- A coordinadora cre que o debate amosa "unha organización viva" e mantén que o grupo do Congreso "non se negou a render contas"
- Desmarque da dirección de Podemos Galicia
En Marea ten este sábado en Santiago unha cita clave. É, cando menos, a máis relevante dende a súa constitución como partido instrumental no verán de 2016, cando as forzas que participaran como coalición nas eleccións xerais de decembro de 2015 e de xuño dese mesmo ano procuraban, xunto ás mareas municipais, a fórmula para concorreren aos comicios galegos do pasado outono. O plenario da formación vén precedido de semanas de tensión entre sectores que se dispoñen a mediren as súas forzas internas en debates e votacións de documentos políticos e organizativos que translocen diferenzas cuxa orixe cómpre buscar no plenario do pasado decembro e, sobre todo, no proceso posterior ás eleccións internas de xaneiro, das que saíron os seus primeiros órganos de dirección: o Consello das Mareas e mais a coordinadora.
A elección da coordinadora foi, precisamente, o proceso que transloceu os maiores disensos. Co pano de fondo da discrepancia sobre a incompatibilidade das portavocías institucionais coas orgánicas a votación definitiva de abril trouxo consigo unha mudanza de alianzas que derivou, finalmente, na conformación dunha coordinadora encabezada como voceiro quen fora candidato á Presidencia, Luís Villares, cos votos a prol de parte da súa lista -Máis Alá-, da candidatura que conformara unha parte de membros de Anova -Somos Quen- e mais de membros de Cerna, que conformaran a lista Queremos Participar. Naquela votación non participara unha ducia de integrantes da lista Máis Alá que consideraron rachadas as liñas esenciais dos documentos previamente aprobados.
O proceso de elección da coordinadora tras o primeiro plenario foi fonte de tensións internas
Con estes antecedentes a actual coordinadora defenderá ante o plenario uns documentos base cos que confrontarán os integrantes da organización que se agruparon baixo o lema Recuperar En Marea. Estas teses alternativas están apoiadas por, entre outros e a grandes trazos, o groso da Marea Atlántica, de Anova e doutras mareas locais, así como membros de Podemos e Esquerda Unida, se ben estes partidos xa confirmaron, como anticiparan, que non participan formalmente do proceso e apuntan á liberdade da súa militancia para acudir ou non a título individual. Estes textos recabaron tamén nos últimos días o apoio de Xosé Manuel Beiras. "Queremos recuperar En Marea e devolvela ao espírito do plenario de Vigo" e "non afastarnos do rumbo que nos marcamos entre todas", resumen na súa proposta.
A definición do partido instrumental
As teses da coordinadora definen En Marea como "movemento-instrumento eficaz que lidere, como primeira forza da oposición, a defensa dos dereitos da cidadanía"
Para a actual coordinadora o plenario deste sábado debera servir para "facer de En Marea o movemento-instrumento eficaz que lidere, como primeira forza de oposición na Galiza, a defensa dos dereitos individuais e colectivos da cidadanía". Neste sentido, o texto defendido pola coodinadora subliña que a "fragmentación organizativa actual, consecuencia das tentativas frustradas de dar unha resposta eficaz ás demandas da cidadanía", debe avanzar cara a un escenario de "suma de forzas para os obxectivos comúns" que procure "unha ampla alianza de forzas de esquerda, nacionalistas e non nacionalistas" co "obxectivo de afastar do Goberno ao corrupto Partido Popular" tanto en Galicia como no Estado.
Os textos críticos rexeitan "reducir En Marea a un partido clásico" e defíneno como un "suxeito político popular, democrático, radical, republicano e de ruptura"
O texto defendido por Recuperar En Marea apela ao "manifesto dos alcaldes" de hai un ano para resaltar a necesidade de que en Marea sexa "un suxeito político popular, democrático, radical, republicano e de ruptura", un "proceso" que non sexa "reducido a un partido clásico de réxime, destinado a concorrer no mercado electoral para participarmos na alternancia regrada de inquilinos nas institucións" ou a unha "máquina electoral permanente". É neste punto no que este grupo advirte de que desbota a implantación de "ningunha clase de protocolo nin subalternización a respecto dun órgano de dirección", toda vez que "En Marea é un espazo suficientemente líquido e plural como para estar configurado" por persoas e organizacións "que participan do proceso sen condicións".
Regulamentos e financiamento
Neste contexto prevese que un dos puntos centrais do debate do plenario, que se estenderá durante toda a xornada, sexa o do regulamento que artelle o funcionamento interno de En Marea. A actual dirección e o texto crítico coinciden en definir a coordinadora como un órgano elixido polo consello -o máximo órgano entre plenarios- que ten un cometido de "coordinación e dirección política, mais en ningún caso de carácter xerárquico", pero discrepan na cuestión da portavocía. O grupo de Villares aposta por "unha persoa portavoz" que "exerce a máxima representación pública e as relacións políticas de En Marea, impulsa e coordina o traballo" e cuxo labor é complementado con viceportavocías. Mentres, a emenda do grupo crítico aposta por unha "voceiría colexiada, paritaria e rotatoria" formada por "dúas mulleres e un home". De saír adiante, a mudanza implicaría que Villares non sería o principal referente orgánico da formación.
As dúas principais opcións que se votarán discrepan na figura da portavocía, no documento económico e no modelo de expansión territorial
Vinculado coa cuestión das portavocías figura outro dos puntos de tensión das últimas semanas: o documento que rexerá o réxime económico de En Marea e dos seus representantes institucionais. A carta financeira que propón a coordinadora propón que os cargos electos cobren, "como máximo, 3 veces o salario mínimo interprofesional" con complementos por persoas ao cargo -medio SMI por persoa "ata un máximo de 2 salarios mínimos- e agrega que "estas condicións poderán ser revisadas no caso de lucro cesante que con carácter irreversible sufra a persoa electa" -unha rebaixa substancial de remuneración a respecto da profesión que desempeñase anteriormente- ou "por cargas económicas acreditadas". O texto alternativo, pola súa banda, promove que estas contías non poidan incrementarse "en ningún caso". Ambos textos coinciden, pola contra, en que os cargos internos non estarán remunerados, alén do persoal técnico e das compensacións por conceptos como desprazamentos.
Outro dos puntos do debate no que se prevén diverxencias é o da expansión territorial de En Marea, unha das prioridades fixadas pola actual dirección, e a convivencia deste proceso coas mareas municipais que xa esisten. A coordinadora formula un protocolo para "promover mareas municipalistas" para formalizar estas constitucións e relacións, o cal, din os textos implica unha relación estable pero "en ningún caso" o órgano nacional sexa "tutelador" do local. Mentres, dende Recuperar En Marea promóvese un sistema baseado en "redes municipalistas autoxestionadas e autónomas" no que a "interacción entre a escala local e nacional" se producirá "en todo caso, a petición das redes municipalistas". En ambos textos permanecen, en calquera xeito, as estruturas municipais creadas antes que a propia En Marea.