediente informativo a Fenosa, un "procedemento habitual" para avaliar se as compañías responden axeitadamente ás interrupcións do subministro. Desde a oposición reclamáronse "sancións" polos cortes de luz e que o Goberno actuase tal e "como lle esixía" o PP ao bipartito. Pero este martes, o Parlamento galego rexeitou cos votos do PP unha petición dos tres grupos de esquerda –En Marea, PSdeG e BNG– para modificar a orde do día e que comparecese no pleno da Cámara o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que a fin de semana, en pleno temporal, acudiu a actos do PP en Andalucía. 

O BNG advírtelle a Feijóo que aínda hai varios núcleos en Galicia sen subministro eléctrico

Antón Sánchez, deputado de En Marea, lembrou as acusacións de "incapaz e pasivo" que o PP lle dedicou ao goberno bipartito logo de cortes de subministro e tras pedir a comparecencia do daquela presidente Touriño. "Hoxe amosa a súa verdadeira cara", di o parlamentario, que acusou o Goberno de anunciar un expediente "para calmar os ánimos da xente que tivo que buscar a vida". "E quen lle abre expediente á Xunta se o que se descbre non é cuestión de catro días, senón que a Xunta non cumpriu coa súa obriga de vixiar que Fenosa mantiña as liñas e utilizaba os plans de investimento para facer un correcto mantemento?", preguntouse. 

O BNG, pola súa banda, lamentou que o PP "impida que o Goberno compareza no Parlamento". A parlamentaria Olalla Rodil advertiu que, logo de cinco días, "aínda hai cinco casas en Guntín sen luz, unha ducia en Navia de Suarna e cortes de electricidade en vivendas de Lugo e a  Estrada". Tamén, polo menos algunhas casas, en Trazo. "É tanta a indignación... Direilles aos señores de Fenosa se me deixan ir á súa casa, estou seguro de que alí si que teñen subministro", remata María Jesús. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.