As eleccións do 25S alargan a fenda xeracional no electorado galego

Recordo de voto nas eleccións galegas de 2012 e 2016, segundo o CIS CC-BY-SA Praza Pública

O comportamento electoral non é homoxéneo no conxunto da poboación e o apoio ás diferentes forzas políticas non ten a mesma proporción en todos os factores da sociedade. Algunhas das variables máis frecuentemente analizadas a este respecto son as ligadas á idade do electorado, dando como resultado en diversos sistemas políticos que a mocidade adoita ser máis proclive a apoiar forzas políticas de esquedas, mentres que a dereita tende a ser máis forte cantos máis anos ten quen emite o seu voto. Este esquema reproduciuse nas eleccións galegas do pasado setembro, segundo o estudo postselectoral sobre aquel 25 realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), se ben desta volta a fenda xeracional foi maior que, cando menos, nas dúas anteriores convocatorias electorais.

Por primeira vez dende 2005 o PP non foi, segundo o CIS, a forza máis apoiada entre a poboación menor de 35 anos

A análise do recordo de voto -opción á que as persoas enquisadas declaran que votaron- realizada neste inquérito indica unha diferenza fundamental na poboación menor de 35 anos a respecto do estudo postelectoral das eleccións de 2012. O PP, indica o estudo, perdeu a súa condición de primeira forza política neste sector do electorado, entre o que foi superado por En Marea por unha marxe duns 2 puntos. No grupo de idade seguinte, o de 34 a 44 anos, os conservadores recuperarían o primeiro posto, pero cunha vantaxe duns 3 puntos e medio. A contorna dos 50 anos preséntase como o limiar a partir do cal os de Alberto Núñez Feijóo acadan unha primacía esmagadora ata superar o 47% dos apoios.

O devandito alargamento da fenda xeracional nesas eleccións de 2016 é máis evidente ao introducir na comparativa tamén as eleccións de 2009, nas que o PPdeG logrou a primeira maioría absoluta con Feijóo á fronte. Dado que tras aqueles comicións o CIS aínda non ofrecía unha estimación do recordo de voto alén da resposta espontánea das persoas enquisadas -as que citan na súa resposta o nome do partido ao que apoiaron-, esas son as porcentaxes a partir das cales realizar a comparativa.

Os estudos do CIS sobre as eleccións de 2009 e 2012 indicaban que o PP era a primeira forza en todas as franxas de idade

Partindo destes condicionantes a diferenza co panorama actual é clara: naquela altura o PP non só foi primeira forza en todas as franxas de idade, senón que entre a mocidade cruzaría o limiar do 30% dos apoios, con vantaxes de case 20 puntos entre a poboación de 18 a 24 anos a respecto da segunda forza nese sector, daquela o BNG, e cunha marxe de máis de 4 sobre o PSdeG, no segundo posto naqueles comicios entre quen tiñan de 25 a 34 anos. Así,  posición que o CIS lle outorgaba en 2009 ao PP entre a mocidade é agora no que coloca a En Marea. Mentres, no que atinxe ao electorado maior de 65 anos, a primacía do PP con relación ao resto de forzas é na actualidade aínda máis ampla que en anteriores comicios.

Nos comicios que deron lugar ao bipartito PSdeG e BNG compartían liderado entre a poboación menor de 35 anos e o PP só retiña a súa clara hexemonía entre maiores de 65

Así as cousas, por primeira vez en oito anos o CIS debuxa un panorama no que a mocidade tende máis á esquerda e contribúe a alargar a fenda provocada por un novo ascenso do PP entre as persoas de máis idade. As diferenzas non son, así e todo, tan acusadas como hai algo máis dunha década, no ano 2005, PSdeG e BNG deron superado en votos e escanos ao PP de Manuel Fraga. O estudo postelectoral do CIS a respecto daqueles comicios indica -tamén a partir das respostas espontáneas- que socialistas e nacionalistas compartían liderado electoral entre a poboación menor de 35 anos, deixando o PP na contorna 20%. Ademais, aquel inquérito situaba as tres forzas con representación parlamentaria nun empate técnico entre quen tiñan de 35 a 44 anos e, nuns anos marcados polo ascenso de José Luis Rodríguez Zapatero a nivel estatal, a igualdade entre PP e PSdeG mantíñase tamén no electorado de ata 55 anos. Só a partir dos 65 os populares retiñan a súa clara hexemonía.

Así e todo, un hipotético escenario de recuperación de preponderancia da esquerda entre a poboación máis moza non tería por que implicar unha viraxe política como a daquel 2005. Un dos factores a ter en conta nese exercicio de extrapolación é que naqueles comicións que permitiron á esquerda conformar un goberno de coalición, a poboación menor de 35 anos era o grupo electoral -entre a poboación residente en Galicia- máis numeroso, segundo datos da Oficina do Censo Electoral. Nas eleccións de setembro de 2016 eran, segundo a mesma fontes estatística, o grupo de menor importancia en canto a número de persoas.

Valoración do goberno

A proporción do electorado que ve mala ou moi mala a xestión do Goberno do PP é semellante á que outorgaba esa avaliación ao bipartito

Estas diferenzas de opción política en función da idade prodúcense nun contexto no que os datos do CIS tamén indican que a poboación moza é máis crítica co labor do Goberno de Feijóo que o electorado de máis idade. Así, segundo o CIS, pouco máis dun 20% do electorado de entre 18 e 25 anos cre que a "actuación" da Xunta entre 2012 e 2016 fose boa ou moi boa, mentres que máis do 40% das persoas maiores de 65 anos lle outorgan este cualificativo. Mentres, tanto entre quen teñen de 18 a 24 como no sector de 25 a 34, a opinión de que o labor do Executivo foi malo ou moi malo rolda o 40%, parecer que apenas supera o 15% entre a poboación de máis idade.

Na media da poboación o aprobado á xestión do gabinete de Feijóo é outorgado por algo menos do 30% do electorado -o estudo postelectoral do CIS sitúao na contorna do 26% e o preelectoral achegábao ao 30%-. Son valores semellantes aos que obtén a consideración de labor malo ou moi malo, os cales se reducen en máis de 10 puntos con relación a 2012 e deixan o Executivo do PP, neste ámbito, en niveis semellantes ao bipartito de PSdeG e BNG tras perder o poder. A cualificación que xunta máis apoio entre o electorado a respecto do traballo do Goberno segue a ser, así e todo, a de "regular".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.