O PPdeG mantén que a "situación" do traspaso da AP-9 é "mellor" e obvia que Fomento xa a negou

Feijóo e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, no seu primeiro encontro institucional © Conchi Paz

Tres días. Foi o tempo transcorrido entre a aprobación no Parlamento, por unanimidade e por segunda vez, da petición de transferencia de competencias da AP-9 a Galicia, e a afirmación rotunda por parte do ministro de Fomento dunha nova negativa ao respecto. "A titularidade ten que estar onde está", resumiu Íñigo de la Serna dende La Moncloa. Como en anteriores ocasións, a claridade do veto do ministro ás reclamacións galegas tentou ser matizada dende as filas do PPdeG. A transferencia é "complexa", pero a "situación" é "mellor" que noutras ocasións, mantén o partido que sustenta o Goberno.

Mentres dende a banda esquerda do Parlamento choven as críticas polo que En Marea, PSdeG e BNG consideran unha nova evidencia de falta de "peso político" de Alberto Núñez Feijóo ante o Executivo de Mariano Rajoy o voceiro parlamentario dos conservadores, Pedro Puy, rexeita esa acusación ou a implicación da súa organización nunha nova "tomadura de pelo" ao país. "Hai tempo para convencer" o gabinete de Mariano Rajoy e ese tempo, asegura, "vaise aproveitar".

Puy: "Hai tempo para convencer"

O voceiro popular aférrase a que, en última instancia, é o Congreso e non o Goberno central quen ten que decidir -a primeira versión da lei non chegou a ser debatida nas Cortes porque o Goberno o impediu- e nese contexto, o panorama "é moito mellor que era no pasado, porque agora hai unha petición da totalidade da Cámara, cousa que non había noutros momentos nos que outros -en referencia a PSdeG e BNG- tiñan a maioría e foi o PPdeG o que formulou esta transferencia". Os populares apelan así novamente a unha votación celebrada no Parlamento galego hai dez anos sobre unha proposición de lei -non vinculante para a Xunta- sobre un asunto que o propio PP rexeitou ata dúas veces nos últimos meses en Madrid -en votacións sobre proposicións non de lei, pero tamén na Mesa do Congreso- mentres o apoiaba en Galicia.

Un presidente "buchipluma" que Rajoy "desinchou"

As explicacións do PPdeG non convencen os grupos da oposición, que ven na nova negativa do Goberno de España unha mostra máis de que a actual Xunta non vai ser quen de impoñer o criterio unánime do Parlamento galego fronte o bloqueo do Executivo de España. Neste sentido o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, bota man dun "adxectivo de orixe cubana" para ironizar cun Feijóo tornado en presidente "buchipluma", que describe "alguén insignificante", que "non pesa nada dentro do seu partido" e a quen Rajoy "desinchou con profesionalidade e discreción".

Leiceaga: "Rajoy desinchou a Feijóo con profesionalidade e discreción"

Mentres aínda ecoa o descenso do investimento previsto polo Estado en Galicia as "consecuencias da debilidade de Feijóo" non deixan de "constatarse", di Leiceaga. Agora, co ministro De la Serna "fixando unha posición do PP contraria á que defende Feijóo dende as eleccións de 2009. O PSdeG, non obstante, asegura, continuará a ofrecer "unidade" para a consecución de "obxectivos posibles", caso por exemplo do traspaso da autoestrada, asegura.

En Marea e BNG coinciden en sinalar a "tomadura de pelo" a Galicia por parte do PP

Leiceaga uníase deste xeito ás críticas lanzadas a pasada semana dende En Marea e BNG, que coincidiron en lamentar que "o PP volva tomarlle o pelo a Galicia" e en retratar a Feijóo como "un mero servidor submiso do PP de Madrid", en verbas de Luís Villares e Antón Sánchez. Nesta liña, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, viu constatado que Feijóo "non pinta nada no seu partido", se ben coida que "todas as forzas políticas galegas debemos esixir ao presidente que se presente en Madrid e plante cara ao Goberno do Estado. O BNG, a segura, "non aceptará un non por resposta" dun PP que, lembra, xa "non ten maioría no Congreso".

Pedro Puy, en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.