Non foron a Asociación de Viúvas de Lugo, Abogados Cristianos e o Arcebispado de Santiago os únicos colectivos que recriminaron ao Concello da Coruña un dos carteis cos que promocionou o Entroido deste ano na cidade. Tamén a Xunta. A Consellería de Sanidade, a través da súa xefatura territorial na localidade, advertiulle do uso da ilustración que representaba unha persoa disfrazada de Papa, cun cáliz e un papamóvil de cartón, aínda que neste caso non por unha presunta ofensa aos sentimentos relixiosos. A delegación do Sergas enviou unha carta ao alcalde para reprocharlle que se "asociase un consumo excesivo de alcohol cunha festa e co divertimento" e nunha celebración "na que participan cidadáns de todas as idades, moi especialmente xente nova".
Sanidade reprochoulle ao Concello o cartel por "asociar un consumo excesivo de alcohol cunha festa e co divertimento"
Entende a xefatura territorial do Sergas na Coruña que "a caricatura dunha personalidade cunha copa na man, que ademais parece bébedo", vincula a inxesta elevada de alcohol cunha celebración. E advirte na carta ao rexedor Xulio Ferreiro, á que tivo acceso Praza.gal, que desde o seu punto de vista "a promoción e publicidade das festas populares debe orientarse no sentido de fomentar un desfrute saudable das mesmas, evitando na súa publicidade posibles asociacións co consumo de alcohol nos carteis, trípticos e demais material publicitario".
A crítica da Xunta uniuse ás levadas a cabo por colectivos católicos ou o propio PP local, ademais da da Asociación de Viúvas de Lugo, cuxa denuncia ante a Xustiza acabou coa imputación -agora baixo a figura de investigado- do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, por un presunto delito contra os sentimentos relixiosos. Outra demanda no mesmo sentido foi arquivada polo xulgado de instrución número 8 da Coruña, mentres que o número 3 optou por citar o edil para a súa comparecencia o vindeiro 17 de abril.
A xefatura territorial do Sergas recrimina o uso "da caricatura dunha personalidade cunha copa na man, que ademais parece bébedo"
No caso da Xunta, o seu reproche quedou nunha carta á que o Concello respondeu de forma verbal nunha xuntanza que mantivo coa xefatura territorial do Sergas sobre outra cuestións. "Lembrámoslle que é un debuxo que representa un disfraz e unha festa e que a figura que se ve no cartel amosa un cáliz, en clara alusión e representación da irreverencia da celebración do Entroido que se anunciaba", aclara a administración local. O conto, aparentemente, morreu aí.
O Concello argumenta que o cartel é unha "representación da irreverencia da celebración do Entroido que se anunciaba"
Non é, no entanto, a primeira vez que a xefatura territorial do Sergas recrimina á administración local a súa cartelería. Fixo o mesmo e cos mesmos argumentos o ano pasado por un cartel do San Xoán que lembra na carta enviada o pasado mes de febreiro. "Nas festas de San Xoán do pasado ano, o Concello da Coruña publicou un cartel con alusión ao consumo de alcohol (queimada)", advírtelle. Daquela, como recorda, a representación do Sergas na comisión de seguimento da celebración "transmitiu a súa preocupación por asociar a celebración dunha festa tan popular entre a mocidade co consumo de alcohol". A ilustración, cun debuxo dunha sardiña, rezaba: "Sardiñas e unha boa queimada á beira do mar".
Así, Sanidade recorda na misiva que o protagonista da caricatura "parece bébedo" e para corroboralo fai referencia a unha entrevista de La Voz de Galicia onde o autor do debuxo asumiría esa condición do disfrazado. Un día despois da publicación desa charla e dous despois de que o Arcebispado protestase pola cartelería, a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez, enviaba a carta de apercibimento ao Concello.
A delegación do Sergas na Coruña xa reprochara ao Concello que usase a palabra 'queimada' nun cartel de San Xoán
Preguntada polas motivacións desta misiva de advertencia, a responsable do Sergas na Coruña prefire non referirse exclusivamente á cuestión e limítase a aclarar que, "sen entrar en casos concretos ou particulares, dende a perspectiva da Administración Sanitaria resulta imprescindible promover hábitos de vida saudable, entre outros: procurar unha alimentación adecuada, practicar exercicio físico e evitar o consumo de tabaco e alcol, moi especialmente en menores de idade".
Na carta, Cristina Pérez despídese agardando "contar coa colaboración do Concello nesta temática tan importante para acadar os resultados que todos desexamos". Antes, advirte que "os adolescentes e os menores están a participar, con maior frecuencia e en idades cada vez máis temperás, nos denominados consumos recreativos e de lecer nocturno". E alude á Lei 11/2010 de 17 de decembro onde se inclúen limitacións de publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas que prohíbe "calquera campaña que induza, directa ou indirectamente, ao consumo de bebidas alcohólicas polos menores de idade".
En Galicia, son ducias os carteis que cada ano, sobre todo cando anuncian festas gastronómicas, fan referencia explícita nas súas ilustracións a bebidas alcólicas ou a persoas consumíndoas.