O ex-interventor de Valga ratifica ante a xuíza que as dietas investigadas están á marxe da lei

Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

O que fora interventor do Concello de Valga ratifica ante a Xustiza a súa opinión contraria ás dietas polas comisións de coordinación que investiga un xulgado de Caldas de Reis. No caso polo que foron imputados sete concelleiros do PP, o ex-funcionario municipal aclarou ante a maxistrada que, de ser consultado, tería formulado reparo suspensivo sobre esas retribucións e enumerou unha morea de motivos polos que cre que a constitución desas xuntanzas exclusivas para membros do goberno local e os pagos por acudir a elas non se axustan á legalidade. 

O ex-interventor do Concello de Valga enumera ante a xuíza varios motivos polos que considera ilegais as comisións de coordinación e as súas dietas

O interventor que exercera en Valga entre 2015 e xaneiro de 2017 deitou aínda máis dúbidas no xulgado sobre as polémicas comisións, agora que a xuíza aumentou o prazo das pescudas e pediu informes para determinar a súa legalidade. Segundo puido saber Praza, Manuel Vázquez advertiu que nesas xuntanzas non participan todos os grupos da corporación malia requirilo asi a lexislación vixente e insistiu, a preguntas da acusación particular, que non se pode pagar por asistir a elas ao non haber un acordo expreso que aprobase a súa constitución, funcionamento ou retribucións, algo que -lembrou- non se trataba no pleno e só podía ser votado cando se aprobaba o orzamento para o Concello. 

O funcionario municipal advertiu que nas xuntanzas non participaban todos os grupos e que non había acordo expreso que as aprobase

Tanto este interventor como un ex-secretario do Concello pasaron polo xulgado de instrución número 1 de Caldas para declarar como testemuñas na causa que investiga sete concelleiros da localidade por presunta prevaricación e malversación de fondos polas comisións exclusivas para o goberno local instauradas en Valga e que supoñen tamén importantes dietas para os concelleiros do executivo. A declaración prevista destes edís -entre eles o alcalde José María Bello Maneiro- foi adiada ata que se leven a cabo unha serie de probas e se achegue a documentación solicitada pola Fiscalía.

Manuel Vázquez Fernández, o ex-interventor municipal que declarou este mércores, foi o funcionario que no inicio das dilixencias do caso emitira a petición do xulgado o informe no que admitía a "irregularidade" das dietas cobradas por unhas comisións de coordinación que, advertía, foran creadas "á marxe e non en substitución das comisións informativas regulamentariamente previstas" e na que se detallaba que a cantidade total cobrada en dietas polo edís do goberno entre 2003 e 2015 ascendera a máis de 215.000 euros.

O interventor ratificou nos xulgados o informe no que admitía a "irregularidade" das dietas cobradas polo goberno local de Valga

Na súa declaración xudicial, ratificouse e foi máis aló, aclarando que, na súa opinión, as comisións de coordinación non son órganos complementarios. Así, reprochou que non fosen constituídas cun acordo específico ou a través dun regulamento orgánico, advertiu que debía haber sempre un funcionario que dese fe do que alí se contaba e asegurou que as decisións tomadas non teñen validez xurídica nin eran acordos vinvulantes e que non se daba conta delas ao pleno. Tamén manifestou que a oposición non tiña opción de fiscalizar o seu contido, fundamentalmente centrado en comentarios sobre a xestión do goberno local. 

O declarante asegura que as decisións non tiñan validez xurídica, que non se daba conta delas no pleno e que a oposición non podía fiscalizar as xuntanzas

O caso é que, ao pouco da chegada deste interventor, as dietas das comisións de coordinación deixáronse de pagar logo de que o alcalde lle consultara sobre estas polémicas xuntanzas. Axiña, abriuse a investigación xudicial a raíz dunha denuncia presentada polo PSOE local.

Precisamente, e no último auto emitido, a maxistrada, a petición do Ministerio Fiscal, solicitou ao Colexio  Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra que "emita un informe como perito sobre esta cuestión xurídica" para aclarar de vez se é legal a creación de órganos alleos aos establecidos legalmente, xa que os denunciantes entenden que non son posibles de non axustarse á proporcionalidade dos representantes no pleno. Ademais, pretende determinar tamén se as dietas que se establecen para os edís cumpren coa normativa. 

Ante esta necesidade dunha pescuda máis detallada, a xuíza tamén declarou complexa a causa a petición da Fiscalía, polo que as dilixencias de instrución ampliaranse a un prazo de até 18 meses logo de que expirasen xa os seis previstos inicialmente por lei. Ademais, desbotou o arquivo da causa tal e como pedían varios dos investigados.

O Concello de Valga tivo catro secretarios e catro interventores desde o verán de 2015

Na súa declaración deste mércores, o funcionario municipal ratificou o informe negativo que emitira a petición do xulgado. Ao pouco de facelo, dimitiu do seu posto, converténdose no terceiro interventor que marchaba no vixente mandato municipal. Son catro secretarios e catro interventores no Concello de Valga desde o verán de 2015.

Precisamente, o ex-secretario que tamén declarou como testemuña -e que exerceu este posto accidentalmente en diferentes períodos-, asegurou ante a maxistrada queu nuncia vira acta ningunha das comisión de coordinación e que en ningún pleno se abordara o tema das retribucións a percibir por asistir a elas.

 

Varios concellos pendentes

Desde que se fixera pública a investigación xudicial en Valga, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. En todos eles, a oposición está pendente da resolución xudicial no caso da localidade pontevedresa, o que podería encher os xulgados de denuncias semellantes e pór en cuestión este polémico órgano vixente en varios municipios. 

O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este concello, pero tamén desde outros, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Neda, Cabanas, Outes, Curtis ou Noia. Expertos consultados por Praza Pública dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.