Juan Picos é profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e antigo director da Asociación Galega Monte Industria. Recoñecido como un dos maiores expertos do sector forestal en Galicia, sobre o que realizou un completo informe hai dous anos, analiza agora o grave incendio de Portugal logo de que hai un ano puxese o foco no monte galego noutra entrevista en Praza.gal. Pero, como el mesmo recoñece, as comparacións son inevitables ante un territorio agora afectado polo lume que é "un continuo" do país e que, en boa medida, sofre das mesmas eivas en canto ao abandono, o despoboamento e a ordenación territorial no rural.
Ante unha traxedia coma esta, a discusión vira en moitas ocasións exclusivamente cara á eucaliptización das zonas afectadas polo incendio. É tan sinxelo o debate?
Nestes casos adoita haber posicións moi enfrontadas e seguramente todas elas teñen algo de razón pero tamén algo de engano. Obviamente, o que arde é combustible vexetal e esa acumulación de combustible ten que ver co lume; isto é un feito. O que ocorre é que reparamos de máis na especie que arde cando en realidade o importante é a estrutura, como está disposta esa biomasa e como está xestionada a plantación. E precisamente nestes momentos cando xorden as oportunidades de mellora. Obviamente, o eucalipto ten unha importancia económica que ninguén vai negar, pero tamén é certo que o despoboamento levou a que moita xente o plantase en lugares onde o normal é que non estea nin viva. Aínda así, moitas veces o gran problema, que debemos afrontar xa, é o abandono xeral e a falta de actividade en moitas zonas.
"Reparamos de máis na especie que arde cando o importante é a estrutura, como está disposta esa biomasa e como está xestionada a plantación"
Cal é o principal problema?
Cando unha plantación de crecemento rápido se abandona -mesmo as que non o son tamén- e esa é unha dinámica que se fai extensiva nun territorio, aí temos o problema, pero tamén a oportunidade de mellora. Eu sempre tendo a ser racional á hora de facer certas apreciacións porque, ademais, creo que é a forma de facer chegar a mensaxe aos propietarios.
"O debate sobre se eucaliptos si ou non é moi apaixonado, pero se queremos mudar as cousas debemos achegar alternativas"
A que se refire?
O que non podemos é chegar e dicirlle a un propietario que iso que está plantando non o pode plantar porque o que xeramos de primeiras é rexeitamento. Esa non é unha boa estratexia. Pola contra, debemos achegarnos a eles para intentar que melloren a súa actividade. Estas melloras moitas veces veñen coa diversificación da especie, pero moitas outras tamén co tipo de selvicultura. Nestes casos, a resposta que nos dan é pedir axuda, moitas veces con cartos, pero tamén con formación, información ou extensión. É aí onde temos as oportunidades para mellorar. Logo, o debate sobre se eucaliptos si ou non adoita ser moi apaixonado, pero se o que queremos é mudar as cousas temos que achegar exemplos para que a xente vexa que hai outras alternativas. Mesmo se hai quen elixe esa opción, debemos proporcionarlles tamén formación e axuda para que a situación do monte sexa mellor.
"Ninguén vai defender as repoboacións de eucaliptos preto das casas ou de lugares de importancia nautral ou patrimonial pero non pensemos que imos ser quen de facer desaparecer as plantacións"
Pero o problema cos eucaliptos existe...
Evidentemente, o que ninguén vai defender son repoboacións de eucaliptos preto das casas ou de lugares de importancia medioambiental, natural ou patrimonial: Pero tampouco podemos pensar que agora mesmo seriamos capaces de quitar de diante as plantacións de eucaliptos e ter outra alternativa que xere o mesmo movemento económico cando, ademais, ninguén quita que provoque o mesmo abandono no monte. Este debería ser o enfoque ante o problema, pero coa traxedia de Portugal diante nosa, entendo que é difícil tratar o tema con frialdade. Comprendo todo o que se di.
Que fixo que o incendio de Portugal fose tan importante e tivese consecuencias tan tráxicas?
No que atinxe directamente a esta traxedia, o que nos impacta a todos, loxicamente, non é que leven ardidas tantas hectáreas porque xa o vimos outras veces, senón que o lume levou por diante a vida de máis de 60 persoas. Neste caso de Portugal, todo o que podía saír mal saíu mal, As circunstancias meteorolóxicas eran extremas, a situación de abandono do monte e a acumulación da biomasa máis sensible era grande, a orografía do lugar era complicada e con moitos vales e desniveis que dificultan o control do incendio e, ademais, era un lugar con accesos difíciles aos núcleos de poboación, con xente moi envellecida e nunha fin de semana onde hai máis persoas do que é habitual e que non saben que facer no caso de que veña o lume... O peor de todos os escenarios posibles pasou.
