O Ministerio de Fomento preparou a pasada semana o terreo para a visita do seu titular a Galicia con dous anuncios que ficaron en segundo plano por mor do veto definitivo á transferencia da AP-9 á Xunta, que Alberto Núñez Feijóo dixo acatar con "lealdade" polas "tensións territoriais" do Estado. Un foi o relativo á asunción por parte do Goberno central das bonificacións de peaxes que dende 2006 pagaba ao 50% coa Xunta, documento no que tamén admitiu que Audasa leva dende 2006 gozando dun "enriquecemento inxusto" grazas ao sistema de cálculo que agora Fomento muda. O outro, a licitación das obras do enlace da mesma Autoestrada do Atlántico coa Cidade da Cultura, pola que Íñigo de la Serna e Feijóo se aplaudiron con intensidade malia tratarse dun proxecto que leva case década e media a transitar polas gabetas dos gobernos español e galego. Concretamente, dende que o propio Feijóo o anunciou, como conselleiro de Política Territorial, en setembro de 2003.
Naquel final de verán de hai catorce anos o actual presidente da Xunta levaba apenas seis meses na Consellería á que chegara como remuda de Xosé Cuíña, enviado pola dirección central do PP en plena crise do Prestige. A quen o ano seguinte ascendería a vicepresidente primeiro de Manuel Fraga correspondíalle neses meses formular toda unha fervenza de anuncios de investimentos, a maioría ligados ao Plan Galicia que, afirmaba, convertera a Galicia en "envexa doutras autonomías". O día 3 de setembro o departamento de Feijóo fixo oficial o anuncio: "A Xunta investirá 3,3 millóns de euros nas obras de construción do enlace da Cidade da Cultura de Galicia coa autovía A-9", denominación que a Consellería manexaba para o treito urbano da AP-9.
O primeiro anuncio da obra, que Fomento se dispón a contratar, lanzouno a Consellería de Feijóo en setembro de 2003, en plena promoción do Plan Galicia
A través do conselleiro Feijóo o goberno Fraga puña 3,4 millóns de euros máis para o controvertido complexo que estaba a construír no compostelán monte Gaiás. Servirían, detallaban, para construír unha ligazón de 1,6 quilómetros dunha única dirección e unha vía de 500 metros de dirección dobre. O horizonte para o enlace coa AP-9 era o mesmo que o previsto que para os primeiros edificios da Cidade da Cultura, 2005.
A coñecida sucesión de atrancos e sobrecustos, o cambio de Goberno na Xunta e no Estado, as sucesivas mudanzas no proxecto do Gaiás ata a súa inauguración parcial en 2011 e a posterior paralización das obras en 2013 foron algún dos acontecementos que acompañaron as promesas sobre esta obra, que dende 2009 foi unha peza máis da batalla entre o Goberno galego do PP e o estatal do PSOE. Así, foi pouco antes da vitoria dos populares nas xerais de 2011 cando o último ministro socialista de Fomento, José Blanco, accedeu a incluír o acceso ao Gaiás dentro da ampliación da AP-9 en Santiago.
Detalle do proxecto de enlace da AP-9 á Cidade da Cultura / Ministerio de Fomento
A Xunta chegou a poñer sobre a mesa en 2012 uns 7 millóns para construír o enlace, se ben a fórmula definitiva non chegou ata o convenio asinado en 2016
Xa con Rajoy na Moncloa o Goberno galego mudou de guión e en 2012 o daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, puña sobre a mesa 7 millóns de euros -máis do dobre do previsto por Feijóo como conselleiro- para executar os traballos. Ao contrario do que sucedera en 2003 nesa ocasión a Xunta si realizou algún trámite ao respecto e en marzo dese mesmo ano someteu o proxecto a información pública. Non obstante, a fórmula definitiva para pagar e facer a obra non chegou ata catro anos despois, no verán de 2016, cando a Xunta e o Goberno de Rajoy en funcións asinaron un convenio xunto a Audasa polo que Fomento financia a obra con 4,2 millóns e a Administración autonómica se fai cargo das expropiacións por uns 300.000 euros, ademais da redacción do proxecto construtivo.
Con este pano de fondo, catorce anos despois de lanzar o proxecto como conselleiro Feijóo eloxia o "compromiso" de Fomento por poñer en marcha o contrato. "Unha vez que están no BOE, os compromisos políticos rematan; a partir de aí hai que adxudicar e executar a obra", sinalou o presidente ante o ministro. Mentres, dende o Concello de Santiago saúdase a recta final do proceso por supor tamén un alivio para os tráficos que actualmente soportan barrios como os de Sar e Fontiñas, se ben o goberno local que encabeza Martiño Noriega comparte coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre a opinión de que o enlace do Gaiás ten unha urxencia menor que o coñecido como enlace orbital, que conectará no norte da capital galega a AP-9 e a A-54 -autovía do aeroporto e inicio do futuro vial a Lugo- coa devandita área industrial.