O Congreso volverá debater a apertura dunha investigación sobre Angrois

Membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155, con representantes de En Marea ás portas do Congreso CC-BY-SA En Marea

Novo intento de que o Congreso dos Deputados abra unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas ao descarrilar nas proximidades de Santiago o tren Alvia no que viaxaban o 23 de xullo de 2013. En Marea vén de rexistrar na Cámara Baixa unha nova solicitude ao respecto que reitera a esixencia de coñecer a "verdade" do acontecido, como reclaman as vítimas, pero tamén achega as "novidades" que, subliña a deputada Alexandra Fernández, acreditaron a "falta de investigación rigorosa" sobre as causas do sinistro.

Acompañada dunha representación da Plataforma Víctimas Alvia 04155 Fernández chamou a distinguir as "dúas dinámicas" que, resalta, veñen existindo en torno ao acontecido en Angrois. Unha, "a da busca da transparencia", máis aínda despois de que as autoridades europeas e a Audiencia da Coruña ratifiquen que, alén da ausencia dunha pescuda política, a investigación técnica oficial sobre o accidente non foi independente. Outra "dinámica" é "a do bloqueo do Goberno", que non facilita unha investigación e ademais, lembra, sitúa á fronte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) un novo presidente que avalou a actuación oficial sobre Angrois.

"A única explicación á reiterada negativa á investigación é que teñen moito medo, moito que ocultar"

A principal plataforma de persoas afectadas polo accidente aplaude o novo intento de abrir unha investigación porque, subliña o seu voceiro, Jesús Domínguez, cómpre aclarar as "responsabilidades políticas" do descarrilamento. "Xa sabemos polo informe de Europa que non cumpriron coa normativa de seguridade" que rexe en toda a Unión. Se a cumprisen e "fixesen a análise de riscos" na liña tras a desconexión do sistema de freado automático "o accidente non ocorrería". "Foron decisións políticas", resalta, e "a única explicación" á reiterada negativa é "que teñen moito medo, moito que ocultar".

Inicia así de novo o seu percorrido parlamentario unha solicitude que, en virtude do escrito rexistrado por En Marea no Congreso, tería que "analizar e avaliar as causas do accidente" e "estudar con rigor" o sistema de seguridade da liña Santiago-Ourense, así como as "características" do trazado na curva da Grandeira e dos trens Alvia. Este órgano, subliñan, debera tamén examinar "o estado das infraestruturas ferroviarias en Galicia" para "detectar posibles deficiencias" e estudar "os sistemas de seguridade implantados" na rede de todo o Estado. Tamén, resaltan, estaría encamiñada a "escoitar as vítimas e afectados" polo accidente, algo que, lembran, xa sucedeu na Eurocámara pero non nos parlamentos galego e español.

Negativas do PP e abstencións do PSOE

A última vez que se debateu a apertura ou non dunha comisión de investigación, o Congreso rexeitouno. Foi hai un ano. A iniciativa de En Marea contou con 132 votos a favor (Podemos e confluencias, Ciudadanos e outros grupos) fronte a 199 votos en contra (PP e PSOE) e unha abstención. O resultado da votación fora recibido con berros de indignación por parte dun grupo de representantes das vítimas que seguían o debate dende a tribuna da cámara e que foran desaloxados polas súas protestas. 

Na anterior lexislatura, os intentos de crear esta comisión de investigación tamén bateran co bloqueo dos dous partidos maioritarios, cun Partido Popular que sempre votou non e un Partido Socialista que se abstivera, negándose a apoiar as iniciativas presentada polo BNG e a Izquierda Plural. A diferenza é que na última ocasión, cun PP sen maioría absoluta, unha abstención dos socialistas permitiría a creación da comisión.

Na última ocasión en que a solicitude foi debatida no Congreso o PP considerouna "miserable"

Aquela negativa do PP á apertura dunha comisión de investigación sobre a traxedia no Congreso levou a algún dos seus dirixentes a rozar o insulto. O seu portavoz parlamentario, Rafael Hernando, vía "miserable" solicitala e referíase en repetidas ocasións a Angrois como "Angruás", tal e como se pode comprobar neste vídeo.

Pero PP e PSOE tamén se negan a unha investigación na Cámara galega. Os populares e, con matices, tamén os socialistas,  sustentan a súa negativa en que o Parlamento carece de competencias, de "capacidade para investigar" un ámbito de "competencia" do Estado, en verbas de Pedro Puy. Esta afirmación, reiterada en infinidade de ocasións durante os últimos tres anos -o PP chegou a asegurar que a Cámara galega carece de "lexitimidade" para acometer esta investigación- é sustentada, segundo Alberto Núñez Feijóo, en que a ferroviaria é unha "competencia exclusiva do Estado". No entanto, estas posturas entran en aberta contradición co Regulamento do Parlamento, que no seu artigo 52 deixa claro que é posible abrir unha comisión de investigación sobre "calquera asunto de interese público". A Cámara galega pode, daquela, abrir unha comisión de investigación sobre as causas do descarrilamento do Alvia. Pero esta, con toda probabilidade, sería torpedeada por varias vías.

Os precedentes do Prestige e as caixas acreditan que é posible investigar asuntos que atinxen a competencias estatais, pero tamén amosan os xeitos en que a investigación pode ser atrancada

Alexandra Fernández e representantes das vítimas, no Congreso CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.