A controvertida lei educativa do Goberno de Mariano Rajoy, a LOMCE alcumada como 'Lei Wert' por mor do ministro que a impulsou, disque está en proceso de desmontaxe. A oposición presentou no Congreso iniciativas para derrogala e o Executivo tenta frealas a través dos seus polémicos vetos mentres dá en suavizar algúns dos elementos máis rexeitados da norma, como as reválidas. Así e todo, o groso da LOMCE segue vixente e o sistema educativo galego está a piques de comprobar outro dos seus efectos na nova orde de concertos educativos, coa que os colexios privados poderán acceder ao financiamento público por un período máis prolongado e sen que a educación en igualdade de nenas e nenos sexa un criterio prioritario, ao contrario do que viña sucedendo ata agora.
A Consellería de Educación vén de publicar a norma que rexerá o financiamento dos colexios privados concertados dende o vindeiro curso, toda vez que o período de aplicación da anterior, ditada en 2013, remata no presente período académico 2016-2017. Alén de cuestións de procedemento, motivadas fundamentalmente pola incorporación definitiva da administración electrónica, as principais diferenzas a respecto da anterior orde están en tres puntos: a duración, o papel da igualdade de xénero e o custo para as arcas públicas.
A Consellería apóiase na LOMCE para ampliar a duración de todos os concertos de 4 a 6 anos
No relativo á duración a Xunta apóiase na Lei Wert, que ampliou a vixencia "mínima" dos concertos en Primaria de catro a seis anos, para estender esta prolongación a todos os niveis do ensino concertado, isto é, tamén a infantil, ESO, Educación Especial e Formación Profesional. Por este motivo, os centros que obteñan concertos ao abeiro desta nova orde manteranos ata, cando menos, o 31 de agosto de 2023.
Á hora de avaliar os concertos as comisións provinciais de valoración -compostas por funcionariado da Consellería, un membro da FEGAMP e representantes sindicais, patronais e das ANPAS deste tipo de colexios- terán que ter en conta menos criterios que hai catro anos. Así, mantéñense aspectos como os relativos á memoria explicativa sobre o número de unidades a concertar ou as diversas características do centro, así como a acreditación de que o colexio en cuestión "satisface necesidades de escolarización" nos termos previstos pola lei, pero mudan os motivos polos que un colexio ten "preferencia" sobre os demais.
As ordes de 2009 e 2013 establecían "atención preferente" nos concertos aos colexios que "desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas"
Como en 2013 e 2009 -orde ditada aínda polo bipartito- "terán preferencia para acollerse ao réxime de concertos" os centros que "atendan poboación escolares de condicións económicas desfavorales" e mais "os que realicen experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo". Ademais, "serán obxecto de atención preferente" os centros que "funcionen en réxime de cooperativa". Xunto a esta primacía do cooperativismo as dúas anteriores ordes engadían unha terceira: "os que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas", isto é, os centros con aulas mixtas de nenas e nenos nos que o proxecto educativo inclúa criterios de igualdade de xénero. Na orde de 2017 ese treito desaparece.
Blindaxe ao financiamento dos colexios que segregan por sexo
A lei educativa de 2006 vetaba o financiamento público para os centros que segregan, pero a LOMCE devolvéullelo
O apoio legal desta mudanza cómpre buscalo nos devanditos preceptos vixentes da LOMCE, que modificaron a lei orgánica de educación do ano 2006 (LOE). O texto legal do Executivo do PSOE establecía que, á hora de matricular o alumnado en centros sostidos con fondos públicos, xa fosen públicos ou concertados, "en ningún caso" podería existir "discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, ou calquera outra condición", pechando así a porta ao concerto con colexios que segregan nenos e nenas. Adicionalmente, unha disposición adicional da norma establecía que, para "fomentar a igualdade efectiva entre homes e mulleres", os colexios que "desenvolvan o principio de coeducación" terían "atención preferente e prioritaria" en todo caso.
A Xunta financiou os centros que separan nenas e nenos mentres a lei o prohibía, tal e como acreditou a Xustiza
Pero a vixente Lei Wert mudou o panorama. Así, o Goberno do PP introduciu unha nova redacción do artigo 84 da LOE e, aínda que mantivo que "en ningún caso haberá discriminación", agregou que "non constitúe discriminación" a "organización da ensinanza diferenciada por sexos". Especificou ademais que se un centro privado opta por segregar nenos e nenas esta "elección" non pode supoñer "unha desvantaxe á hora de subscribir concertos".
Foi así como quedou blindado o acceso ao financiamento público duns colexios que, no entanto, no caso galego -cinco centros, catro deles dependentes dunha empresa do Opus Dei- apenas notaron as variacións lexislativas. Non en van, aínda que no artigo 4.2 da súa orde de concertos o bipartito de PSdeG e BNG puña fin a estas achegas -foi ditada en 2009, cando finalizaba a vixencia da derradeira aprobada polo Goberno de Fraga-, o encargado de aplicala foi xa o gabinete de Alberto Núñez Feijóo, que lles mantivo o financiamento e llelo renovou en 2013, xa coa súa propia orde. Estas actuacións foron contrarias á lei vixente no momento da concesión, segundo sentenciaron o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014. Non obstante, a LOMCE devolveulles o encaixe legal en 2014.