Feijóo abre a porta a unha investigación política de Angrois “cando teñamos o veredicto da Xustiza”

O presidente Feijóo, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

“Deixemos que se mova a Xustiza”, di o presidente tras o cambio de postura do PSOE, agora favorable a unha comisión parlamentaria, e a imputación do ex-director de Seguridade de Adif

“Se se quere facer unha comisión de investigación para buscar responsabilidades políticas posibles, pois unha vez que teñamos o veredicto da Xustiza, entón, si que se poden concretar responsabilidades políticas máis claras”. Esa é a nova postura matizada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre as peticións que veñen facendo as vítimas do accidente de tren de Angrois de que se abra unha comisión de investigación parlamentaria que analice as responsabilidades políticas do sinistro. Un matiz, o de que a comisión política se abra cando remate a causa xudicial, ausente dos seus rexeitamentos previos e que aparece ao tempo que a nova dirección do PSOE cambia a postura do seu partido e vai pedir agora esa investigación política, e cando a xustiza vén de imputar o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, no cargo entre 2006 e 2013, con PSOE e PP.

Tras o accidente do 24 de xullo de 2013, PSOE e PP, cuxos ministros de Fomento  José Blanco e Ana Pastor puxeron en servizo respectivamente a liña de AVE e o tren sinistrado, rexeitaron en repetidas ocasións tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia as peticións de investigacións políticas formuladas por BNG, AGE, En Marea, Podemos ou Esquerda Unida. Porén, as súas posturas comezaron a cambiar cando hai un ano a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que atacou duramente a investigación oficial do sinistro realizada polo Ministerio de Fomento, que influíu á súa vez na instrución xudicial. A causa xudicial reabriuse para analizar responsabilidades máis alá do despiste que sufriu o maquinista do tren, Francisco José Garzón, que non freou a tempo antes da curva de Angrois, e os dous partidos comezaron a virar os seus discursos, ata o punto de que a nova dirección do PSOE quere agora unha investigación na que comparezan os propios Blanco e Pastor.

Feijóo evitou valorar se a soidade do PP na súa negativa a unha investigación política pode ser vista como un intento de protexer á ex-ministra popular Ana Pastor

Este xoves ao presidente Feijóo preguntóuselle que argumento pode dar para que a soidade na que queda agora o PP na súa negativa a unha investigación política non sexa vista como un intento de protexer á ex-ministra popular Ana Pastor. Feijóo non respondeu á cuestión e optou por dicir que “a Xustiza estase a mover, deixemos que se mova”, en referencia á ratificación o mércores por parte da Audiencia Provincial da Coruña da imputación de Cortabitarte por non prever o risco dun exceso de velocidade por erro humano. “A investigación máis completa e máis profesional é a que está a producirse no ámbito xudicial, eu creo que iso é o que queren todas as vítimas e desde logo é o que quere Galicia”, primou Feijóo, quen a continuación engadiu que “se se quere facer unha comisión de investigación para buscar responsabilidades políticas posibles, pois unha vez que teñamos o veredicto da Xustiza, entón, si que se poden concretar responsabilidades políticas máis claras”.

O presidente da Xunta insistiu en que a súa prioridade é “que a investigación se complete, os xuíces actúen con absoluta contundencia e nos digan se hai algún responsable máis que o maquinista; ninguén discute que ese maquinista levaba ese tren a 193 quilómetros por hora e se hai algunha responsabilidade, por acción ou omisión, que se nos diga quen pode ser responsable, e aí seguro que a Xustiza nos vai dar información probada”.

A actual composición do Congreso fai que o cambio socialista permita que a comisión de investigación política saia adiante se o resto de partidos manteñen as súas posturas

Fronte ás situacións anteriores, nas que o PP contaba con maioría absoluta ou co apoio do PSOE á súa negativa, a actual composición do Congreso dos Deputados fai que o cambio socialista permita que a comisión de investigación política saia adiante se o resto de partidos manteñen a postura favorable á mesma que viñeron amosando ata o de agora. En abril do ano pasado, o PSOE si deu o seu apoio a que se debatese no Pleno unha petición de En Marea, á que os socialistas acabarían votando igualmente en contra. Porén, o simple feito de que o PSOE facilitase aquel debate foi considerado polo portavoz parlamentario do PP, Rafael Hernando, como “miserable” e “deleznable”. Malia que son as propias vítimas a que piden esa investigación, o popular chegou acusar aos grupos que propiciaron aquel debate de “utilizar os mortos dun accidente con motivos políticos”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.