O Eixo Atlántico celebra os seus 25 anos cunha aposta por vertebrar Galicia co tren

Vista xeral da asemblea, celebrada no Museo Interactivo da Historia de Lugo © Eixo Atlántico

O vindeiro 1 de abril faranse vinte e cinco anos da sinatura da Declaración do Porto, xermolo do Eixo Atlántico, a rede de municipios de Galicia e do norte de Portugal que botaría a andar formalmente pouco despois, na asemblea fundacional de Viana do Castelo. Un cuarto de século despois esta organización local galego-portuguesa medrou en membros e adaptou a súa axenda de propostas e reivindicacións. A asemblea xeral anual celebrada este mércores en Lugo supuxo o punto de inicio da celebración dun aniversario no que o simbólico fica en segundo plano, por tras das reclamacións prácticas, a comezar pola aposta de vertebrar Galicia e o norte portugués a través do tren.

Na liña do manifestado nos últimos meses e anos, nos que o Eixo chamou a atención das institucións implicadas no adiado AVE á Meseta para repararen na necesidade de conexións máis inmediatas e baratas, a institución aproveitou a presenza no acto do secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar, para subliñar as que, ao seu xuízo, deben ser as prioidades. Así, o Eixo avanza que entre as súas principais "liñas de actuación" para 2017 figura a "necesidade" de rematar o treito que lle corresponde ao Adif da saída sur de Vigo, isto é, da liña que confluirá co treito Porto-Valença, xa en obras de modernización e electrificación, porque isto será sinónimo de "posibilitar a conexión directa entre A Coruña e Lisboa".

Dende o punto de vista do Eixo, que agrupa 38 municipios e entidades locais, mentres Fomento ofrece novos prazos para a prometidísima conexión con Madrid existe outra máis urxente: a unión entre Lugo e Ourense. Neste sentido manifestouse tamén a alcaldesa lucense, Lara Méndez, que nesta ocasión actuaba ademais como anfitrioa da asemblea. Esta ligazón, explica, é parte da reivindicación dun "eixo interior entre Lugo e Tras-os-Montes". "Buscamos que sexa similar ao atlántico, para que sexa unha eurorrexión dunha soa velocidade" e o interior galego non fique "illado" no caso de que se cumpra o novo prazo da alta velocidade, o de 2020.

O Eixo fixa como prioridades a conexión ferroviaria Lugo-Ourense e a saída sur de Vigo, que fará posible "a conexión directa entre A Coruña e Lisboa"

O "impulso definitivo" ao porto seco de Monforte para conectalo coa rede transeuropea de transportes ou "a mellora do trazado da estrada Bragança-Puebla de Sanabria" son para o Eixo outras das prioridades nun aniversario no que sinala outros dous fitos. O primeiro será a feira turística Expocidades, prevista para o mes de xulo en Vila Real. E o segundo, a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que terán como sedes Lugo, Sarria e Monforte no mes de xullo.

"Problemas técnicos" do AVE a Madrid

As reivindicacións do Eixo Atlántico foron retrucadas polo secretario de Estado cun relatorio de investimentos entre os que Gómez Pomar destaca o AVE a Madrid, cuxo atraso e parálise nalgúns treitos atribuíu, ao contrario do que vén facendo a Xunta, non a cuestións políticas, senón a "problemas técnicos" que están a ser "desbloqueados". Neste contexto o alto cargo do Goberno de España evita asumir compromisos concretos alén de subliñar o avanzado dos traballos na variante da Pobra de San Xiao, cuxa culminación vén adiando o propio Ministerio sen ofrecer motivos concretos.

Fomento desbota a efectos prácticos a variante do AVE por Cerdedo

Na súa intervención o responsable de Fomento ratificou tamén que nos plans do seu departamento non figura a conexión directa de Vigo coa rede de alta velocidade a través da paralizada variante de Cerdedo, un proxecto cuxo custo superaba os 2.000 millóns de euros e que leva en fase de estudo dende hai máis de media década. Fíxoo sen mencionala abertamete, pero indicando que prevé conexións da Coruña e de Vigo, por outra, coa cidade de Madrid a través do AVE "en algo máis de tres horas".

Dirixentes locais participantes na Asemblea do Eixo Atlántico © Concello de Lugo
Intervención de Mário Soares na asemblea fundacional do Eixo, en Viana do Castelo en 1992 © Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.