A xuíza desbota arquivar o caso das dietas de Valga e o fiscal pide informes para avaliar se son legais

Bello Maneiro, no medio, alcalde de Valga © Xunta

O xulgado continuará a investigar as dietas presuntamente irregulares que o goberno local de Valga se adxudicou durante anos e a Fiscalía seguirá a recoller información para avaliar se están xustificadas e para comprobar a legalidade das comisións de coordinación a través das que se teñen institucionalizado eses polémicos pagos. 

A xuíza, a petición da Fiscalía, require informes legais do colexio de secretarios e interventores para avaliar a legalidade das comisións

Nun novo auto emitido a finais da pasada semana, e ao que tivo acceso Praza Pública, a maxistrada que leva o caso atende á petición da Fiscalía, que se opón ao sobresemento libre do proceso reclamada polo alcalde e unha das concelleiras investigadas, e require ao Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra para que "emita un informe como perito sobre esta cuestión xurídica". Xa que logo, o Ministerio Fiscal solicita  un informe oficial "sobre a legalidade da constitución das comisións de coordinación [...], tendo en conta que os denunciantes afirman que as facultades de autoorganización das corporacións locais non alcanzan a facultar ao alcalde nin ao pleno para dotar a estas comisións dunha composición que non se axeite á proporcionalidade das distintas opcións representadas no pleno", e da "legalidade da percepción das dietas de asistencia". 

O fiscal ve "imprescindibles" máis dilixencias "para comprobar a legalidade da constitución das comisións de coordinación e da percepción de dietas"

O fiscal entende que a documentación achegada por dous dos concelleiros investigados "deita dúbidas razoables sobre a consistencia ou contundencia da denuncia", pero aclara que "non exclúe de forma total a ilicitude penal da actuación dos investigados", senón que "polo contrario" fai precisa "a práctica de dilixencias de investigación penal que resultan imprescindibles para comprobar a legalidade da constitución das comisións de coordinación e da percepción de dietas de asistencia". 

Por orde da xuíza, o informe requirido pola Fiscalía terá que estar listo "á maior brevidade posible" e nun prazo máximo de trinta días. Para levalo a cabo, o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros terá á súa disposición toda a documentación que obra en poder do xulgado sobre a investigación. O que esta corporación de dereito público determine semella clave, non só para a resolución do caso, senón para futuras causas que se poidan abrir ante comisións e dietas semellantes que permanecen activas noutros concellos de Galicia onde a oposición agarda un posicioanmento legal para acudir ou non á Xustiza.  

A maxistrada declara complexa a causa e adía a declaración dos edís investigados pero non das testemuñas

Alén disto, a xuíza tamén declarou complexa a causa a petición da Fiscalía, polo que as dilixencias de instrución ampliaranse a un prazo de até 18 meses logo de que expirasen xa os seis previstos inicialmente por lei. No intento por recoller máis información, a maxistrada adiou a declaración de todos os investigados -prevista para os primeiros este 29 de marzo- pero mantén para o 5 de abril a das testemuñas, entre elas o interventor municipal que emitiu a petición do xulgado o informe no que admitía que as comisións foran creadas "á marxe e non en substitución das comisións informativas regulamentariamente previstas".

 

Máis concellos á espera dunha resolución

Foi o pasado mes de xaneiro cando o xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citou a declarar como investigados sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde. A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro por parte dos edís de dietas pola asistencia a estas comisións de coordinación, unha peculiar figura allea aos órganos colexiados habituais, instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992.

O xulgado investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación por parte do goberno local do PP en Valga

Desde que se fixera pública a investigación xudicial en Valga, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. A xuíza que leva o caso investiga a súa legalidade, dado que non inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, como si se esixe no resto de reunións establecidas legalmente.

Desde a localidade pontevedresa, pero tamén desde outras, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Outes, Curtis ou Noia, onde o goberno do PP subiu un 150% o importe destas dietas tras acceder ao goberno logo dunha moción de censura. E non son os únicos: hai tan só quince días, a oposición na localidade de Cabanas denunciou dietas semellantes ás que se investigan en Valga e pedirá en pleno a súa regulación para evitar que sexan levadas ante a Fiscalía. Expertos consultados por Praza Pública dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.