Iglesias tende a man ao PSOE na moción de censura a Rajoy, que Feijóo ve "impropia dun país occidental"

Iglesias, ante as bancadas do Goberno no Congreso CC-BY-SA Marta Jara / eldiario.es

Xornada maratoniana no Congreso dos Deputados para debater unha moción de censura por terceira vez dende a aprobación da Constitución de 1978 que o creou como tal, unha menos que nas tres décadas e media de historia do Parlamento de Galicia. A configuración regulamentaria do debate provocou que non fose ata tres horas e media despois do inicio do debate cando tomou a palabra quen formalmente é este mércores candidato á Presidencia do Goberno de España, Pablo Iglesias, que durante un discurso dunhas tres horas defendeu o seu programa dende a constatación de que non sairá adiante, combinándoo neste sentido cunha man tendida ao PSOE para un eventual entendemento futuro, unha alternativa de Goberno que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, caricaturiza como "impropia dun país occidental".

A encargada de abrir a xornada de debate foi a voceira do grupo propoñente, Unidos Podemos. Irene Montero, cun contundente discurso de case dúas horas que apoiou en boa medida nos casos de corrupción que atinxiron ao PP nos últimos anos. Montero, apupada en numerosas ocasións dende a bancada popular e caricaturizada nas redes sociais por diversos cargos conservadores, citou máis de 60 asuntos que, ao seu xuízo, xustifican "botar" o PP. "Basta xa de corrupción, o seu tempo rematou", proclamou mentres debullaba casos como Gürtel, no que lembrou o papel destacado do ex-número tres do PPdeG, Pablo Crespo, e outros con raíz en Galicia como Pokémon ou o caso Baltar, arquivado recentemente. Montero referiuse tamén á trama Campeón ou á Carioca, se ben esta última non é estritamente un caso de corrupción política.

Tras a intervención da voceira de Unidos Podemos despexouse unha das principais incógnitas do debate, que papel xogaría Rajoy nel. O titular do Executivo español retrucou a Montero cun discurso no que, en boa medida, anticipou os reproches que despois lanzaría contra Iglesias, a quen lembrou que tivo a oportunidade de afastar o PP do poder se votase a prol da investidura de Pedro Sánchez na primavera de 2016. Aquel "non", precisamente, pairou en boa medida sobre a intervención inicial do secretario xeral de Podemos, quen non tardou moito en se referir aos socialistas. "Oxalá nos poñamos de acordo para sacar ao PP do Goberno máis cedo que tarde"; "quero pedirlles dende o respecto que tenten poñerse de acordo connosco", sinalou nun contexto no que di "asumir" os "erros que puiden cometer". "Pídolles que asuman os seus e traballen connosco", convidou.

Iglesias, ao PSOE: "Oxalá nos poñamos de acordo para sacar ao PP do Goberno; asumo os erros que puiden cometer, pídolles que asuman os seus"

Propostas como once medidas "urxentes" para facer fronte á corrupción, unha reforma tributaria para recadar, di, ata 27.000 millóns de euros máis, un plan contra a pobreza ou o incremento do salario mínimo interprofesional ata alén dos 900 euros foron algunhas das iniciativas debulladas por Iglesias na súa presentación ante a Cámara, que diversos cargos populares desdeñaron pola súa duración. Un referendo en Catalunya anexo a unha "reforma constitucional" cun novo modelo para as "nacións históricas" do Estado se a súa poboación "así o esixe" ou un plan contra a violencia machista foron outros dos plans defendidos nun disucrso no que o líder de Podemos sinalou os "concellos do cambio" como a "mellor demostración de que o cambio é posible", asegurou nun pleno ao que asistiron rexedores como os da Coruña, Santiago e Ferrol.

Rajoy cre que o "sucedáneo de programa" de Iglesias sería "letal para o modelo de convivencia que nos demos"

Rajoy, pola súa banda, priorizou a emenda xeral á intervención de Iglesias sobre as súas propostas, un "sucedáneo de programa de goberno" que "sería letal" para España e para o "modelo de convivencia que nos demos", dixo. No ton retranqueiro que xa empregara para responder a Montero o líder do PP defendeu a súa xestión apoiándose en datos económicos. Para quen seguirá sendo presidente a censura de Iglesias non é moito máis ca un conxunto de "xestos, postas en escena, eslóganes, poses fotograáficas e todo tipo de elementos que funcionan con eficacia na sociedade do espectáculo". "Vostede -proclamou- non debe ser presidente de goberno porque a súa devoción pola política como un mero espectáculo incapacítao como gobernante aos ollos dos españois".

Feijóo considera dende a súa viaxe na China que a UE non "entendería" un goberno alternativo no que participase Podemos

Tras as sucesivas réplicas entre ambos a presidenta do Congreso, Ana Pastor, resolveu un receso cando o debate se aproximaba ás oito horas de duración. Mentres a sesión se desenvolvía, en Galicia os grupos do Parlamento ordenaban o pleno da vindeira semana. Pola banda da oposición o voceiro de En Marea, Luís Villares, amosou o seu apoio á censura, mentres que o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga combinou a súa crítica a Rajoy con outra ao "espectáculo" que, ao seu xuízo, caracteriza ao líder de Podemos. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou pola súa banda que no transcurso do debate "Galiza estea desaparecida e muda fronte a outras nacións, que se escoitarán con voz propia".

A moción de censura no Congreso debátese no congreso mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continúa coa súa viaxe oficial á China. Dende alí considerou en declaracións aos medios recollidas por EFE e eldiario.es que Pablo Iglesias presentou a moción porque considera o pleno do Congreso un mero "plató de televisión", pero que a súa alternativa suporía remudar un "Goberno homologable ao dun país europeo" por outro "impropio dun país occidental". Na Unión Europea, cre, non se "entendería" ese goberno alternativo, polo que conclúe que Rajoy sairá "reforzado" do debate.

Rajoy, intervindo nunha das réplicas © Congreso dos Deputados
Iglesias, presentando a súa proposta ao pleno © Congreso dos Deputados
Irene Montero, formulando a moción de censura © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.