A oposición de Cabanas denuncia dietas como as que a Xustiza investiga en Valga

Cabanas, ao fondo, tras a ponte CC-BY-SA Lmbuga

A polémica polas presuntas dietas irregulares do goberno local que a Xustiza investiga en Valga -e que foron advertidas pola oposición noutros concellos como Outes, Noia ou Curtis- esténdese agora a outros municipios. As controvertidas comisións de coordinación polas que é investigado o executivo da localidade pontevedresa teñen en Cabanas unha figura homóloga que vén de ser denunciada na localidade do Eume. 

O pasado mes de xaneiro, o xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citou a declarar como investigados sete dos nove edís do PP en Valga, entre eles o seu alcalde. A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro por parte dos edís de dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura allea aos órganos colexiados habituais, instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992.

O Concello de Cabanas mantén unha xunta de delegados, limitada a membros do goberno que cobran 150 euros por asistencia

En Cabanas, estas xuntanzas alleas ás establecidas por lei denomínanse xuntas de delegados e a formación Somos Cabanas vén de denunciar que "están nunha situación similar ás comisións de coordinación que se investigan en Valga" e ameaza con acudir á Fiscalía se o Concello non regula un órgano que, como no caso do resto de concellos nos que saltou a polémica, caracterízase pola súa escasa transparencia, o nulo control e o elevado custo. 

Como no resto de casos, a estas xuntas de delegados tan só teñen dereito a acudir membros do goberno municipal -neste caso o alcalde, os outros catro edís do PP e a concelleira independente que apoia e forma parte do executivo local- que se reúnen para tratar, habitualmente, temas que logo serán abordados no pleno ou nas diferentes comisións debidamente reguladas. Cada un deles recibe 150 euros como dieta por asistencia a unhas xuntanzas que se celebran cada luns e á que, segundo denuncia Xosé Manuel Pérez Sardiña, voceiro da marea local, "non asiste ningún funcionario público que certifique a súa realización". "Son os propios concelleiros que asisten ás comisións os que asinan un formulario tipo, como pode ser unha inscrición nun rally”, asegura o edil, que di ter analizado e investigado durante días a documentación. 

Ás xuntanzas non asiste funcionario público ningún: "Non hai quen certifique a súa realización", di Somos Cabanas

Segundo os cálculos realizados, o gasto nestas xuntas de delegados teríanlle custado ao erario público en Cabanas arredor de 30.000 euros durante 2016, unha cifra que se incrementará a case 40.000 durante este ano de continuar levándose a cabo. "Estes cartos non cotizan á Seguridade Social, xa que só se grava o IRPF", lembra Pérez Sardiña, que advirte que “estas comisións non teñen funcións ningunhas, só serven para que o goberno do PP cobre sen declarar que ten salario”. Coincide, así, coas críticas que desde a oposición de Valga, Outes, Noia ou Curtis fixeron das comisións de coordinación nas súas localidades, que consideran "sobresoldos" para o executivo local do PP disfrazados de dietas.

O gasto nestas xuntas de delegados ascende a uns 30.000 euros ao ano nun Concello de pouco máis de 3.000 habitantes

"Cabanas é un concello de arredor de 3.300 habitantes e once concelleiros e o gasto en comisións deste tipo é o mesmo que en Noia, que ten cinco veces a poboación de Cabanas", insiste Pérez Sardiña. En total, cada concelleiro de goberno percibe mensualmente 600 euros só neste concepto, ao que hai que sumar, a asignación a plenos, órganos externos, outras comisións e xuntas de voceiros. O alcalde, por ter unha dedicación parcial, non é remunerado pola asistencia a estas xuntas agora postas en cuestión. 

"É unha chafullada", engade o edil de Somos Cabanas, que asegura que os edís de goberno "repártanse unha boa parte do orzamento municipal para órganos de goberno sen unha certificación de que se realizan as xuntas de delegados". "É gravísimo; se non hai quen certifique, poderían non ter nin sequera realizado esa xunta e asinar só o formulario", denuncia nunha crítica sobre a opacidade das xuntanzas que é común no resto de concellos onde se teñen criticado publicamente. 

O BNG xa preguntara ao alcalde, sen obter resposta, sobre a posible irregularidade dos cobros

Xa no pleno do pasado mes de xaneiro, o BNG de Cabanas advertiu da existencia desta xunta de delegados como "figura semellante" á comisión de coordinación que se investiga en Valga e preguntou ao alcalde se podía asegurar que eses cobros "eran plenamente legais" e se existía "garantía xurídica" de que o goberno municipal de Cabanas non se ía ver envolto nunha situación semellante á de Valga. Daquela, o rexedor Germán Castrillón non respondeu á pregunta. 

Somos Cabanas rexistrou xa a solicitude dunha moción no vindeiro pleno para que se reintegren estas contías percibidas indebidamente e se regularice a situación de acordo coa lei. Sardiña cre que “este erro pódese solucionar devolvendo o diñeiro percibido dun xeito irregular ás arcas municipais e regulando correctamente estas xuntas". Ademais, pediu que, de ser regulada e amparada pola lei, o pago por asistir a elas debería ser de 100 euros, como o resto de comisións, e non de 150. Neste caso tamén, e como no resto de concellos denunciados, as dietas por acudir ás xuntanzas exclusivas do grupo de goberno son superiores ás dos órganos regulados por lei. 

Somos Cabanas levará o asunto á Fiscalía de non regularse as xuntanzas ou reintegrarse os cartos cobrados polos edís

Somos Cabanas solicitará ao secretario un informe sobre a legalidade do procedemento que segue o Concello, "para que se certifiquen estas irregularidades e o goberno de Germán Castrillón recúe". “Aínda estamos a tempo de resolvelo pola vía política sen necesidade de que medie a Fiscalía", insiste Sardiña, que pedirá que os concelleiros "reintegren a parte cobrada por este concepto nos últimos anos". De non regularse, acudirá ao Ministerio Fiscal. 

 

Polémica en varios concellos

Desde que se fixera pública a investigación xudicial en Valga, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. A xuíza que leva o caso investiga a súa legalidade, dado que non inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, como si se esixe no resto de reunións establecidas legalmente.

Desde a localidade pontevedresa, pero tamén desde outras, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

A oposición de Noia, Curtis, Outes e Valga denunciaron a irregularidade das comisións de coordinación instauradas nos seus Concellos

Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Outes, Curtis ou Noia, onde o goberno do PP subiu un 150% o importe destas dietas tras acceder ao goberno logo dunha moción de censura. E non son os únicos: noutros municipios grupos municipais están a investigar tamén a posible existencia de comisións de coordinación nada transparentes. Expertos consultados por Praza Pública dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Germán Castrillón, alcalde de Cabanas © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.