A finais de xaneiro a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia apercibiu a Adif por asegurar na súa Declaración sobre a Rede de 2016, o documento no que anualmente detallas as características das liñas ferroviarias existentes e as próximas aperturas, que ese ano entraría en servizo o treito do AVE galego entre Zamora, a onde xa chega hoxe, e Pedralba de la Pradería, xunto a Puebla de Sanabria. Non foi así, ata o punto de que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, vén de adiar a apertura dese novo treito, duns 110 quilómetros, a finais de 2018. Agora, Adif, na súa Declaración sobre a Rede de 2017, insiste en situar o treito Zamora-Pedralba entre as actuacións previstas para este mesmo ano.
A empresa pública adianta os prazos no informe co que vén de comunicar as súas previsións de cada ano, documento que en 2016 incumpriu, o que lle valeu un apercibimento por parte da Comisión de Competencia
No seu apercibimento sobre o incumprimento de Adif da súa Declaración sobre a Rede de 2016, Competencia di que “a información que se proporcione en relación coas próximas modificacións que poida ter a rede debe ser fiable, coa fin de evitar incertezas no proceso de solicitude de capacidade da infraestrutura”. Así llo transmitiu a finais de xaneiro. Poucos días despois, o ministro de Fomento reuniuse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e comunicoulle os novos prazos do AVE a Galicia, nos que adiou a entrada en servizo de toda a liña ata a próxima década e nos que a apertura do treito Zamora-Pedralba situouse a finais de 2018. Foi logo deses dous momentos cando Adif publicou a súa Declaración sobre a Rede de 2017 na que sitúa neste mesmo ano a apertura.
Técnicos consultados coinciden en estimar que o treito Zamora-Pedralba podería estar en servizo a comezos de 2018: nin este ano como di agora Adif nin a finais do próximo como prevé o ministro
Ante esta situación, ou Adif está rectificando aos poucos días as previsións que o ministro lle deu a Feijóo, ou Adif vai incumprir novamente este ano a súa Declaración sobre a Rede e recibirá un novo apercibimento de Competencia. Á espera de como evolucionen as obras, técnicos consultados coinciden en estimar que o treito Zamora-Pedralba podería estar en servizo a comezos de 2018, máis tarde do que di agora Adif na súa Declaración sobre a Rede pero antes da previsión que o ministro lle deu a Feijóo.