0 Gardados para despois

Media década a agardar por unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Precisa Galicia unha Fiscalía Anticorrupción? A resposta a esta pregunta vén sendo afirmativa dende hai anos pola banda dos máximos representantes do Ministerio Público en Galicia e tamén en parte da oposición parlamentaria do país. No entanto, dende que hai cinco ano o daquela fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, remitira formalmente a petición á Fiscalía Xeral do Estado -xa a reiterara verbalmente e nas súas memorias anuais dende a súa chegada ao posto- esta demanda apenas tivo eco e, ademais, non contou co apoio da Xunta. No entanto, o actual fiscal xeral, José Manuel Maza, abriuse a finais de marzo a mudar o escenario. Unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia é "conveniente", dixo.

Aquela petición formal de Varela, desvelada en 2014 pola desaparecida edición galega do xornal El País, apoiábase nun informe elaborado pola fiscalía provincial de Lugo, cuxos xulgados xa eran na altura centro dunha intensa actividade a respecto de casos sobre presuntas condutas corruptas, como a operación Campeón ou a Pokémon e as súas derivadas. Neste sentido, no propio ano 2014 Varela abondou na súa petición cun informe no que afondaba nos seus argumentos para pedir unha "sección especializada" para facer fronte a este tipo de "delincuencia complexa en Galicia".

O anterior fiscal superior e mais o actual reclamaron unha delegación de Anticorrupción "polo nivel de problemática" que Galicia "ten nesta índole"

Ao ano seguinte, en 2015, Carlos Varela foi remudado na Fiscalía Superior de Galicia por outro titular de orientación conservadora, Fernando Suances. A mudanza no perfil do fiscal -Varela, membro da Unión Progresista de Fiscais (UPF), recoñeceu en diversas ocasións a súa sensibilidade progresista e galeguista- non implicou un novo criterio a respecto do departamento anticorrupción. Así, en 2016 Suances consideraba en declaracións á Radio Galega que "a creación dunha unidade especializada en Galicia da Fiscalía Anticorrupción" podería "axudar a tramitar asuntos desta índole dunha forma mellor e máis eficiente". Na mesma liña, o pasado xaneiro o fiscal superior reiteraba, en declaracións a ABC, que Galicia, "polo nivel de problemática que ten nesta índole, cremos que debe ter un fiscal especializado".

O Fiscal do Estado considéraa "conveniente"

O recorrente debate rexurdiu no país hai apenas un mes. Foi ao fío dunha reflexión do fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, tamén presidente da UPF. No transcurso dunha entrevista coa Cadena SER o que tamén fora fiscal no xuízo do Prestige reiterou a súa adhesión á "demanda do fiscal [superior] anterior e do actual", xa que "é estraño que non haxa un fiscal anticorrupción aquí" e a súa ausencia supón "un mal retrato, unha visión equivocada do que está ocorrendo. "Non coñecemos os mecanismos de branqueo, de contratación e de inspección fiscal" e, neste eido, sinalaba, un fiscal "especialista" podería "facer mellor as cousas".

José Manuel Maza, fiscal xeral do Estado: "É moi probable que se cree, a miña opinión é favorable, paréceme moi interesante"

García Ortiz agregaba, no entanto, que alberga escasa "esperanza", xa que "a creación de prazas na Fiscalía non é unha das prioridades deste goberno" e daquela, anticipaba, esta "incomprensible" ausencia seguiría existindo. Así e todo, poucos días despois o fiscal xeral do Estado mudaba o escenario durante a inaguración dos novos xulgados da Coruña, no edificio da antiga fábrica de tabacos. Preguntado ao respecto pola prensa, Maza considerou "conveniente" esta creación se "non hai ningún obstáculo" e "por agora, non parece que o haxa". "Creo -agregou- que é moi probable que se cree; a miña opinión é moi favorable, paréceme moi interesante un fiscal delegado da Fiscalía Anticorrupción en Galicia".

