0 Gardados para despois

Feijóo entrega as Medallas de Galicia cun discurso contra o "nacionalismo desaforado"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Por quinto ano consecutivo a Xunta non organiza acto ningún polo Día Nacional de Galicia. Tras a suspensión da entrega das Medallas de Galicia o 25 de xullo de 2013 por mor do accidente de Angrois, que acontecera na xornada previa, ao ano seguinte o Goberno galego decidiu desprazar a cerimonia dos seus máximos galardóns ao 24 para facela cadrar co aniversario do descarrilamento -movemento que boa parte das vítimas rexeitaron- e nesa data permaneceu ata agora. Neste 2017 o Goberno galego outorgou as súas Medallas nun evento na Cidade da Cultura que Alberto Núñez Feijóo aproveitou para lanzar un discurso contra o que definiu como "nacionalismo desaforado".

Como aprobara o Consello da Xunta as condecoracións deste ano estiveron encabezadas pola homenaxe póstuma a Miguel Ángel Blanco, o concelleiro do PP en Ermua (Biskaia) asasinado por ETA hai 20 anos. No seu nome recolleu a Medalla a súa irmá, María del Mar Blanco, a tamén deputada popular que definiu o irmán como un "mozo valente" que "foi capaz de enfrontarse aos terroristas" e considerou tamén que "ETA segue sendo o presente". Tras a intervención de Blanco e un brevísimo discurso da aristócrata e empresaria Isabel Castelo, tamén galardoada, interveu o ex-presidente conservador portugués Aníbal Cavaco Silva, que loubou a relación de Portugal e Galicia como "espaço europeu privilegiado de interacção e cooperação".

Romay presentou a Feijóo como "ese outro fillo" que "representa todos os meus soños políticos"

O discurso máis prolongado dos galardoados foi o de José Manuel Romay Beccaría. O ex-conselleiro, ex-ministro, actual presidente do Consello de Estado e mentor político do presidente da Xunta inzou a súa intervención de agradecementos simbólicos e concretos, dende Quevedo a Churchill, Adolfo Suárez, Felipe González, Albor e Fraga, o Papa, Amancio Ortega ou "as nais galegas". Romay detívose tamén na referencia "ao PP, o partido de Miguel Ángel Blanco e Gregorio Ordóñez" e xusto a continuación "na decencia e a honradez, o único patrimonio que ninguén pode expropiar a un home" e, nun discurso pronunciado case integramente en castelán, evocou os seus tempos de conselleiro e Sanidade e fixo mención expresa a Feijóo, "ese outro fillo" que "representa todos os meus soños políticos".

O presidente alienta o "patriotismo legal"

Tras os discursos das persoas galardoadas chegou o do presidente, que a vinte e catro horas do Día Nacional considerou que "Galicia celebra cada 25 de xullo a súa festa da unidade". Entre mencións máis ou menos implícitas ao soberanismo catalán -"pretendendo reafirimar unha identidade mal entendida pérdese a cohesión", reflexionou- o xefe do Goberno galego chamou ante un auditorio ateigado a confrontar "o patriotismo que se inspira nas leis" coa "modalidade de nacionalismo sustentado en historias míticas nas que non falta un inimigo real ou fabulado", dixo entre citas do padre Feijóo.

Feijóo alerta dos efectos da "modalidade de nacionalismo sustentado en historias míticas nas que non falta un inimigo real ou fabulado"

"Todos sabemos as consecuencias" de ir "cara ao nacionalismo desaforado", dixo o presidente, e por iso, di, cómpre alentar o "patriotismo legal e constitucional", que "dá forma aos estados máis libres e avanzados" e facelo combinando estes elementos coa "galeguidade, que se nutre da historia, da cultura, da paisaxe..." e co propio autogoberno de Galicia, "que descansa no marco constitucional e estatutario", marco legal que define como "catedrais dunha pedra diferente, capaces de acoller a todos".

O xefe do Executivo culminou o seu discurso, como adoito, cunha mención aos premiados a comezar por Miguel Ángel Blanco, que "se rebelou contra o terror" e a quen contrapón ás "modernas rebeldías que non supoñen risco ou ameaza para os autores" do asasinato do edil, dixo. Tras presentar a Cavaco como "o principal dirixente da historia democrática de Portugal" desfíxose en eloxios cara a Romay, "sobredose oportuna de prudenica e moderación" que, asegura, deu "toda unha vida ao servizo de Galicia e de España". "Somos moitos -proclaou. os que con éxito desigual teimamos por seguilo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.