Oposición, institucións e asociacións pola memoria histórica érguense contra o silencio do PP e da Xunta logo de que se coñecese non só que a Fundación Francisco Franco xestiona desde hai meses as visitas ao Pazo de Meirás, senón tamén a intención desta entidade fascista de aproveitarse dese labor para gabar "a grandeza" do ditador e facer apoloxía do seu réxime.
A Deputación da Coruña advirte que denunciará a Fundación Franco se incumpre a Lei de Memoria Histórica facendo apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás
Xusto no primeiro día dos catro únicos de agosto nos que se permiten visitas ao Ben de Interese Cultural (BIC) -só nos dous primeiros e nos dous últimos de mes ao non querer a familia do ditador ser molestada durante a súa estadía de verán-, partidos e administracións responderon ao polémico comunicado da Fundación Franco, onde advertía da "excelente oportunidade" que a xestión do Pazo lles proporcionaba para defender o seu ideario fascista. Así, a Deputación da Coruña xa advertiu que denunciará esta entidade de comprobar que fai apoloxía da ditadura no inmoble, mentres que En Marea, PSdeG e BNG presentaron varias iniciativas.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da institución provincial, lembrou que a Deputación xa "retirou as honras a Franco o pasado ano" e manifestou o seu "compromiso" de presentar unha denuncia "no caso de que a Fundación incumpra a Lei de Memoria Histórica facendo apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás". Durante a inauguración da Feira do Libro da Coruña, invocou á devandita lei para que se "impida" que esa asociación "siga eloxiando o réxime ditatorial" no inmoble porque "un feito así non acontece en ningún país que teña posto fin a unha ditadura como a que aquí se viviu". "En Alemaña sería impensábel coa figura de Hitler ou en Italia con Mussolini”, dixo.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña congratulouse de que a Deputación "teña respondido tan dilixentemente" á demanda que fixeron xa o luns reclamando unha "resposta contundente desde as institucións públicas" ao comunicado da Fundación Franco.
O PSdeG pide un pronunciamento oficial da Xunta que "reprobe" as declaracións da Fundación Franco e o uso do Pazo para a "exaltación" da ditadura
Desde o PSdeG, pola súa banda, a deputada Concepción Burgo rexistrou xa dúas proposicións non de lei para levar a pleno e comisión no Parlamento esixindo á Xunta que faga público un comunicado oficial "no que claramente sexan reprobadas" as declaracións da Fundación que "enaltecen a figura do ditador" así como pola "utilización do Pazo de Meirás para a exaltación dunha figura culpable do asasinato de miles de persoas”. Para os socialistas, o comunicado da FFF supón “un auténtico insulto, burla e provocación a todos os galegos e galegas e a toda a cidadanía democrática”.
Burgo censura “o ton empregado, o vocabulario utilizado e a absurda manipulación histórica” que fai a Fundación nun comunicado “inadmisible”, polo que insta tamén a Xunta a “manifestarlle claramente aos herdeiros de Franco a oposición do Goberno galego a que xestione as visitas ao Pazo” e que “non poden utilizalas para gabar a figura do ditador”. Ademais, denuncia o relato negacionista e falso que a entidade fascista fai sobre o inmoble "que chegou ás mans do ditador a través de espolios, roubo de recursos públicos e subscricións obrigatorias, froito de ameazas e presións”.
O BNG pide crear unha comisión de estudo para reverter o Pazo ao patrimonio público galego
Desde o BNG, pola súa banda, o deputado Luís Bará tamén presentou varias iniciativas nas que pide “unha condena pública do uso do Pazo por parte da Fundación Franco por apoloxía da ditadura e do ditador”. Ademais, solicita crear unha comisión de estudo para a devolución do inmoble ao patrimonio público e devolver aos lexítimos donos e herdeiros todas as propiedades privadas “espoliadas”.
Por outra banda, o Bloque reclama aprobar unha lei galega de memoria histórica que “prohiba, persiga e sancione” os actos de exaltación do franquismo e as entidades que os promovan. Así, insta a Xunta a velar para que as visitas do Pazo de Meirás "non sexan utilizadas para transmitir unha versión manipulada da historia que ofende a todas as vítimas do franquismo" e denuncia que esta actitude “chulesca e desafiante” conta coa “complicidade e permisividade do PP e da Xunta” que ampara "o parque temático franquista no que se converteu o Pazo que debe ser devolto a todos os galegos e galegas".
En Marea e Bloque denuncian a "complicidade, permisividade e conivencia" da Xunta e do PP coa entidade franquista
Desde En Marea, o seu voceiro, Luís Villares, aproveitou o debate no Parlamento sobre o teito de gasto para denunciar que a Xunta permita que a Fundación Francisco Franco xestione o Pazo de Meirás, "algo a que ninguén agradará aínda que sexa legal". "Debería avergoñar a calquera que esta entidade xestione un ben espoliado, pero aquí o que hai é apupos por denuncialo", dixo en referencia ás críticas da bancada do PP mentres censuraba a situación do BIC.
Ademais, a tamén deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, asegurou que "o PP, un partido democrático que ten que rexeitar isto". "Está sendo absolutamente permisivo e hai conivencia, senón non se explica cando non se cumpre a lei nun BIC", dixo, tras insistir na posibilidade e solicitude, xa expresada pola súa formación noutras ocasións, de que se busque a maneira de que sexa o propio Concello de Sada quen xestione as visitas ao Pazo.