0 Gardados para despois

O PP votou dúas veces en Madrid contra o traspaso da AP-9 dende que Rajoy impediu tramitalo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O PPdeG bota man recorrentemente dun episodio parlamentario de hai unha década para se gabar de "coherencia" na reclamación da transferencia a Galicia das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. En marzo de 2007, cando os conservadores sentaban na oposición en Galicia e no Estado, formularan ás portas das eleccións municipais unha proposición na Cámara galega para "ampliar" o "poder de decisión" da Xunta mediante este traspaso. Dende as bancadas que sustentaban o Executivo a deputada do BNG Carme da Silva sinalara que "a totalidade do Goberno galego apoia, porque así o aprobou, a transferencia a Galiza" da AP-9, pero rexeitaba a iniciativa do PP porque só procuraba "utilizar as necesidades da sociedade galega para recuperar" a Xunta.

Dez anos despois o Parlamento vén de reclamar por segunda vez en menos dun ano esa transferencia de competencias. Fíxoo cunha proposición de lei asinada por todos os grupos, unha versión modificada da proposta que, sobre unha iniciativa lexislativa do BNG, foi remitida ás Cortes hai un ano coa mesma intención. Aquela iniciativa nin sequera chegou a ser debatida no Congreso -íana defender representantes de PP, PSdeG e Bloque- por mor do veto que o Goberno de Mariano Rajoy comezou a tramitar cando aínda estaba en funcións, unha operación sustentada nun informe con cálculos económicos erróneos que acabou por facer descarrilar de vez a proposta galega.

Tras a aprobación da segunda lei a prol da transferencia o PPdeG reiterou que a seguirá "demandando"

Se ben é certo que os populares galegos mantiveron durante estes meses que seguen "a demandar a transferencia", en verbas do seu deputado Martín Fernandez Prado, non o é menos que os seus representantes no Congreso rexeitaron por dúas veces o traspaso neste mesmo período temporal. Ou, máis concretamente, desbotaron apoiar a petición de que o gabinete de Rajoy erguese o veto e permitise tramitar o texto galego como paso previo ao seu debate e aprobación polas canles parlamentarias ordinarias.

A primeira diverxencia entre a postura da representación do PP no Pazo do Horreo e os seus homólogos en Madrid chegou o 30 de novembro, cando En Marea formulou ante a comisión de Fomento do Congreso, presidida polo deputado do PP de Ourense Celso Delgado, unha proposta para reclamar o levantamento do veto. Os populares votaron en contra e a ausencia dun membro da comisión -socialista, segundo fontes parlamentarias- deu lugar a un empate a 18 votos que provocou o decaemento da proposta. Esta primeira negativa fora xustificada dende a dirección do PPdeG: "Somos responsables", argumentara o seu secretario xeral, Miguel Tellado.

O pasado febreiro o Congreso pediu erguer o veto á lei galega malia aos votos en contra dos populares

Por mor do pouco habitual episodio do empate a proposta de En Marea volveu ao mesmo órgano do Congreso no novo período de sesións, a mediados do pasado febreiro. Nesa ocasión todos membros da comisión de Fomento atopábanse nos seu postos e a proposta saíu adiante grazas ao apoio do grupo propoñente e mais do PSOE, Esquerra, PNV, Compromís e EH-Bildu. O PP, no entanto, volveu votar en contra, xa que non foi aceptada a emenda coa que propuña substituír a petición da transferencia pola solicitude dunha xuntanza entre a Xunta e o Goberno central que xa estaba prevista e que, de feito, se celebrou nove días despois desta votación.

O ministro de Fomento reiterou que non apoiará o traspaso de competencias

A estas votacións en comisións súmanse, ademais, outras resistencias á transferencia pola banda do Grupo Popular no Congreso. A máis evidente tivo como escenario a Mesa da Cámara Baixa, onde os populares apoiaron o mantemento do veto á lei que o propio PP apoiara en Galicia. Esta postura veu acompañada, ademais, polas declaracións á Radio Galega do voceiro conservador, Rafael Hernando, quen advertiu que tampouco está garantido o apoio á nova versión da lei galega, e do propio ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que tanto na súa xuntanza con Alberto Núñez Feijóo como no propio Congreso deixou claro que non apoia a transferencia con argumentos como que a AP-9 é unha vía de conexión internacional porque chega ata Portugal, aínda que realmente a fronteira galego-portuguesa é cruzada por outra vía, a A-55.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.