"Mentres á xente de Portugal e de Galicia non se lle ensine o que debe facer ante un incendio así, estaremos xogando á unha lotaría perigosa"
E ese escenario pódese repetir?
Mentres á xente desta zona de Portugal e de Galicia non se lle ensine o que ten que facer ante un lume destas proporcións, estaremos xogando a unha lotaría bastante perigosa. Non imaxino unha persoa de San Francisco, nos EUA, que non saiba que facer ante un terremoto. De improvisar determinadas actuacións ante unha traxedia, o que pode ocorrer é que multipliquemos os seus efectos negativos. No caso de Portugal xuntouse todo: a situación climática, o abandono agrario e forestal da contorna, a poboación envellecida e tamén un sistema de protección civil que non foi quen de tomar unha boa decisión de evacuación pola dispersión da poboación.
As semellanzas da zona afectada son evidentes con Galicia, precisamos preparar a xente ante posibles incendios así de perigosos?
Si que se precisa. Unha das ensinanzas ou mensaxes que nos manda esta traxedia é que debemos gastar certo tempo en explicarlle á xente que debe ou non debe facer se ocorre algo como isto. Sen sobreactuar nin esaxerar, pero si hai que facelo. A min tenme pasado de ir por Galicia e ver como xente se despraza a ver un lume, que é como quen vai facer fotos á praia do Orzán na Coruña cando hai un temporal. Temos que aproveitar a situación para formar a xente en catro ou cinco cousas moi básicas. Mesmo naqueles sitios nos que sabemos que hai máis risco, deberiamos establecer zonas seguras onde as persoas saben que deben ir para estar a salvo e logo ser evacuadas facilmente. Isto vai haber que tomalo en serio porque case nunca pasa e o risco é remoto, pero cando xogas moito ás veces acaba tocándoche e unha vez que che toca xa non podes facer nada. Fai falta estar un pouco preparado porque temos centos de incendios ao ano en Galicia, afortunadamente non deste tamaño, pero nunca se sabe. Unha mala decisión como a de coller o coche e escapar pode desencadear problemas máis graves.
"Unha das mensaxes da traxedia é que debemos gastar tempo en explicarlles aos galegos que facer cando ocorre algo así"
O territorio afectado en Portugal e todo o norte do país é semellante a Galicia en masa arbórea, posibilidades de incendios, dispersión... É tan idéntico como parece?
Si, si, totalmente. Se un colle un coche en Ortigueira e vai baixando Galicia, logo pola AP-9 e cara ao sur, todo é un continuo. Se borrásemos o río Miño non saberiamos dicir onde estamos porque van cambiando algunhas cousas pero clarisimamente estamos nun medio natural e socioeconómico practicamente idéntico, así que as cousas hainas que tomar en serio.
"O risco cero nunca existe; o mínimo que lle debemos á xente que sofre en Portugal é tomarnos as cousas en serio"
Pode pasar algo como o de Pedrógão Grande en Galicia?
O risco cero nestes casos nunca existe. Pode ser remoto que ocorra porque é difícil que se xunte todo o malo como en Portugal, pero a mensaxe máis importante que nos manda esta desgraza e que debemos comprobar se estamos en condicións de afrontalo e evitalo. Esa reflexión hai que facela. O mínimo que lle debemos á xente que o está a pasar mal e mesmo á que faleceu en Portugal é tomarnos en serio todo isto.
Con todo, como xa comentou tantas veces, o problema é estrutural e de fondo e non se arranxa nin nun ano nin en dous...
É que calquera outra cousa é ser un vantaxista. Se alguén tivese a solución para arranxar isto nun ou dous anos, xa non digo que o votaría senón que lle pagaría directamente. O problema é que todas estas circuntancias de fondo veñen pasando desde hai bastantes décadas e temos que ser capaces de reveretelas día a día e cun traballo moi de fondo no medio rural en xeral que implica tamén evitar o despoboamento das aldeas. É unha problemática moi global. Con todo, a sociedade galega debería pensar todas as noites na casa antes de deitarse que fixo nese día para mellorar o medio rural, porque todos podemos facer algo, cada un desde a súa responsabilidade. Seguro que todo o mundo ten algunha finca por aí abandonada ou que pode facer algo, por pequeno que sexa, para mellorar. Debémolo tomar así de en serio.