O PP galego non cre que haxa casos de corrupción dabondo "que fagan precisa unha Fiscalía Anticorrupción"

A posición do Fiscal Xeral do Estado, toda unha viraxe dos seus antecesores durante o Goberno do PP no Estado, Eduardo Torres Dulce e Consuelo Madrigal, pero tamén durante o período de Cándido Conde-Pumpido, elixido en tempos do PSOE, bate tamén coa postura oficial dos populares galegos. Non en van, apenas tres días antes da visita de Maza a vicevoceira parlamentaria do PPdeG e voceira deste grupo en asuntos de xustiza, Paula Prado, argumentaba a preguntas dos xornalistas que en Galicia "non hai un número de casos que faga precisa unha Fiscalía Anticorrupción", e por iso a formación conservadora non apoiara as iniciativas da oposición -a última, rexistrada por En Marea- para instar a Xunta a reclamala. "Non se pode facer o que fan os grupos da oposición", isto é, pedir unha Fiscalía Anticorrupción "para xerar a apariencia de que existe unha corrupción que, en ratio, en Galicia non se dá", o que implica "unha boa noticia para Galicia", indicaba.

Se, finalmente, a Fiscalía Xeral do Estado accede a crear esta unidade delegada da Fiscalía Anticorrupción, esta sería a duodécima delegación aberta. A galega uniríase ás delegacións de Anticorrupción nas tres provincias da Comunitat Valenciana, as dúas de Canarias, a de Balears, Murcia, Barcelona e ás catro que operan en Andalucía.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O ex-delegado da Xunta en Ourense será xulgado por malversación, fraude e falsidade

D.L.

A xuízo tras máis dunha década de instrución e case vinte anos despois dos feitos. O ex-delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, terá finalmente que sentar no banco dos acusados para responder de presuntos delitos de malversación de fondos públicos, fraude de subvencións e falsidade en documento público na súa etapa como alcalde da Arnoia polo PP. Nomeadamente, cando a principios de século ocupaba, como rexedor, a presidencia do grupo de acción local Ceivam.

Os feitos que agora serán finalmente axuizados remóntanse ao outono de 1999, cando o empresario Gumersindo Álvarez, procesado xunto ao político do PP, pediu a Ceivam unha subvención para construír unha planta de biomasa na Arnoia no marco do programa sufragado con fondos da UE Leader II. Álvarez presentaba un orzamento de algo menos de 80.000 euros -na altura, 13 millóns de pesetas- e solicitaba unha subvención pola metade do importe. Os traballos e a maquinaria necesaria para a planta foron certificados polo director da obra, indica a acusación popular, exercida pola Asociación para o Progreso do Ribeiro, ligada ao PSdeG local.

Rogelio Martínez foi nomeado delegado da Xunta en 2009, cando xa estaba imputado na causa, e estivo no posto ata 2015

Aquela obra, segundo defende a acusación, nunca chegou a realizarse. Pola contra, o que si se executou foi "a reconstrución dun galpón" nunha leira do mesmo municipio "que previamente fora adquirida polo Concello" dirixido por Martínez, "que tamén coñecía que non se adquirira a maquinaria". A planta de biomasa, daquela, non chegou a funcionar nos termos en que fora solicitada a axuda, pero o ex-delegado do Goberno de Alberto Núñez Feijóo certificou a obra e o pagamento da subvención e o mesmo fixo, aseguran, noutras solicitudes.

Tras un longo proceso de dilacións, arquivos e reaperturas do procedemento o xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Ribadavia vén de decretar a apertura de xuízo a Martínez e o resto de presuntos implicados no caso. O político popular terá, ademais, que abonar unha fianza de de 54.200 euros de xeito solidario con outros dous acusados para "asegurar" o cumprimento das sancións que poidan ter que afrontar se son condenador.

A acusación popular ve neste caso un "símbolo" dos "numerosos atropelos e abusos na xestión de fondos públicos" que, din, exerceu Martínez como alcalde da Arnoia

Aproxímase así ao seu remate un caso que comezou en 2006, cunha denuncia do BNG nun momento no que a Axencia para o Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader) deu en comezar a investigar as denuncias, en tempos do bipartito. Os edís socialistas que mantiveron a acusación ata agora consideran este caso todo un "símbolo" de "numerosos atropelos e abusos na xestión dos fondos públicos", con Martínez como "máximo responsable".

Rogelio Martínez foi nomeado delegado da Xunta en 2009, tras o retorno do PP ao poder e cando xa estaba imputado neste caso. Tras seis anos nos que foi considerado o home da dirección do PPdeG na provincia de Ourense, a xeito de contrapeso á familia Baltar, foi destituído en outubro de 2015, no marco da vaga de mudanzas no seo do Goberno galego que o PP decidiu tras o golpe electoral das eleccións municipais dese ano. Así e todo, pouco despois de ser destituído Martínez asegurou que o motivo da remuda non era outro que a "renovación", xa que o proceso xudicial no que está inmerso non era máis ca un "esperpento".