A Fundación Franco asume que utilizará o Pazo de Meirás para gabar "a grandeza" do ditador

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

A Fundación Francisco Franco (FFF) xestiona desde hai dous meses as visitas ao Pazo de Meirás. Tal e como se soubo a pasada semana e denunciou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, esta entidade franquista encárgase de organizar a axenda de percorridos guiados que a lei esixe deste Ben de Interese Cultural (BIC) propiedade da familia do ditador. A noticia provocou fortes críticas por parte de toda a oposición, máis aínda logo de que a Xunta recoñecese que non pode facer nada legalmente ao seren os propietarios "quen se deben encargar de cumprir co mandato legal de abrilo ao público de forma gratuíta, así como do seu mantemento". Tan só uns días despois, a FFF vén de emitir un comunicado no que, lonxe de evitar polémicas ou limitar o seu traballo a fixar as datas e horarios, recoñece que o labor suponlles unha "excelente oportunidade" para facer apoloxía do dirixente fascista e da súa ditadura. 

A Fundación di que xestionar as visitas é "unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Franco"

Así, a Fundación di que recibiu "como unha honra" a decisión de xestionar as visitas ao Pazo porque é "unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco, para potenciar o turismo a Galicia e para difundir o patrimonio galego no mundo". O texto, con ton ameazante, saae á luz logo de que BNG ou En Marea cualificasen de "burla" e "insulto ás vítimas" que esta entidade se encargase de programar o horario e a apertura ao público do BIC. Nel, a institución franquista acusa a esquerda de "pedir con toda claridade e reiteradamente que se viole a lei ante a indiferenza xeral". E engade que o "incumprimento da lei, como se veu na II República co pucherazo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, si ten consecuencias sobre todos os españois". 

Neste mesmo luns, o PSdeG tamén se manifestou para considerar "unha burla ás vítimas da ditadura" que esta fundación xestione as visitas e advertiu de que preguntará no Parlamento se a Xunta "ten a vontade política" de evitar que esta situación que ve "unha provocación" da familia do ditador. 

Para a Fundación Franco, que fai referencia ás protestas públicas de Bloque e En Marea, o seu obxectivo "non é o Pazo de Meirás, senón desgastar o PP ao ameazalo: se cumpre a lei é fascista". "Un conto de nenos que, malia terse repetido en numerosas ocasións, non perdeu eficacia", di unha entidade que vai máis aló e fai a súa particular versión da forma na que a familia do ditador se fixo co inmoble.

A Fundación advirte a esquerda de que "o incumprimento da lei, como fixo a Fronte Popular no 36, si ten consecuencias para todos os españois"

Malia que son reiterados e comprobables os testemuños e documentos que acreditan que o Pazo chegou ás mans de Franco logo da presión, ameazas e espolio ao pobo a través de expropiacións de terras, subscricións populares obrigatorias e roubo de recursos do Estado durante numerosos anos, a Fundación entende queu foi "doado polo pobo galego" ao ditador "mediante subscrición pública". "Grazas a esta xenerosa doazón, Galicia contou coa presenza no verán de quen fora xefe do Estado durante a totalidade do seu mandato, honra á que ningunha outra rexión española tivo acceso, e que demostra que a Deputación da Coruña foi non só xenerosa, senón intelixente", engade. 

Cunha prosa propia de moitos anos atrás, a Fundación advirte que "Galicia conta cun importantísimo patrimonio cultural que engadir aos que xa tiña" por ter a "residencia non oficial máis importante na que viviu Franco", que "está chega de recordos da súa vida e da súa obra". "O Pazo é hoxe un dos lugares emblemáticos de Galicia, coñecido en todo o mundo, e sobre el recae parte da gloria de quen o habitou, probablemente o español de maior relevo mundial desde Felipe II", asegura. 

Para a CRMH, este comunicado e outros anteriores "proban a misión negacionista da Fundación Franco, que está a utilizar o Pazo de Meirás como plataforma para difundir mentiras, lesionando a memoria das vítimas e os valores da democracia". Ante esta situación, solicita "o amparo das institucións democráticas do país, nomeadamente do Parlamento galego", e reclama del "unha condena firme do negacionismo que protexe os ilexítimos intereses da familia Franco en Meirás, encabezado" pola devandita fundación. 

"Esta entidade, de non disimulado carácter fascista e práctica antidemocrática, repite no comunicado as mentiras do relato totalitario do golpe de Estado do 36 e respecto do que foi espolio de Meirás", advirte a CRMH, que busca "reclamar a atención das institucións, e tamén dos medios de comunicación, respecto dunhas actitudes que fan parte dun intento de socavar a democracia e mesmo alentan unha reacción totalitaria diante da crise do sistema institucional español". 

A CRMH pide "o amparo das institucións democráticas" e reclama do Parlamento "unha condena firme do negacionismo que protexe os ilexítimos intereses dos Franco"

"Chamamos a esas institucións e a todas as forzas políticas que as sosteñen a abandonar a ambigüidade es os medos para que elaboren leis que garantan a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas e lle paren os pés ao negacionismo", conclúen, ademais de asegurar que "non é tempo de ser inxenuos ou pusilánimes diante de manifestacións como as da Fundación Franco" e reclamar "non ser inxenuos" cun relato "que converte os verdugos en vítimas e que pretende crear un clima social de malestar". E pon como exemplos o ataque hai meses a unha exposición sobre a historia do movemento obreiro na Coruña ou o ataque á sede do BNG na mesma cidade. 

Non é a primeira vez que a Fundación Francisco Franco difunde unha visión deturpada sobre a historia do Pazo. Nun boletín informativo de hai nove anos, tal e como advirte a CRMH, "mente con claridade" sobre o proceso de traspaso de propiedades á familia do ditador e "elabora un relato falso, tanto sobre a continuación do espolio máis aló dos muros do inmoble como do suxeito que fixo aquela doazón, intentando agochar un espolio que está documentalmente probado pero que aínda non se someteu á xustiza".

 

Permitido pola lei

A xestión do Pazo por parte da Fundación Francisco Franco chega logo de que a Xunta abrise un expediente á familia Franco por obstaculizaren o réxime mínimo de visitas que marca a lei -catro días ao mes- e despois de que o antigo teléfono se mantivese inactivo durante semanas, tal e como denunciaron diversas administracións e entidades o pasado mes de febreiro. Coa ameza dunha multa máxima de 6.000 euros para a acomodada familia do ditador por parte do Goberno galego, os Franco delegaron a elaboración da axenda para visitar o inmoble na Fundación que, entre outras actividades, gaba o golpe de Estado, promove denuncias contra os concellos que retiran simboloxía fascista dos seus rueiros ou programa actos e misas en homenaxe a militares golpistas.

A Xunta aclara que a "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas as xestione unha ou outra entidade"

A Consellería de Cultura lembra que "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas se xestionen a través dun ou outro tipo de entidade", polo que legalmente non se pode facer nada mentres o BIC estea suxeito á normativa actual e sexa sendo propiedade privada da familia do ditador. 

Ao tempo, desde a Xunta cren que "cómpre aclarar" que a Consellería "non achega" na actualidade "ningunha cantidade económica á familia ou ao Pazo nin para xestionar as visitas, nin para a seguridade nin para absolutamente nada".

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Propaganda franquista sobre a incautación do Pazo de Meirás (1938) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.