Telmo Martín brinda pola volta ao poder en Sanxenxo á fronte dun bipartito coa escisión do PP local

Veciñanza nos exteriores da casa do Concello de Sanxenxo, durante o pleno CC-BY-NC-SA PSdeG Sanxenxo

Brinde pola volta ao poder. Tras dez anos, moitas polémicas e dous intentos fallidos por acadar o goberno de Pontevedra, Telmo Martín está a un só paso de volver coller o bastón de mando en Sanxenxo, o mesmo que manexou de 1999 a 2006. Só resta un novo pleno para que Martín tome posesión despois de que, este luns, o que fora alcalde da vila dende 2015, Gonzalo Pita, fixese oficial a súa renuncia no que definiu como un exercicio de "autofidelidade" e que os que durante estes anos foran os seus socios no goberno, BNG e PSdeG, retratan como unha "auto moción de censura" de escuros fins, un pacto de goberno que nin sequera conta co apoio da totalidade da súa propia formación.

O ambiente vivido na capital turística do Salnés nas horas previas e no propio desenvolvemento do pleno non diferiu moito do rexistrado noutros concellos á hora de debater mocións de censura en sentido estrito. O salón de plenos, inzado de partidarios da operación retorno de Martín e os exteriores, cheos de veciñanza contraria á mudanza que pedían, sen éxito, poder asistir á sesión. Con este pano de fondo, como recolle Pontevedra Viva, Pita renunciou ao cargo que obtivera polo apoio na investidura ao seu partido, SAL -creado como escisión do PP local tras a marcha de Martín- (4 edís) por parte do Bloque (3 edís) e mais de PSdeG e Sanxenxo Pode, con cadanseu concelleiro.

O xa ex-alcalde deixou o cargo temporalmente nas mans do ata agora responsable municipal de Urbanismo, Daniel Fernández, que para a breve transición fora designado previamente como tenente da Alcaldía. Marcha, asegura, porque non quere "nin insultos, nin imposicións nin obcecacións" para Sanxenxo. Así e todo, a retirada non é tal. Cando Telmo Martín consume o regreso do PP (8 edís) ao goberno, o vindeiro mércores, Pita ostentará a Tenencia da Alcaldía. Será, segundo o que fora construtor salpicado por presuntas diversas irregularidades, unha caste de "vicealcalde", figura que a lei só contempla para as grandes cidades.

"Este señor vén a Sanxenxo xestionar os nosos impostos ou a facer de novo os seus negocios?", preguntaba o pasado marzo o partido que se dispón a devolver a Martín á alcaldía

Mentres os grupos da esquerda denuncian a actitude da reunificada dereita de Sanxenxo -"ten coidado, deputado!", asegura que foi advertido o parlamentario do PSdeG Julio Torrado, presente no exterior da casa consistorial- e preguntan que intereses hai por tras da reconciliación lembran tamén a mudanza do SAL a respecto do propio Martín. Non en van, sinalan, hai apenas dous meses o perfil do partido nas redes sociais consideraba que "ao PP, encabezado polo señor Telmo Martín, Sanxenxo impórtalle un pepino". "O único que lles interesa -indicaba aquel comunicado- é chegar ao mando para recuperar o poder adquisitivo que o fixo chegar a ser o deputado máis rico". "Este señor vén a Sanxenxo a xestionar os nosos impostos ou a facer de novo os seus negocios?", preguntábanse quen agora o devolven á Alcaldía.

Para quen se dispón a ser alcalde novamente se algo caracteriza a Gonzalo Pita é a "valentía" de entregarlle o poder. Martín afonda así no xa expresado nos últimos días, nos que combinou o "agradecemento" pola "cantidade de felicitacións e bos desexos" cos reproches aos seus "odiadores". "Eles fanme máis grande e motívanme para conseguir maiores obxectivos". "Sinto tanto o sufrimento e a rabia que lles produce que volva a ser alcalde que prometo compensalos traballando máis duro que a primeira vez. Un especial agradecemento aos difamadores anónimos. Agradézolles inifinitamente a súa covardía", escribiu no seu blog. A nova alianza foi selada, tal e como amosan as imaxes de Pontevedra Viva, cun brinde entre quen agora formarán bipartito.

A operación recibiu nos últimos días o aval da dirección galega do PP, quen vén defendendo a remuda sobre o argumento de que Martín "gañou" as eleccións municipais en Sanxenxo, en referencia a que a súa formación foi a máis votada. Mentres, o conxunto da oposición galega censura este apoio con críticas como as lanzadas por PSdeG e BNG nos últimos días e este mesmo martes polo voceiro de En Marea, Luís Villares, que nunha visita á vila reprochou a "connivencia" de Feijóo con este "autogolpe" 

 

 

Telmo Martín co ata o de agora alcalde de Sanxenxo, o independente escindido do PP Gonzalo Pita Dominio Público telmomartin.es
Convocatoria do pleno no que Martín volverá á alcaldía Dominio Público BNG Sanxenxo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.