0 Gardados para despois

A investigación das dietas en Valga impulsa outra denuncia por pagos "análogos" en Porto do Son

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Cabanas, Noia, Curtis, Outes, Neda e agora tamén Porto do Son. Estas son as localidades onde a oposición denuncia irregularidades polo cobro de dietas de asistencia ás polémicas comisións creadas en varios concellos á marxe dos órganos legais e en exclusiva para os edís de goberno. A investigación xudicial aberta en Valga, e pola que son investigados sete dos nove concelleiros do PP por presunta prevaricación e malversación de fondos, fai agromar a cada pouco máis casos de pagos sobre os que hai moitas dúbidas legais e nos que as formacións denunciantes ven "sobresoldos encubertos" para membros dos executivos locais que non teñen dedicación parcial ou exclusiva. 

A investigación xudicial aberta en Valga polas dietas dos edís do goberno fai agromar novos casos semellantes en varios concellos

Polo momento, ao abeiro da investigación que mantén o xulgado de instrución número 1 de Caldas, o ex-interventor no Concello de Valga ratificou ante a xuíza que as dietas investigadas están á marxe da lei tras advertir da súa "irregularidade" e asegurar que as decisións tomadas nas comisións de coordinación non tiñan validez xurídica, que non se daba conta delas no pleno e que a oposición non podía fiscalizar as xuntanzas. O elevado gasto, que neste caso era duns 15.000 euros anuais, tamén é un reproche habitual en todos os casos denunciados. No último de Porto do Son, a situación non muda. 

Desta vez, toda a oposición na localidade (PSdeG, BNG e Portodos) presentou conxuntamente unha solicitude de pleno extraordinario onde piden que o goberno "clarexe" os termos nos que se levan a cabo estas polémicas xuntanzas, denominadas neste caso xuntas de coordinación de concelleiros delegados, así como que Secretaría e Intervención elaboren "os pertinentes informes técnicos" para avaliar a súa legalidade. Neste caso, os tres partidos denuncian que "están sendo celebradas de xeito irregular" e advirten que son "reunións privadas entre os concelleiros do PP, sen asitencia de funcionario ningún que certifique a súa celebración nin os supostos acordos que nelas se adoptan". Quen , en teoría, certifica a celebración desas xuntanzas é unha das concelleiras populares. 

Toda a oposición en Porto do Son vén de solicitar un pleno extraordinario sobre unhas xuntanzas "celebradas de xeito irregular"

Logo de distintas peticións nos últimos meses das actas das reunións ou documentación que certifique a súa utilidade, membros da oposición puideron comprobar -tal e como aclaran a Praza- o "chafulleiro" dun modus operandi máis que sospeitoso, con ausencia de papeis oficiais e xustificacións en simples anotacións en libretas. Ademais, denuncian que o rexedor continúa sen "render contas nin dar explicacións" sobre unhas reunións que foron instauradas neste mandato, a finais de xuño de 2015.

As xuntas para os edís de goberno sen dedicación celébranse cada semana e cada un dos asistentes recibe 150 euros nuns pagos que si foron realizados, tal e como comprobou a oposición. O gasto elevaríase a uns 10.000 euros e en 2016 celebráronse 18 xuntanzas.

PSdeG, Portodos e BNG advirten que non hai funcionario ningún nas reunións, cuxas actas tampouco facilitou o goberno

Desde PSdeG, Portodos e BNG, a investigación aberta en Valga levounos a actuar ante unha situación que consideran "análoga" en Porto do Son. De feito, como lembran, o alcalde da localidade Luís Oujo, respondeu á denuncia dos tres grupos asegurando que había meses que as dietas por asistencia ás xuntanzas xa non se estaban pagando, unha decisión que para os denunciantes indica o temor do goberno local a estar cometendo algunha irregularidade. 

A oposición pide que se supriman as dietas e que se devolvan os cartos cobrados e non descarta acudir á Fiscalía

Na súa solicitude, a oposición reclama que se supriman os pagos polas xuntas de coordinación de delegados e que os concelleiros reintegren as cantidades percibidas desde xuño de 2015. Ademais, tampouco descartan acudir á Fiscalía con toda a documentación e datos apañados para instar a unha investigación xudicial sobre os feitos.

Con todo, tanto en Porto do Son como noutros concellos con dietas semellantes, o seu futuro dependerá basicamente da resolución que a xuíza que investiga o caso de Valga leve a cabo. Polo momento, a maxistrada, a petición do Ministerio Fiscal, solicitou ao Colexio  Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra que "emita un informe como perito sobre esta cuestión xurídica" para aclarar de vez se é legal a creación de órganos alleos aos establecidos legalmente, xa que os denunciantes entenden que non son posibles de non axustarse á proporcionalidade dos representantes no pleno. Ademais, pretende determinar tamén se as dietas que se establecen para os edís cumpren coa normativa.

 

Sete concellos con dietas semellantes

Desde que se fixera pública a investigación xudicial en Valga, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. En todos eles, a oposición está pendente da resolución xudicial no caso da localidade pontevedresa, o que podería encher os xulgados de denuncias semellantes.

O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este concello, pero tamén desde outros, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

A oposición en Outes, Noia, Porto do Son, Cabanas, Neda e Curtis pediu explicacións sobre dietas como as que se investigan en Valga

Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Neda, Cabanas, Outes, Porto do Son, Curtis ou Noia. Expertos consultados por Praza Pública dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.