MAPA INTERACTIVO | Sánchez venceu no 84% das mesas das primarias do PSOE en Galicia

Pedro Sánchez, ante militantes do PSOE en Ponte Caldelas Dominio Público @sanchezcastejon

A vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE foi rotunda en Galicia. Unha análise en detalle dos datos por centros de votación así o demostra. Das 190 mesas nas que votaron case 8.300 militantes -houbo lugares nos que se unificaron nunha mesa varios concellos-, o que xa fora secretario xeral venceu no 84%, mentres que Susana Díaz obtivo a vitoria no 15% e Patxi López non superou o 1%, co triunfo en tan só dúas localidades: Brión e Paradela. 

Pedro Sánchez venceu no 84% das mesas electorais das primarias socialistas: 159 fronte ás 29 de Díaz e as 2 de Patxi López

Pedro Sánchez venceu en case todos os concellos e na inmensa maioría das mesas electorais. En total, foi o máis votado en 159 dos centros habilitados, fronte aos 29 nos que o superou Susana Díaz. Ademais, pasou do 90% dos sufraxios en 34 mesas e chegou a alcanzar o 100% nun total de dez municipios: Mondariz e Mondariz Balneario -cuxos militantes votaron na mesma urna-, Salceda de Caselas, Salvaterra, Parada de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Padrón, Rois e San Sadurniño. 

Entre os concellos onde Sánchez obtivo máis de nove de cada dez votos destacan algúns importantes como Viveiro, Ribadavia, Pontecesures, Pontecaldelas, Arteixo, Arzúa, Neda, Corcubión, Culleredo, Fene ou Fisterra. Os datos corroboran unha vitoria que en Galicia cuadriplicou o triunfo xeral no Estado e que acantoa a vella garda do PSdeG, a gran derrotada ao acumular a inmensa maioría de apoios de Susana Díaz. O 66% dos sufraxios obtidos polo novo líder do PSOE a nivel galego foi superado amplamente en moitísimos concellos, vencendo ademais nas sete grandes cidades. 

Ao debullar os datos, compróbase tamén a relevancia das afinidades de alcaldes ou importantes cargos ou ex-cargos socialistas en determinados concellos, principalmente naqueles poucos onde venceu Susana Díaz. Así, foi na mesa electoral de Oroso, onde votaron tamén os militantes do Pino e Touro, a única onde gañou a presidenta da Junta. O rexedor da localidade é Manuel Mirás, vicepresidente da xestora e afín á dirixente andaluza. No resto da provincia, e a excepción de Brión onde venceu López, Pedro Sánchez resultou claro gañador.

En moitas das poucas localidades onde venceu Díaz, os seus alcaldes fixeron campaña ao seu favor

En Lugo, pola súa banda, Susana Díaz venceu en Becerreá -onde é alcalde e afín a ela o vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez-; Palas de Rei (terra natal do ex-ministro José Blanco), ademais de en Castroverde, Cospeito, Foz, O Incio, Monterroso, Navia de Suarna, e Samos. Mentres que en Paradela foi Patxi López o triunfador, Pedro Sánchez anotouse o triunfo no resto de municipios, destacando a importante vantaxe obtida en Folgoso do Courel, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Riotorto, Monforte ou Viveiro. 

Na provincia de Ourense, Susana Díaz obtivo o apoio maioritario dos militantes nas mesas de Amoeiro -cuxo alcalde Rafael Villarino foi un dos seus apoios públicos durante a campaña-, O Carballiño -terreo do ex-conselleiro Pachi Vázquez e con rexedor como apoio público-, ademais de en Castrelo do Val, Celanova e Xinzo. No resto, Sánchez foi o maioritario. 

Pola súa banda, Pontevedra foi tamén terreo claramente sanchista nas votacións do domingo. Venceu con claridade en Gondomar, Lalín, Marín, Pontecaldelas ou Pontecesures, ademais daqueles centros de votación de pequenas localidades onde chegou a alcanzar o 100% dos votos. Susana Díaz venceu en Cambados, Catoira, Vilaboa ou Meis por escasa diferenza, acadando maior vantaxe en localidades como Caldas de Reis, Cambados ou Silleda, estes dous últimos concellos rexidos por alcaldes que amosaron publicamente o seu apoio á presidenta da Junta de Andalucía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.